UNA MUJER Y DOS PERSONAS

UNA MUJER Y DOS PERSONAS

Patricia Arias Chachero

Estes días circulou nas redes o pantallazo dun titular de La Vanguardia no que se podía ler que os bombeiros tiñan rescatado a “una mujer y dos personas en Benicarló”. O xornal catalán non é, ao noso entender, un medio que, por norma xeral, se descoide neste tipo de cuestións que denotan tanto o machismo latente no que nos vivimos, como unha estulticia de tamaño tan desmesurado que provoca ira ademais de vergoña allea.

A evidente discriminación que agocha este texto trouxo a nosa cabeza outra que recentemente provocou o noso incomodo. O pasado 23 de setembro falecía en Vigo, a profesora e investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda. Os medios impresos de Galicia deron a noticia de tal maneira que semellaba que a súa traxectoria pública pasaba por dous feitos determinantes. O primeiro, a publicación dun libro para nenos sobre Rosalía de Castro; o segundo, que era a esposa de Xesús Alonso Montero. Ambas cousas eran certas, en 1988 publicou un pequeno volume en edicións de la Torre que se titulaba Rosalía de Castro para nenos, e case dez anos despois, o 16 de xullo de 1997, casou co expresidente da Real Academia Galega, con quen levaba convivindo desde o 88. A información non por certa deixaba de ser inxusta.

victoria

Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda foi máis, moito máis, que a autora dun volume para cativos e a esposa dun reputado catedrático; era, en palabras de Dolores Vilavedra, “a persoa que máis sabe no mundo da vida de Rosalía”. Era unha investigadora tenaz, cuxos demoledores e irrefutables estudos teñen demostrado feitos fundamentais á hora de achegarse á vida e á obra da poeta. Recomendámoslles vivamente que procuren un artigo titulado “Sobre as orixes de Rosalía de Castro: A Inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro” publicado en A Trabe de Ouro en 1999. Verán o documentadísimo esforzo que fai Álvarez Ruiz de Ojeda para demostar que era practicamente imposible que a nai de Rosalía pensase, nin por un minuto, en deixar a súa filla nesta institución. Asistirán perplexos a datos como que até principios do século XIX os expósitos composteláns eran marcados cun ferro ardente para identificalos, lerán que dos 432 nenos que ingresaron no orfanato o ano que naceu Rosalía, faleceron 342 e que a institución deixaba de facerse cargo dos que lograban sobrevivir en canto cumprían os cinco anos. Púñanos na rúa, onde ben poucos lograban chegar á idade adulta. Descubrirán ademais que o aleitamento dos naipelos era obrigado para as mulleres dos concellos limítrofes con Compostela, que moitos dos nenos transmitían enfermidades como o temido “morbo gálico” (sífilis) que afectaba tanto ás nais que aleitaban como aos irmáns de leite dos orfos e que por iso moitas familias se negaban a aceptar a encomenda imposta pola Inclusa, fuxindo da aldea ou sacrificando os expósitos.

Anos despois, no 2000, a investigadora viguesa atopou o testamento do sacerdote José Martínez Viojo, o pai de Rosalía, documento que buscaran sen éxito desde Fermín Bouza Brey e Ricardo Carballo Calero a Pilar García Negro. Tamén foi ela quen demostrou, recorrendo á documentación do Concello de Padrón, que a futura poeta viviu desde ben nena coa nai, Teresa de Castro, que non só non se desentendeu dela senón que procurou a súa formación e benestar.

Durante anos esta profesora de Lingua Castelá traballou sen descanso nun tema que a apaixonaba, sen escatimar nin o tempo nin o diñeiro que esixían as súas investigacións. A falecida, unha muller discreta, pouco dada a participar da vida cultural galega, pasou longas temporadas en Salamanca, Madrid e noutras cidades procurando información, moitas foron as horas que investiu en arquivos e bibliotecas. Non a coñecíamos en persoa pero doeunos a maneira de dar a triste nova, quizais porque resulta inxusto e ofensivo que a longa e coidada traxectoria dunha investigadora seria e rigorosa se resuma en dous conceptos que tradicionalmente se vinculan á muller, infancia e matrimonio.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s