Os abortos en menores ascenden en Galiza

OLAIA UCHA/(galizahoxe.com)

Unha educación sexual inadecuada e unha información errónea ou pouco fiable, entre outras causas, están detrás do aumento que experimentaron nos últimos anos os abortos practicados en menores de idade. Ademais, desde o ano pasado as menores que aleguen que dicir en casa que van abortar suponlles un “conflito grave” -ameazas, coaccións ou malos tratos- poden facelo sen autorización paterna.

Segundo os últimos datos manexados polo Ministerio de Sanidade, en 2009 leváronse a cabo 206 interrupcións voluntarias do embarazo en menores na comunidade galega. A cifra contrasta coas do ano anterior, cando se practicaron 74 menos, un total de 132. A ampla maioría das mozas que abortaron en 2009 en Galicia (192) tiña entre 15 e 17 anos. Con todo, outras 13 tiñan 14 anos e unha tan só 13. Así mesmo, e segundo os datos da Consellería de Sanidade, dúas das mozas de menos de 15 anos que abortaron ese ano estaban casadas e unha delas ata se someteu xa a unha interrupción voluntaria anterior.

E é que a enquisa sobre sexualidade e anticoncepción elaborada anualmente pola Federación de Planificación Familiar Estatal reflicte que o 33,7 por cento das consultas que reciben os seus centros están relacionadas cos anticonceptivos de urxencia, outro 12,3 coa xestación e un 10,3 coa anticoncepción en xeral. Segundo este estudo, a utilización de métodos anticonceptivos inseguros e un uso inconsciente do preservativo seguen estando detrás de moitos dos embarazos adolescentes non desexados. Doutra banda, a maioría dos abortos adolescentes galegos seguen practicándose en clínicas privadas -332 das interrupcións feitas en 2009 en mozos menores de 19 anos, fronte ás 38 dos hospitais públicos- e iso a pesar de que Galicia só conta con catro centros privados autorizados, dous na Coruña e outros dous en Vigo.

Marisol Insua é a responsable do Centro Xove de Anticoncepción e Sexualidade, unha entidade sen ánimo de lucro con sede na Coruña. Esta profesional explica que unha importante porcentaxe das consultas que reciben relaciónase con métodos anticonceptivos. Así mesmo, indica que as preguntas sobre pílula poscoital reducíronse dun 63% a un 41% desde a súa libre dispensación. En relación coas dúbidas sobre interrupción voluntaria do embarazo, aclara que diminuíron un 18% entre 2009 e 2010.

A falta de independencia dos Quérote+ mingua as consultas

Lucía Carballeira é técnica dos centros Quérote+ e informa de que, ultimamente, ao pasar a formar parte dunha rede de apoio ás mulleres embarazadas, teñen “moitas consultas” para saber que recursos de apoio hai para “continuar co seu proceso de xestación”. En cambio, as preguntas sobre aborto son “moi escasas”, aínda que “algunha hai”.

Insua opina que “non falta” información entre os mozos galegos, senón “unha educación sexual de calidade”, que “ademais da prevención aborde a comunicación, o pracer e a diversidade”. “Non me valen estas charlas que nunha hora pretenden asesorar en sexualidade e que moitas veces céntranse só en colocar un condón”, subliña. De opinión parecida é Carballeira, quen cre que hai unha “sobresaturación” de datos. “Teñen tanta información e tan diversa que moitas veces o que falta é un filtro para chegar á información veraz”, comenta.

Anticonceptivos demasiado caros

Sobre o uso de métodos anticonceptivos, Insua sostén que “se o seu uso non está xeneralizado é porque a accesibilidade non é fácil”. “Non todos os mozos dispoñen dunha paga semanal”, recorda; “facilitar os anticonceptivos gratis ou máis baratos faría máis fácil ós novos conseguilos”. Respecto diso, Carballeira sinala que nos centros Quérote+ “promovemos moito o uso de preservativo” e que, de feito, moitos mozos acoden a eles para recollelos, o que indica que “si que os usan”.

Doutra banda, ambos os organismos contan con actividades destinadas ós pais, e é que, como argumenta Insua, “xogan un papel crucial na educación sexual dos seus fillos e teñen que entender que non poden deixar a súa responsabilidade neste tema á escola, amigos ou internet; e non só na adolescencia”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s