Un ser varonil!

“… e os homes non paran de dicirche sempre que poden que unha muller de talento é unha verdadeira calamidade”. […] escribía Rosalía de Castro en 1866 na Carta a Eduarda. Ninguén se atreveu dicir que Concepción Arenal era unha calamidade, nin ousou privala de talento. Porén, outros xeitos foron os utilizados para que a súa obra fose pouco coñecida; para que o avanzado do seu pensamento en tantos eidos (moral, social, político, pedagóxico, de criminoloxía e penal e sempre en defensa das mulleres) pasase desapercibido, deturpándoo ou reducíndoo a aspectos de menor interese.

No mesmo ano da súa morte, 1893, o Ateneo de Madrid celebrou unhas Xornadas para honrar a súa memoria. Emilia Pardo Bazán fai alusión ao programa realizado e di: “... A distribución é excelente, máis noto un baleiro; debería terse concedido lugar á parte ás ideas de Concepción Arenal sobre a muller; ideas importantísimas […]. A omisión do Ateneo, ao meu entender, é calculada […] os panexiristas de dona Concepción, desexosos de apartar espiñas e conciliar vontades, observo que pasan coma sobre brasas por ese aspecto da súa obra, quizais o máis fermoso, mais sen xénero de dúbida o que menos probabilidades ten, hoxe en dia, de captarse a benevolencia e o asentimento da moitedume.

Gumersindo de Azcárate, xurista e pensador liberal e republicano, promotor da Institución Libre de Enseñanza, amigo de C. Arenal escribe, no xornal El Liberal do 6/02/1893, crendo facerlle un favor,
… Dona Concepción Arenal era un ser varonil física e intelectualmente. No primeiro, porque o seu corpo parecía que tiña a resistencia dun home para todos os mesteres da vida […]. No segundo, porque o seu cerebro tiña a facultade de penetrar
nas causas das cousas cunha observación e un espírito tan virís que producen verdadeiro asombro…

Outras interpretacións da súa inmensa obra, borrando os trazos máis molestos e incómodos do seu pensamento, as arestas máis críticas que desvelaban inxustizas ou vencellándoa a escolas das que non se pode dicir que formaba parte. Douscentos anos do seu nacemento (31 de xaneiro de 1820 en Ferrol) e aínda que xa non está sumida no ostracismo, nin na inexistencia, fai falta máis cariño e reivindicación daquela valente pioneira. Desas que transitan paraxes antes non explorados, das que, intrépidas, afrontan as críticas e rexoubeos da sociedade do seu tempo pola súa ousadía en explorar, facer, dicir, escribir e defender ideas “mal vistas” e contrarias ao pensamento hexemónico do seu tempo. E mesmo por vestir dun xeito “pouco feminino” ou de indumentaria “sui géneris” segundo os cánons daquelas e ata de hoxe.

Traemos uns textos aquí (tirados de contexto porén que en nada contradín a obra na que se insire), que dan fe da súa lucidez, xenio e perspicacia.

... Observemos o que saben e o que fan un farmacéutico, un avogado, un médico, un notario, un catedrático, un sacerdote, un empregado, vulgares, da talla común; observemos ben, sen preocupación, en conciencia, e digamos se non pode unha muller aprender o que eles saben e facer o que eles fan. (1861)

E os homes ilustrados en España. Non teñen mellor idea da muller? Para responder a esta pregunta hai que ter en conta tres circunstancias.
1a Que os homes ilustrados son en moi curto número para que poidan influír eficazmente na opinión.
2a. Que aínda sendo ilustrados en certos asuntos, son moi ignorantes neste, e teñen inclinacións de sultán, reminiscencias de salvaxe e pretensións de sacerdote, querendo ser escoitados como oráculos, obedecidos como señores e amados cunha fidelidade a que non se cren no caso de corresponder: cousas todas que máis veces pretenden que logran… (1884)

O primeiro que necesita a muller é afirmar a súa personalidade, independente do seu estado e convencerse de que, solteira, casada ou viúva, ten deberes que cumprir, dereitos que reclamar, dignidade que non depende de ninguén, un traballo que realizar e idea de que a vida é unha cousa seria, grave, e que se a toma como xogo, ela será indefectiblemente xoguete. (1892)

Nos vos parece que teñen vixencia máis de cen anos despois?

En cuestións de criminoloxía e dereito penal paga tamén a pena achegarse as súas ideas. Unha mente robusta e de potente pensamento tida en menos tantísimo tempo por chamarse Concepción. Estaría ben que celebrásemos o seu 200.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s