AS SEÑORAS NON TOMAN AUGARDENTE

depositphotos_12299427-stock-photo-two-women-drinking-a-schnapps

As señoras non toman augardente

Moito se ten falado ultimamente sobre o tema dos micromachismos e a pertinencia de identificalos e eliminalos dos nosos comportamentos sociais. Pero a súa presenza está tan interiorizada que en moitas ocasións pasan inadvertidos para o conxunto xeral do grupo, identificando esas actitudes discriminatorias como parte das normas de cortesía social.

Sen dúbida hai sectores nos que estas situacións son moito máis evidentes que noutros, sectores tradicionalmente considerados como “de homes”: a construción, a fontanaría, a mecánica… Neles, moitos dos traballadores (digo moitos porque a maioría son homes, aínda a pesar dos esforzos de integración da muller aos traballos tradicionalmente masculinizados) cando están falando cunha muller para explicarlle, por exemplo, por onde deben ir as rozas, como deben ir os enchufes ou outros asuntos de interese, exprésanse con palabras simples e instrucións directas; sen permitir opinións porque, como é ben sabido, as mulleres deses temas non entenden moito. Neste tipo de profesións o machismo ou os michomachismos establécense case a modo reivindicativo: son albanel, son un tipo duro que emprega unha xerga de “homes”.

Porén é sorprendente que noutros ámbitos nos que esa masculinización non é tan evidente porque existe, en moitos casos, unha maioría de mulleres na realización das tarefas laborais, sigan a producirse situacións de discriminación de xénero. Máis aínda se pensamos que estes actos diferenciadores son protagonizados por mulleres. É nestes momentos cando se toma conciencia do interiorizado que están certos comportamentos sociais. Existe unha serie de estándares que, dun modo ou doutro, todos temos asumidos e que só somos conscientes de moitos deles no momento en que unha persoa se sae da “norma”. Aquí entra a anécdota en xogo…

A pasada fin de semana asistín a unha celebración cun grupo de amigos e amigas. Fomos a un restaurante e asistimos a un exemplo de como deben tratarse os clientes, sexan homes ou mulleres.

Atendeunos unha estupenda camareira que se vía moi resolutiva. Tomou nota do aperitivo: dous cócteles e tres refrescos. A camareira non dubidou, cócteles para os homes, refrescos para as mulleres, independentemente de que unha delas pedira o famoso vermú de festexo. Pediu desculpas pola confusión na colocación das bebidas e seguiu co seu labor. Comentamos no grupo como están tan asumidas certas actitudes que pasan case desapercibidas, e como os prexuízos afloran neste tipo de situacións.

Seguimos co xantar sen maiores problemas ata chegar á sobremesa. Serviunos a comanda preguntando, porque debe ser que o de atribuír a comida segundo o xénero só vale para as bebidas e para as ensaladas, as sobremesas son unisex (a non ser que sexa torta de whisky, claro). Por último anotou os cafés, foron tres infusións e un café. Serviunas e marchou satisfeita do seu traballo.

Esta rapaza servía tamén a mesa que estaba ao noso carón na que había dous mozos xantando, e non puiden evitar observar que no momento en que lles serviu o café púxolles a típica botelliña de augardente para aromatizar a infusión. Entón, amablemente, dirixinme a ela para preguntarlle porqué a min, que tamén tomara café, non me ofrecera a botella de augardente como fixera coas persoas da mesa do lado, ao cal, moi amable a camareira e cun ton de certa sorpresa, díxome: “es que normalmente las señoras no toman aguardiente”. E logo engadiu: “pero si la quiere, se la traigo”. E foise.

Os da mesa do lado, que estiveran pendentes, asentiron e comentaron.

Así se sentencia a unha persoa. Xulgoume publicamente no referido ao meu xénero e tamén aos meus hábitos de consumo, todo cunha soa frase.

Así funcionan os micromachismos e os prexuízos, e así son percibidos e asimilados por parte da poboación. Serviume isto para comprender que algo se está a facer moi, moi mal porque a camareira, que era unha rapaza nova, repite uns esquemas de comportamento social que, en teoría, deberían estar superados para a nosa xuventude.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s