MULLERES DE FERRO

Mulleres de ferro. Un filme de orgullos

Raquel Castropride

Chegou no mes de maio aos nosos cines unha película británica do ano 2014. Trátase dunha comedia dramática que nos conta os feitos reais acontecidos alá polo ano 1984 no Reino Unido, cando os mineiros de Gales se puxeron en folga e un grupo de gais e lesbianas saíu na súa axuda. Pride, dirixida por Matthew Warchus, amósanos unha sociedade que semella non ter cambiado logo de trinta anos xa. Unha sociedade, aquela e a de hoxe, onde o orgullo do propio fainos rexeitar o alleo.

Se buscades na rede podedes atopar a ficha técnica do filme, as datas históricas nas que ocorreron os feitos, os premios que levou. Non quero repetirme, só quero falar aquí da dicotomía entre dous tipos de mulleres que aparecen retratadas na cinta. Temos, por unha banda, á auténtica e máis famosa muller de ferro de todos os tempos, Margaret Thatcher, que someteu os mineiros a esixencias que ían máis alá do que calquera puidese soportar. Apertoulles ben as caravillas e os sindicatos declaráronse en folga. Os mineiros eran orgullosos, non ían ceder. A dama de ferro era orgullosa, non ía ceder. As condicións, que xa non eran boas tendo traballo, fixéronse insufribles naquelas viliñas mineiras de Gales, onde os únicos cartos que entraban nas casas viñan da mina. É, entón, cando entran en xogo aqueles que levan a palabra orgullo como emblema do seu ser. O colectivo Lesbians and Gays Support the Miners, LGSM, decide facerse cargo daquelas familias recadando cartos para que poidan sobrevivir mentres a folga dure.

Imaxinen a escena do colectivo londinense chegando a unha vila de Gales! Os orgullosos, que tamén o eran, mineiros non podían permitir que aquela xentalla se fixese cargo da subsistencia dos seus fogares. O orgullo, unha vez máis, non podía permitilo. Chegados a este punto do conflito só a aparición das verdadeiras mulleres de ferro vai facer que na pequena vila se impoña o bo xuízo. As mulleres dos mineiros, que administraban coma verdadeiras economistas os poucos víveres que tiñan, fixéronlles ver aos seus maridos, mineiros fortes e rexos, que só deixando atrás os prexuízos ían conseguir facer valer os seus dereitos. E foron elas, as verdadeiras damas de ferro, as que conseguiron gañar a loita sumando a xenerosidade de gais e lesbianas co respecto dos rudos mineiros. Estas mulleres de ferro, con luvas de la,  conseguiron darnos unha lección de solidariedade unindo orgullos.

Estas son as mulleres que sen saír nos medios de comunicación ―porque a folga foi de mineiros― e sen saír da sombra dos seus maridos, lograron o que veñen logrando dende hai séculos: sacar o mundo adiante. Mulleres que deberían sentirse orgullosas de seu e do seu, se entendemos a palabra orgullo coa segunda acepción que ten o dicionario: «satisfacción por algo propio que se considera digno de mérito» e non coa primeira «fachenda, soberbia, por considerarse superior».

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s