Resulta que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Universitaria da Xunta de Galicia tivo a “brillantísima” idea de obrigar ao profesorado galego a facer un curso de Igualdade, convivencia e inclusión. Para superalo, as e os docentes de ensino medio deben responder, online, un cuestionario de 25 preguntas onde se mesturan enunciados –complexos, estúpidos ou abertamente retorcidos- sobre contidos teóricos relacionados coa igualdade, coa protección de datos, coa atención temperá, cos trastornos do espectro autista, co absentismo escolar e un longo etcétera.
Para superar “tan meditada tarefa” deben acertar, como mínimo, o 80% das preguntas; isto é, de 25 debe contestar correctamente un mínimo de 20. Dispoñen, iso si, de cantos intentos se vexan capaces de realizar ao longo dun par de meses.
A maior parte das preguntas, limítanse a cuestións formais como protocolos de actuación, lexislación ou definicións de carácter teórico. Outras, son parvadas do tipo:
“Como se visibiliza fundamentalmente a presenza das mulleres no ámbito educativo?
a) A través da linguaxe inclusiva
b) A través da participación das mulleres na toma de decisións
c) As dúas respostas son correctas”
O máximo do racionalismo e a efectividade, vamos!
O profesorado galego, pouco disposto a perder o tempo aliviando a conciencia da Consellaría de Educación, descarga os test que non chegan ao mínimo para superar o curso e comparten coas e cos seus colegas as respostas correctas. Así, coa ferramenta de busca en PDF, as e os novos matriculados en tan estúpido proxecto, poden evitar o desgaste de neuronas e a perda de tempo, atopando, sen esforzo, as respostas adecuadas.
Supoñemos que a Xunta de Galicia non tardará moito en lanzar o notición de que unha morea de docentes galegos están especialmente preparados para abordar problemas de identidade sexual, de acoso, de violencia contra as mulleres e de desigualdade de xénero.
En fin, que queredes que digamos!