LEMBRANZAS: Vituca, unha muller coqueta

Vituca, unha muller coqueta

Elisa Paz Pérez*Lembranzas-Vituca

Esta é a historia da mocidade de Beatriz, máis coñecida como Vituca. Nada en Artes, unha aldea de Santa Uxía de Ribeira, no ano da guerra civil, 1936. Na casa vivían tres irmáns, os pais e unha avoa.

Dende pequena, a Vituca gustáballe moito ver como a súa nai se peiteaba, se poñía guapa e se preparaba, e o que máis lle chamaba a atención era o pelo. Con 6 ou 7 anos tiña o cabelo curto, pero insistiulle a súa nai para que lle fixese dous riciños:

Un a cada lado, onde tiña o pelo máis longo. Colocáronme como dous anacos de ferro, un para cada rizo, e tíñanme que aguantar da cabeza, porque, co peso, eu soa non podía con ela!

Cando tiña 17 ou 18 anos coidaba moito do seu cabelo:

Facía sempre a permanente. Lavábannos a cabeza, enrolaban os bigudíes nun guecho e poñían unha especie de sobreciño de carburo, como os da macela, que enganchaban cunha pinza de ferro.

O carburo fervía ao estar o pelo mollado e Vituca tiña que ter a unha persoa ao lado para evitar queimarse:

Eu dicíalles «sóprame aquí, sóprame alá», para que non me queimase o carburo; despois volvíannos lavar o pelo e iamos para a casa a mar de contentas, e de guapas.

Para maquillarse tamén había outros costumes naquela época. Utilizaban Visnú, unha crema tan branca coma o leite, que botaban pola cara cun algodón:

Ter a cara morena era sinal de traballar no campo. Cando iamos á finca a traballar, tapabámonos todas cun sombreiro ao que atabamos un pano, e medias se facía falta! E usabamos Visnú para ter a cara branca e fina […] e para o colorete pasabamos un papel vermello polas meixelas, para darlles un toque colorado […], e para as cellas, utilizaban Abéñula, que tamén lle chamabamos Abeñuela, para poñer as cellas negras e fortes […]. Agora ben para lavar a cara, nada mellor que auga e xabón.

Á hora de depilarse, importaban moito as cellas, que depilaban con pinzas. E para as pernas e demais, utilizaban pedra pómez:

Fregabas forte para que caesen os pelos, que ao ser noviñas caían de contado, e tamén limpabas a pel vella.

Algunhas das súas amigas tamén utilizaban coitela ou navalla e hidrataban despois coas cremas que se comercializaban ou ben cun pouquiño de aceite, estirándoo ben pola pel para non ir pingando.

Aínda que a ela non lle gustaba moito pintar as unllas, recorda que

As nenas e algunhas mozas pintábanas con granas, que son froitos dunhas plantas coñecidas na zona como chopos e que ao madurar tiñan unha cor morada […], pasaban o froito polas unllas varias veces, ata que quedaban moradas. A miña filla teno feito moitas veces!

Ademais dos coidados persoais e a maquillaxe, tamén lembra que para ir ao baile, se só tiña un vestido

Ía á cidade a comprar dous tubos de tinta para cambiar a roupa de cor. Botaba os tubos nunha ola de auga fervendo, metía o vestido e deixábao estar durante unha hora máis ou menos. Despois púñao a arrefriar un pouco e lavábao no río […], un sitio común ao que ían antes a lavar a roupa.

A verdade é que, a pesar de ser moi coqueta e gustarlle moito ir sempre ben vestida e peiteada, na súa foto favorita (a desta reportaxe) non leva maquillaxe, como ela di, «coa cara lavada do río, sen colorantes nin conservantes!».

*             Elisa é neta de Vituca.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s