Ben seguro que xa coñecedes este estupendo traballo das feministas do Consello da Cultura: http://consellodacultura.gal/fondos_documentais/hemeroteca_feminista_galega/
Un proxecto que agardamos, polo ben e para uso e goce de todas, que se complete e se poña ao dispor do público no menor tempo posible.
Concordamos plenamente coa organización da hemeroteca feminista cando afirma que se trata dun “proxecto conxunto que ten como obxectivo facer pública unha documentación básica de grande utilidade para a investigación e para as persoas interesadas nos feminismos e/ou na historia recente de Galicia. Trátase de pór en acceso aberto, de xeito progresivo, as publicacións feministas galegas, coa reprodución de todos os números e cunha indexación completa e moi detallada dos seus contidos e persoas que interviñeron nelas”.
O martes día 2 de decembro participamos na xornada de presentación e se escribimos con tanto retraso sobre o acto no
que tamén estiveron Helena González Fernández e Mariam Mariño Costales, coordinadoras da hemeroteca, Sabela Mouriz, promotora de´A Saia e María Xosé Queizán, directora da Festa da Palabra Silenciada, é porque dubidabamos en facer público o noso malestar polo trato recibido nos programas de presentación de tan importante documento histórico.
Ás palabras do díptico nos remitimos: “Nesta xornada Xénero e Documentación III preséntase unha primeira entrega da citada hemeroteca poñendo a disposición do público a colección completa de A Saia (1982-1983), a primeira época da revista Andaina e os oito primeiros números da Festa da Palabra Silenciada (1983-1991)”.
É susceptibilidade nosa que non nos guste que A Saia —unha publicación da que só se chegaron a editar dous números— vaia acompañada das correspondentes datas, a Festa, das datas e do engadido “os oito primeiros números”, e que no caso de Andaina non se fagan explícitas nin datas nin exemplares? Quizais si.
De momento, tendes ao voso dispor os 24 números e os 3 especiais que compoñen a primeira época de Andaina. Son os que se corresponden aos anos comprendidos entre 1983 e 1991. Non nos presta andar por aí erguendo determinadas bandeiras, pero menos nos presta inda que neste terreo no que nos movemos ás persoas preocupadas pola sensibilidade feminista se deixe de lado de maneira descoidada a linguaxe, recoñecida e poderosa arma.
E despois queixamonos de como se escribe a historia!!