Celebremos alegremente o nadal
Ala xente miuda: Imos celebrar o Nadal. Un festival! O festival de Nadal con dúas actuacións. Unha de cantar e outra de bailar e preparámolo con entusiasmo para que as vosas nais e os vosos pais baballen vendo o que sodes quen de facer.
Do vestiario, mellor mandamos carta ás familias para que vaian preparando. Que sorpresa van levar! E vos teredes que vir moi elegantes.
Xa, sodes cativos, crianzas. Sodes infantil. Nin sequera Primaria. Que chulada!
A canción é a que coñecedes e que cantaremos os tres grupos de sexto.
A 2ª actuación… Que nervos! é o Brinde de A Traviata de Verdi.
Estimadas familias…
[…]
O vestiario para as dúas actuacións será o mesmo.
Consistirá en vir o máis elegantes posible:
Os nenos: Camisa con paxariña e calquer pantalón, se algún ten chaqueta tipo americana pode traela.
As nenas: Si tedes traxes de princesas podedes traelo, e tamén vale tutú ou similar. É importante que veñan con falda ou vestido.
Pode que as persoas lectoras levedes as mans á . e pasmedes de asombro e ate preguntedes se é de aquí e de agora. Si, aquí e agora: Centro público de Compostela.
Porén nós queremos convidarvos a estas irreflexións que tanto nos gustan:
Porque non comezar cedo a familiarizalos coa cultura do alcol na que estamos inxeridos co alegre vals do Brinde de A Traviata?
Porque agardar a que sexan púberes ou adolescentes. É ben ir gañando tempo e criterios.
Bebamos nos alegres cálices que fan florecer a beleza […].Bebamos co doce estremecemento que o amor suscita, […]. Bebamos…
Está moi ben, tamén, que coñezan a grandes da música e da literatura coma é o caso de Verdi. Con libreto de Piave e música de Verdi. A Traviata, unha ópera que chegou ser moi popular, inspirouse na obra de A.Dumas A dama das camelias e a súa estrea foi na Fenice en Venecia en 1853.
É formativo que coñezan os debates do seu tempo e as polémicas feministas nas que se enredan moitas das súas nais, avoas, pais e outras persoas que non forman parte da familia.
A Traviata, a descarriada, ten a Violeta como protagonista. Unha cortesá ou o que é o mesmo unha puta que soa menos ben porén resposta á realidade aínda que unhas e outras se movan e traballen en distintos ambientes sociais.
Verdi defende a Violeta e ataca os prexuízos sociais do seu tempo a respecto das mulleres que non se axustan aos patróns de conduta que o heteropatriarcado ideou para elas. Critica un dos comportamentos terribles de Alfredo e do pai de Alfredo quen nun momento pide a Violeta que se separe do seu fillo Alfredo porque Como poderán casar á filla e ter boa reputación familiar se o seu fillo é amante dunha muller así?
Deste xeito a rapazada desde a máis tenra infancia, e a traveso de festivais, bailas e cantos, vai adquirindo habelencias, criterios, ideas e coñecemento do medio.
Por iso é do mellor que eles vistan de paxariña e a poder ser chaquetas tipo americana e elas,
ouhh elas, seguro que teñen traxes de princesas. Que ocasión para lucilos no ámbito escolar e socializarse máis como principesiñas e se non é o caso con tutús, porén sempre con vestido ou con saia.
Desde pequerrechiñas elas e eles tamén. Na escola, en infantil, para iniciar ese camiño fabuloso da feminidade e a masculinidade “natural”, a de toda a vida.
(Soubemos que protestou unha nai).
Que pelmas esas feministas! Só é un festival. Un vals bailado en parella del con ela. Porque tanto ruido?
Non organizou a Concellaría de cultura de Cuntis o 29.12.2018 un xantar de homes e unha cea de mulleres?