andaina 60

Desde o ano 1983 até agora andaina ten as súas páxinas abertas aos debates do feminismo, as denúncias pola discriminación, ao intercambio de experiéncias. Unha revista feita por mulleres feministas desta parte do mundo que se chama Galiza.

Achegámosvos contidos deste número e animámosvos a visitar a hemeroteca con todos os números anteriores de Andaina para descarregar en pdf na nosa web estática de Andaina

Editorial (andaina 60)
Son estes malos tempos para a lírica cando o futuro que se nos presenta é un camiño de retroceso. Cuns gobernos de ideoloxía conservadora tanto no Estado como en Galicia e cunha xestión da crise económica baseada case exclusivamente no recorte do gasto público e dos beneficios sociais, os avances das mulleres tanto na procura da igualdade como na súa autonomía están en claro perigo.
Polo que respecta ao terreo laboral, se ben a taxa de paro feminino no pasado ano se situou só un punto por riba da masculina (23,32 %, fronte ao 22,46 % dos homes) as expectativas para elas son bastante peores. A taxa de actividade das mulleres (todas as que traballan ou buscan traballo) crece ano a ano mentres a dos homes decrece, pero as mulleres son maioría nos contratos precarios e cobran menos. Na actualidade o nivel de formación das mulleres é maior que o dos homes, aínda que isto tampouco se traduce en mellores expectativas, porque mentres que as mulleres son minoría entre as persoas paradas con baixa formación, entre as que teñen carreira universitaria o paro feminino é un 30 % maior. O salario medio anual dos homes supera nun 42 % ao das mulleres e a pensión media nun 32 %. As mulleres son máis do triplo nos contratos a tempo parcial e tamén nestes casos o seu salario medio por hora é menor, un 76 % do dos homes.
Partimos pois dunha peor situación, pero ademais os recortes nos orzamentos e a reforma laboral que se impuxeron desde os chamados mercados, aínda que á vista está que non van servir para sacarnos da crise, si que van ter unha dobre incidencia negativa no traballo das mulleres. Por unha parte, porque calquera recorte en servizos como a sanidade, a educación ou os servizos sociais se ceba sobre todo co emprego feminino, maioritario nestes sectores, e por outra, porque estes recortes van dificultar, aínda máis, a situación laboral das mulleres, xa que é sobre elas principalmente sobre as que recaen os labores de coidado de menores, enfermos e maiores dentro das familias. E ao recorte nos orzamentos hai que sumar as consecuencias dunha reforma laboral que permite ao empresario fixar unilateralmente a xornada de traballo, a flexibilidade en quendas e horarios, as condicións de traballo e a mobilidade xeográfica, o que vai afectar negativamente á conciliación da vida laboral e familiar. E moi especialmente as traballadoras embarazadas e nais. Baste sinalar que unha das causas de despido é faltar nove días en dous meses por problemas de saúde, aínda que estas ausencias estean xustificadas. Non computan as baixas por maternidade ou por risco no embarazo, pero, ao non especificar máis, suponse que si computan todos os controis prenatais necesarios como analíticas, ecografías e outras probas rutineiras e, por suposto, tamén haberá que esquecerse de pedir permiso para levar ao fillo ao médico ou quedar con el se está enfermo.
E con este panorama o señor Gallardón atrévese a dicir que as mulleres abortan porque hai unha «violencia estrutural» que as empurra a facelo para evitar, por exemplo, ser despedidas por estar embarazadas ou que «a liberdade da maternidade é o que fai autenticamente muller á muller». Semellantes saídas de ton, que darían para facer chanza se quen as dixera non fose precisamente o ministro de Xustiza, son unha mostra da ideoloxía ultraconservadora e machista dos nosos gobernantes.
Coa volta atrás na lexislación da interrupción voluntaria do embarazo, que volverá ser considerada un delito salvo en determinados supostos, non se pretende evitar ou diminuír o número de abortos, pois está claro que non aumentaron coa lei de prazos, senón simplemente quitarnos ás mulleres o dereito a decidir libremente e que sexan novamente os médicos ou os xuíces os que teñan a última palabra.
As causas polas que unha muller decide interromper o embarazo poden ser moitas e todas son válidas e ata pode que teña razón o señor ministro cando di que o medo a perder o emprego ou as dificultades económicas están detrás de moitas destas decisións, pero nin os recortes en servizos sociais nin a reforma laboral axudan ás mulleres que queren ser nais. Máis ben todo o contrario. Así que se quere falar de «violencia estrutural» debería tamén sinalar ao seu Goberno como un dos causantes desta violencia.
O dereito a decidir sobre o noso corpo ten sido unha das loitas máis continuadas e activas do movemento feminista. Seguimos nela, non podemos descoidarnos, son estes malos tempos para a lírica.

A crise tamén afecta a esta revista e, ante o incremento de custes e a falta de subvencións, vémonos na necesidade de incrementar o prezo e pasar a unha periodicidade semestral, en todo caso e para cumprir o compromiso deste ano coas subscritoras temos intención de que o seguinte número sexa un especial dobre.

Contraportada (andaina 60)   

(Ir ao principio)

TROTULA DE RUGGERO Descoñécese a data exacta do seu nacemento, pero suponse que puido ter vivido por volta do ano 1050 en Salerno, ao sur de Nápoles. Naquela altura, a cidade italiana era un importante centro de intercambio comercial onde se conxugaban con naturalidade os coñecementos greco-romanos coa tradición islámica e xudía.
Con toda probabilidade, Trotula era descendente dunha familia adiñeirada e seguramente por iso tivo a oportunidade de formarse e acceder aos estudos de medicina. Casou co tamén médico Johannes Platearius, con quen tivo dous fillos que exerceron a medicina como os seus proxenitores.
Andando o tempo, converteuse na máis famosa das mulleres da Escola Médica Salernitiana, un centro de estudos que non só admitía ás mulleres entre os seus estudantes e profesores, senón que foi o primeiro lugar de cultura non controlado pola Igrexa e, segundo algúns estudosos, a primeira universidade europea.
Nos seus tratados de medicina desenvolveu anovadores e meditados postulados relacionados cos campos da xinecoloxía e da dermatoloxía. En De aegritudium curatione ou De ornatu mulierum describe remedios de tipo cosmético para eliminar as engurras, para manter branca a dentadura ou para tinguir os cabelos. Ao mesmo tempo, recomenda unha dieta equilibrada, coidar a hixiene corporal e proporciona algúns consellos para mellorar o estado físico recorrendo a masaxes e baños.
Moito máis importantes son as súas ensinanzas no eido da obstetricia. O volume titulado De passionibus mulierum curandorum ante, in, post partum, utilizado até finais do XIX e base dos estudos desta especialidade médica até o XVI, desenvolve as súas rigorosas ideas sobre a menstruación, a concepción, o embarazo e o parto. Trotula, que non cría que a dor do parto gardase relación co castigo divino, refírese tamén ao control da natalidade, recomenda o uso de opiáceos para mitigar as dores do parto e afirma categoricamente que non sempre son as mulleres as responsables dos problemas de concepción, sinalando que os varóns tamén poden ser os causantes.
As súas teorías non conteñen ningún tipo de doutrina moralizante e reflicten a apertura ideolóxica da escola médica na que exercía a doutora.
Durante a Idade Media Trotula foi moi coñecida en todos os países europeos e os seus tratamentos utilizábanse nas escolas de medicina máis famosas. Algúns historiadores, en particular o alemán Karl Sudhoff, empeñáronse en negar que unha muller puidese ter escrito obras tan importantes.

15M12M: Un ano erguendo ilusións (Zelia García )

Hai máis dun ano comezaba un movemento nas prazas de todas as cidades do Estado Español que viña a dar voz colectiva ao descontento e a fartura dunha boa parte da sociedade. Fartura dunha maioría de políticos empoleirados nos seus mundos, de beneficios e claramente afastados desa cidadanía á que dicían representar. Cansas de vivir tantas situacións de inxustiza dun xeito individual aprendeuse a compartilas, e gañouse para o colectivo ese berro tan poderoso de si, pódese, parando desafiuzamentos, creando colectivos, facendo desa xeración perdida de mozas e mozos sen futuro unha imaxe de empoderamento das sen medo, das que continúan a atreverse a crear a posibilidade doutras realidades..

A maternidade no III MUFEST (Iria Vázquez Estévez)

O día 9 de maio Felicia Boots acabou coa vida dos seus dous fillos de 14 meses e 10 semanas. Felicia e o seu marido Jeff acababan de mudarse cos dous pequenos a unha nova casa de 1,2 millóns de libras nunha das zonas máis podentes de Londres. Felicia sufría de depresión posparto.
Aurora Rodríguez, nai de Hildegart Rodríguez, non sufría de depresión posparto que se soubese (non creo que lle durase a depresión dezaoito anos) pero decidiu matar a súa filla cando empezou a sospeitar que Hildegart xa non era perfecta, como ela quería. E se Aurora lle dera vida, Aurora podía quitarlla. Sheyla Pie, ganadora do primeiro premio de ficción do pasado III MUFEST, preséntanos así esta historia descoñecida para moitas da fascinante vida de Hildegart Rodríguez, ….

Hai futuro para as políticas de igualdade? (Alba Alonso Álvarez)
Os procesos electorais acontecidos recentemente en todos os niveis de goberno veñen de situar á dereita nunha posición de claro predominio no Estado español. Resulta evidente que este cambio non vén senón a agravar os procesos de progresivo desmantelamento do Estado de Benestar e de crecente perda de dereitos sociais. Sen embargo, as manifestacións públicas de destacados membros do Partido Popular parecen apuntar a que, malia as ditas reformas e a diminución do gasto público, as políticas de igualdade gozan dunha especial protección que garante a súa continuidade…

Hannah Wilke: A Venus Narciso/feminista (Renata Otero)

Como calquera cidadá de hoxe en día, vivín o cancro de preto. No meu caso perdín a varios parentes por esta enfermidade e levei algún susto por malos diagnósticos referentes á miña saúde. Non podo queixarme.
Unha das vítimas que coñecín moi de preto foi unha muller encantadora á que quixen moito. Tivo cancro de ovarios e dende o diagnóstico ata a súa morte pasou por tres anos de quimioterapia, radioterapia…Vinlle perder o cabelo, incharse, pasar por todas as fases do duelo, asumindo o seu remate, e finalmente sufrindo unha súbita perda de peso e de moral antes de irse. …

Marine Le Pen: a vella onda en océano revolto (Laura Gómez Lorenzo)

No contexto dunha crise económica estadounidense e da zona euro de colosais proporcións, como ben sabemos provocada por unha voraz especulación financeira e agravada polo férreo control que impón Angela Merkel a este lado do Atlántico sobre os resortes que poderían aliviar a débeda, experimentamos tamén a profunda crise política que se está a xerar no centro do modelo neoliberal.. .

Lembranzas : Olga, nai de oito fillos (Sandra Hernández Blanco)

Olga naceu en Escairón, provincia de Lugo, o 5 de marzo de 1934, na que chamaban por aquel entón Casa das cereixas, nun pobo que daquela estaba repleto de cativos «non como agora, que nas aldeas só quedan as casas ou as pedras» e de todo tipo de froiteiras nas que xogaban os nenos da vila

Libros:

CAAMAÑO Begoña: Morgana en Esmelle, Vigo, Editorial Galaxia, 2012 (Patricia Arias Chachero)

As incribles aventuras do sabio Merlín, do valoroso rei Artur e do fermoso cabaleiro Lanzarote do Lago chegaron até nós grazas a figuras da relevancia de Chrétien de Troyes ou de Geoffrey de Monmouth. Na actualidade non se nos ocorre negar a importancia e a influencia que tan afamadas historias teñen exercido na literatura europea. Nas nosas letras recrearon o tema con acerto autores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Darío Xohán Cabana, Carlos G. Reigosa ou o propio Álvaro Cunqueiro. Reparade canto nome propio de varón. Historias de homes contadas por homes.
A ninguén se lle escapa tampouco o deplorable papel das mulleres en tan afamado legado lendario (ou si?). Begoña Caamaño reformula para nós o ciclo e ensínanos a miralo con outros ollos, os nosos, os das mulleres.

HADDAD, Joumana: Yo maté a Sherezade: Confesiones de una mujer árabe furiosa, traducción de Marta Mabres Vicens, Madrid, Debate, 2011 (Yasmina Romero Morales)

As revoltas populares iniciadas en 2010 no mundo árabe e nas que fomos testemuñas da participación das mulleres, converten o último libro de Joumana Haddad nunha obra clave para entender de que e de quen falamos cando nos referimos á(s) muller(es) árabe(s) e que papeis poden chegar a xogar estas na necesaria revolución feminina que debe darse nas sociedades árabes. Unha revolución vital para que os novos réximes melloren a situación das mulleres, respecten e garantan os seus dereitos á vez que consideren unha democracia real e efectiva.

Filmes :

– Zambie: à qui profite le cuivre?(Zambia: quen tira proveito do cobre?)(Laura Gómez Lorenzo)

As xornalistas Audrey Gallet e Alice Odiot recibiron o pasado 23 de maio, durante unha cerimonia no Senado francés, o Premio Albert Londres 2012, na categoría de xornalismo audiovisual, polo seu documental titulado Zambie: à qui profite le cuivre?, producido por Yami 2 e difundido na canle de TV France 5 en xuño de 2011.
Esta distinción, considerada como a máis alta recompensa para o xornalismo francés, foi creada en 1933 por Florise Martinet-Londres á memoria do seu pai, poeta, escritor e xornalista desaparecido o 16 de maio de 1932 no naufraxio no mar Vermello do transatlántico George Philippar, que o traía de China.


Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s