MIRADAS NOVAS

miradas1

Pitusa Arias

Sabía da Chanfaina’Lab, da confluencia de talentos do audiovisual galego en San Sadurniño onde puidemos atopar pezas como Cruz Piñón, de Xisela Franco, na que, en paralelo, discorre a vida dunha veciña da localidade. Dun lado, o rutineiro e esgotador traballo no agro e do outro, a creatividade. Dun lado, unha muller de mandilón e carretilla que fala cos porcos. Do outro, a mesma muller, luminosa, que pinta.

O que non sabía era que un numeroso grupo de mulleres deste concello participaron como protagonistas noutra experiencia que, como a anterior, fíxolles ver unha imaxe descoñecida delas mesmas.

Pregunto: como é posible que unha persoa de entre 70 e 88 anos de idade, nunca sacase unha foto? Repito. Como cabe na cabeza de ninguén que durante o século xx, unha muller nunca tivese na man unha cámara de fotos para tirar dela unha imaxe. Mesmo unha íntima e familiar? Insisto. Como pode ser que unha muller adulta só fose obxectivo pasivo dunha cámara, pero nunca apertase o botón?

O fotógrafo Gabriel Tizón dirixiu o obradoiro de 300 horas, auspiciado polo departamento municipal de Igualdade, que reuniu en San Sadurniño a 23 mulleres, para aprenderlles a fotografar. O resultado desa experiencia inaugurouse a véspera do 8 de marzo de 2015, na galería da Casa do Concello.

Deixando a un lado o resultado, as fotos mesmas, quedei co que dixeron, porque eu non son das que din unha imaxe vale máis que mil palabras, senón das que defenden que mil imaxes non sempre valen máis que unha palabra.

Quedei, insisto, coas palabras que pronunciaron as protagonistas, Erundina, Isabel, Otilia, Marina… unha vez finalizada a experiencia:

«Teño 72 anos e nunca unha foto fixera…».

«A foto para min é unha cousa bonita. Non sabía utilizar unha máquina».

«Teño 80 anos e fíxate, que nunca unha foto fixera. E saqueille unha ao río onde me bañei de nena, e boh!… saíume!».

«Agora gústame facerlle fotos a cousas que parece que non teñen importancia e si que a teñen».

«Agora que empecei estou moi ilusionada en, polo menos, comprar unha máquina e empezar a facer fotos, porque me encanta».

«Se as fago eu, mellor, a experiencia será máis bonita».

«Disfrútoas porque vou paseando e penso que vou saír adiante. Vou pedirlle aos Reis unha máquina».

«A fotografía para min foi un descubrimento que nunca pensei que me ía dar tanta satisfacción e tanta alegría, porque nunca unha cámara collera na man. A máis bonita, a que lle fixen ao meu home diante da casa, que pensei… pero isto, fíxeno eu? Paréceme imposible. Quero facer moitas máis, pero quero facelas eu. Deume alegría, satisfacción, benestar… E meu fillo vaime regalar unha cámara. Xa me está tardando. Grazas ás persoas que nos souberon poñer neste camiño».

Pódese ver o audiovisual, con estas manifestacións e fotos marabillosas, na páxina web municipal poñendo, como non, o título da experiencia «Miradas novas».

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s