Os pés vendados

lospiesvendadosO debuxante Li Kunwu (1955) ademais de membro do Partido Comunista Chinés, é o autor de Unha vida en China, unha triloxía en banda deseñada que recolle, con valentía e realismo, o retrato histórico dos cambios experimentados no país asiático nos últimos anos. En Los pies vendados ofrécenos a historia de Chunxiu, a muller que foi a súa neneira desde o ano 1959.

De corte biográfico, este cómic en branco e negro, recolle con crueza e realismo todos os matices dunha práctica firmemente asentada na sociedade chinesa até ben entrados os anos 30 do século XX, o vendado dos pés das mulleres. Con apenas 6 anos, a nai de Chunxiu págalle a unha vendadora para que lle rompa os tenros ósos dos pés da súa pequena. Desta maneira a nai procura o ben da filla pois segundo os costumes da época, un pé pequeno garantía un bo casamento. Un dos personaxes masculinos do cómic afirma: “O primeiro que se lle mira a unha moza non é nin a cara, nin o corpo, senón os pés”, outro di “cando es pobre non te vendas os pés e cando non te vendas os pés, vólveste máis pobre”.

A nenez de Chunxiu remata o día que tras mollarlle os pés no sangue dun galo acabado de matar e masaxearllos para relaxarlle os músculos, a vendadora fractura os ósos das catro dedas do pé, retorcéndoas contra a planta, para a continuación vendarlle fortemente os pés cunha tira de tea que irá apertando cada dous ou tres días durante os próximos dous anos.

Co paso dos anos Chunxiu convértese nunha adolescente fermosa, famosa na súa aldea da provincia de Yunnan polos seus pequenos lotos de ouro, nome que se lles daba aos pés dunha muller cando alcanzaban a lonxitude ideal de 7,5 centímetros.

A moza asiste á chegada do goberno comunista que pronto prohibe este e outros hábitos propios da China imperial. Inda que as novas modas e os decretos prohibindo antigos costumes tardan en chegar á afastada aldea onde Chunxiu vive, a nosa protagonista rematará sendo vítima dos cambios e do rexeitamento dos vellos costumes. Agredida sexualmente por un grupo de homes, Chunxiu desiste do matrimonio e da maternidade e ve pasar os anos. Xa anciá, soa e pobre, convértese na neneira de Li Kinwu e da súa irmá pequena, fillos dun membro do Partido Comunista.

A anciá cóntalles aos nenos vellas lendas e costumes e pouco antes de abandonalos para regresar a súa aldea, regálalles o seu antigo xoieiro e un par de fermosos zapatiños belamente bordados. Son os símbolos do seu pasado e do pasado do seu país. Son as únicas imaxes que o autor recolle no cómic.

Ao volver a ler sobre este terrible costume que impedía ás mulleres traballar e moverse con normalidade, lembramos aquel estupendo libro de Lisa See, El abanico de seda. O terrible relato de dúas nenas desde o momento en que lles vendan os pés até a súa morte. Un retrato trepidante da China da segunda metade do XIX que non ten desperdicio e un dos poucos testemuños sobre o nu shu, a linguaxe secreta das mulleres, un dos poucos códigos lingüísticos empregado e coñecido unicamente por mulleres que lles permitía comunicarse en secreto nunha sociedade profundamente machista.

Los pies vendados

Li Kunwu

Astiberri Ediciones, Bilbao, 2013

128 páxinas B/N

Deixar un comentario