POLBEIRAS

por Patricia Arias Chachero

Nunha sociedade que tende a colocar substantivos e adxectivos masculinos acompañando os nomes propios de muller, é imporante lembrar que desde antigo existiron en Galicia profesións que tan só se designaron en feminino. Costureiras, comadroas, palilleiras, lavandeiras, mariscadoras, leiteiras ou tecedeiras, forman parte do abano de traballos que tradicionalmente desenvolvemos tan só nós, as mulleres. Algunhas destas ocupacións tiñan moito que ver coas tarefas propias da muller e, con frecuencia, realizábanse na propia casa, aproveitando o tempo que restaba tras completar o traballo do fogar e da crianza dos pequenos.

No caso das polbeiras non era así. Elas abandonaban cedo os fogares para emprender viaxes máis ou menos longas que lles permitían instalarse, sempre a primeira hora da mañá, no campo da feira sinalada. O traballo implicaba desprazarse e facelo cargadas pois canda elas debían transportar o polbo, a pesada caldeira de cobre, o trespés, os ganchos, as tesoiras, os sacos de pemento e sal e, en ocasións, mesmo a leña e a auga que lles habían permitir cocer o alimento.

Un tal Froilán asina no xornal El norte de Galicia: diario político y de información, un artigo costumista titulado “El San Froilán de 1922” no que comprobamos o carácter itinerante da profesión:

Ayer vi una de las más conocidas y respetables pulperas que suelen establecer sus reales en la plaza de la Mosquera. Ya verá usted que rabitos más sabrosos traigo este año -me dijo.

Y es que conviene anticipar la propaganda porque ya son muchas las que vienen camino de Lugo con sus calderos y tijeronas en riestra.

Cando a romaría ou feira eran importantes, as polbeiras debían permanecer no lugar máis dunha xornada. Daquela facían noite onde boamente podían, en casas particulares, humildes pensións e con frecuencia, ao aire libre.

Doutra banda, estas mulleres en nada se distinguían do resto dos feirantes que co desenvolvemento da profesión, procuraban un ingreso económico que completase as ganancias cotiás, normalmente relacionadas co traballo no campo ou coa crianza de animais. Ademais, cómpre ter presente que o proceso de compra e venda do polbo cocido ten mudado nos últimos anos pois de lle facermos caso a Vicente Prado, o regateo propio dos mercados estaba plenamente vixente no ano 1953.

La pulpera tendrá que ir sacando del enorme caldero de cobre pulpos de todos los tamaños, repelados, sonrosados y humeantes, hasta que sus clientes decidan cuál van a comprar. Fijará luego un precio al elegido y siempre resultará doble del que los compradores digan estimar como justo. Quitando una y poniendo otros, por sucesivas aproximaciones llegarán la pulpera y los clientes a un acuerdo definitivo.

1914_Pulpeiras+al+solSobre as ganancias que reportaba tan dura actividade debemos supoñer que sempre foron o suficientemente razoables como para compensar o esforzo. En época moderna, Josefa Mosquera Iglesias, unha polbeira de Arcos de 45 anos que en 1992 afirmaba:

Nalgunha feira de Maside chego a vender máis de 130 quilos de pulpo e noutra sóbrame con 40 quilos. Nas romerías e feiras ou festas boas pódense vender 1000 quilos [de polbo] os dous días. Pero noutras véndese moito menos. Romerías boas son “Os milagros”, “O San Benito”, “A Magdalena”, “A festa do pulpo de Carballino”. Feira boa é a feira dos Santos de Monterroso, a do 31 de Nadal de Carballino. Estas feiras de remate de ano son moi boas.

Xaquín Lorenzo Fernández deixou recollida unha boa descrición da profesión inda que, falseando a realidade, se empeñe en nomear ás traballadoras en masculino:

Chegado de mañán o pulpeiro á feira, escolle un sitio pra se pór e arma a caldeira sobor das trespés ou dunhas pedras que fan de fornalla. Enchen logo a caldeira de auga e acenden o lume por baixo. Cando a i-auga vai tépeda, bótanlle o pulpo e déixano cocer, coñcendo que está a punto cando se deixa furar por unha palla que se lle meta por unha das ventosas;: entón mantense quente, mais sen que torne a ferver.

Ó seren horas de xantar, van chegando os siareiros, poilo pulpeiro adoita ter unha criantela fixa. Co gancho saca un pulpo e móstrallo ó comprador; se aquil non convén, saca outro, até que aparez un axeitado; entón, coas tesoiras, vai cortando os rabos que fagan a ración pedida pitándoos a seguir nun prato de madeira e coas mesmas tesoiras. O comprador pode entón marchar coíl ou agardar a que llo compreten con aceite, pemento e allo. Co seu pulpo e o garfo na man direita e a xerra do viño na esquerda, vai en precura do bon sitio, tranquío e á soma dun arbre, pró xantar de vagar e sen presas; outras veces faino no mesmo trabanco do pulpeiro.

Ó rematar, devolve ó seu dono o prato e o garfo e vaise, xa máis ledo, ós seus asuntos. O pago faise no intre de collel-o pulpo pra xantar.

As polbeiras traballaban normalmente soas ou en compaña doutra moza que andaba aprendendo o oficio. Se tiñan nenos pequenos acostumaban levalos con elas e cando ademais, as acompañaba un home era un membro da familia, preferentemente o marido ou un fillo. Comezaban a traballar moi novas, como aprendizas vixiadas por outras polbeiras experimentadas. Desde nenas “arreglaban” o polbo; isto é, botábanlle o pemento e o sal, e practicaban a arte do picado sobre as cabezas do animal que non servían para comer. Unha traballadora con experiencia era quen de distinguir a aquela que se iniciaba, escoitando o ruído descompasado dos cortes das súas tesoiras.

Sobre o carácter feminino da profesión escribe Xosé Antonio Fidalgo Santamaría en Polas rutas do polbo e dos polbeiros tradicionais en Ourense:

Para os antigos polbeiros tradicionais, todo o relacionado co polbo é fundamentalmente un traballo de muller. Consecuentemente ao longo dos anos, os labores de secar o polo, mazalo, lavalo, transportalo aos lugares de venda, cocelo, cortalo, aliñalo, proporcionarlles as racións aos comensais e cobralas, recoller os pratos dos lugares en que os deixan e lavar as caldeiras e utensilios de traballo antes de volver ao fogar viñeron sendo uns labores basicamente femininos.

Nótese que seguindo a estela de Xaquín Lorenzo, Santamaría pese a recoñecer reiteradamente que tradicionalmente foi un oficio desenvolto por mulleres, empéñase no título do libro en designar en masculino ás traballadoras.

A día de hoxe non é doado explicar por que foron elas e non eles os que comezaron a percorrer feiras e romarías cargando cos pesados instrumentos. Talvez a escolla garde relación con que a cociña foi tradicionalmente un lugar reservado ás mulleres. Explicación que se nos antolla insuficiente pois doceiros e panadeiros desenvolveron o seu oficio con perfecta normalidade.

O que é seguro é que as polbeiras, así en feminino, existen desde antigo. En 1752 nos libros do Catastro del Marqués de la Ensenada, cítase que en Santa María e San Xoán de Arcos, moi preto do Carballiño, un total de nove mulleres que exercen como polbeiras ou se dedican a vender peixe nas feiras. Moito máis doado é explicar o comercio do animal mariño en terras tan afastadas da costa, pois sábese que o polbo chegaba ao mosteiro de Oseira procedente do priorado de  Marín que pagaba rendas aos monxes ourensáns.

En 1112 a raíña dona Urraca faille doazón ao cabaleiro Diego Arias do Couto de Marín, co peirao natural na foz do río Lameira, nace así Marín-Porto. Este, ao enviuvar sen fillos, entra de cisterciense no mosteiro de Oseira no que permanece uns catro anos. Pero fáiselle pesado e entra (1151) nos Hospitalarios de Pontemarín e failles doazón do couto de Marín, os cales farán todo o posible por quedarse con el, aínda que non o consigue porque o fillo de dona Urraca, Afonso VII, ara que non haxa dúbidas confirma a doazón a Oseira.

polbeiraOs excedentes monacais de polbo, peixe humilde e sufrido que realizaba a viaxe seco ou semiseco, remataban en Arcos, poboación próxima a Oseira que soubo facer da súa cocción un arte recoñecida en todo o mundo. Na segunda metade do XVII, os propios monxes de Oseira fundarán a feira do Carballiño, vila distante apenas uns quilómetros de Arcos, famosa hoxe pola súa Festa do polbo.

Santamaría apunta ademais que nas parroquias de Arcos os homes traballaban curtindo coiros o que dificultaría que se puidesen ocupar do comercio do polbo. A curtume foi un oficio vil relacionado co tufo que desprendían as peles. Circunstancia doadamente asociable coa conservación e almacenamento do polbo pois foi este un alimento que até a moderna aparición das cámaras frigoríficas, se secaba ao sol desprendendo un cheiro forte e desagradable.

 NA actualidade, moitos lugares de Galicia reivindican o traballo das súas polbeiras. Así a polbeira de Melide, ás de Arzúa, ás de Sarria, a de Monterroso ou as que venden o seu produto polo San Lucas de Mondoñedo. Xunto ás do Carballiño, que xa vimos que en realidade proceden de Arcos, son especialmente famosas as de Lugo tamén chamadas froilanas como homenaxe ás festas de San Froilán que cada outubro enchen a cidade das murallas das tradicionais “casetas do polbo”.

Precisamente un 5 de outubro de 1928, en pleno San Froilán, pernocta en Lugo o escritor francés Mabille de Poncheville. Sen apenas tempo para coñecer a cidade pois vai camiño de Compostela, Poncheville decide dar un paseo arredor da muralla. Niso anda cando desde o alto da Ronda, observa a unhas mulleres cocendo polbo. O francés que non comprende o que ve, confúndeas con meigas.

Recollen a anécdota os dous grandes fabuladores da cidade, Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole. O primeiro cóntanos:

Hai un testemoño dun francés, le seiur Jacques Mabille de Poncheville, quen facía o Camiño de Santiago a pe, e deuse pousada en Lugo, e saíndo a dar un paseo, denantes de se deitar, polas murallas, entre a porta de San Pedro e a do Castelo, nun saído que hai entre dous cubos, mesmo onde se conservan dous arcos que coroaban a cerca no antigo, viu unhas mulleres que azacaneaban acendendo lume debaixo dunhas grandes potas mouras, e coidou que aquelas eran as meigas ou bruxas de que lle falaran, e que estaban nin máis nin menos que en vésperas de aquelarre, facendo cociña.

Fole,  moito máis gráfico, relaciona á escena con aqueloutra do inicio de Macbeth na que tres vellas bruxas vestidas de negro, remexen nunha pota:

El viajero, emocionado, lanza, desde una almena, la sonda de su mirar, a través de un bloque de sombra. Se vuelca en sus ojos la dramática visión de las brujas de Macbeth que atizan fogatas “semejantes a flores de fuego”…

El brujeril pergenio de unas pulpeiras, que alimentan el fuego de sus calderas, dispara la fantasía del viajero hacia la creación shakespeariana.

Moitos anos despois, en 1979, José Fernández Ferreiro firma no ABC un artigo titulado “Pulpo a feira” no que tamén se refire a ese carácter mítico e máxico das polbeiras.

La diligente pulpeira, sacerdotisa de la feria, del «toural»; vestal de este templo multiforme, ruídos o y olores o como un océano humano. Aquí en el coto de Santa Susana, en el castro Libredón, desde donde todavía se divisa el mítico Pico Sacro a orillas del Ulla, donde vivió la reina Lupa y el último druida.

As polbeiras, como tantas outras mulleres que saíron dos fogares para gañar o pan, demostran que somos quen de desempeñar con éxito os máis variados oficios. E se a picardía para con elas foi, con seguridade, moita, elas foron arrichadas e souberon demostrar que non estaban dispostas a aturar aquilo que non procedía. E para mostra e como peche, unha anécdota que recolle Álvaro Cunqueiro en  “A princesiña que quería casar”, dentro do Merlín e familia:

O do criado dos bigotes roxos, i o señor Merlín perguntóume moi serio si estaba seguro, e díxenlle que sí, que aínda o bigotes comera o pulpo acarón de nós, e pagara con un peso, i a pulpeira que era a señora Benita de Sarria, rifóu con il, que o peso era sevillano.

FROILÁN (1922) “El San Froilán de 1922”, El norte de Galicia: diario político y de información, 26-IX, p. 1.
PRADO, VICENTE (1953) ·Pintoresquismo de la Feria de San Froilán”, El Pueblo Gallego, 4-X, p. 6
CALO LOURIDO, FRANCISCO (coord.) (1998) Antropoloxía mariñeira. Actas do Simposio Internacional de Antropoloxía. In memoriam Xosé Filgueira Valverde, Consello da Cultura Galega, p.226.
LORENZO FERNÁNDEZ, XAQUÍN (1979) “Etnografía. Cultura material”, Historia de Galiza. 2, Madrid: Akal editor, p. 611.
FIDALGO SANTAMARÍA, XOSÉ ANTONIO (2012) Polas rutas do polbo e dos polbeiros tradicionais en Ourense, Ourense: Deputación de Ourense, p. 122.
RIVAS QUINTAS; RODRÍGUEZ CRUZ, (2005) Marín, terra e mar. Os mareantes da confraría de San Miguel, Pontevedra, Deputación de Pontevedra, pp. 21-32.
CUNQUEIRO, ÁLVARO (1983), A cociña galega, Vigo: Galaxia, pp. 81-82.
FOLE, ÁNXEL (1981), “Las venticuatro horas lucenses de Mabille de Poncheville”, Cartafolio de Lugo, Lugo: Círculo de las Artes, p. 165.
FERNÁNDEZ FERREIRO, JOSÉ (1979), “Pulpo a feira”, ABC, 4-VI.
CUNQUEIRO, ÁLVARO (1981) Merlín e familia, Vigo: Galaxia, pp. 48-49.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s