EDITORIAL
En xaneiro de 2013 Andaina cumpre 30 anos. Pode que nestes tempos da inmediatez dixital custe imaxinar como sería sacar aquela primeira Andaina de doce páxinas, maquetada na casa recortando e pegando debuxos e textos nunha mesa de luces. Os medios eran precarios, pero a ilusión e o convencemento de que o esforzo pagaba a pena tiñan impulso máis que bastante para compensar as dificultades. E a revista foi medrando xunto con esas dúas xeracións de mulleres que pasaron por ela. Medraron as súas páxinas e a calidade do deseño, pero tamén medraron as ideas.
Desde as páxinas de Andaina pódese seguir como evolucionou o feminismo nestes anos; os debates que se deron e as diferentes posicións que existiron, e que existen, á hora de analizar a situación das mulleres e de propor medidas para avanzar.
Nestes debates sempre intentamos escapar dos dogmatismos, da solución fácil de boas e malos. Avanzamos indagando nos erros e nos acertos, nos propios e nos alleos. Porque só con moitas preguntas podemos intuír cal é a resposta, ou as respostas, porque non hai só unha, como non hai só unha identidade de muller. E así, indagando e preguntando, fomos creando unha voz propia que moitas veces coincide nas reivindicacións con outras correntes feministas, pero que tamén algunhas veces mantén propostas e visións distintas.
Cambiaron moitas cousas nestes trinta anos, cambiaron as leis e tamén algúns prexuízos da sociedade contra ás mulleres, os medios e a política utilizan unha linguaxe politicamente correcta e xa non se cuestiona que unha muller poda alcanzar cotas de poder. Pero a meta de non discriminación, de igualdade para escoller e construír a propia vida, segue a estar lonxe, e hoxe, cando vivimos momentos de clara involución, mesmo perigan algúns dos logros acadados.
Ante un tema como o da violencia machista se pasou de sinalar as mulleres como culpables da violencia que se exerce contra elas (lembremos algunhas sentencias famosas como a da minisaia) a ter unha Lei Integral contra a Violencia de Xénero aprobada por unanimidade no Parlamento español. Hai unha maior sensibilidade social con este tema, pero os casos de violencia non diminuíron. Desde Andaina, a diferencia da que pode ser a posición máis coñecida do feminismo que considera esta lei un logro importante, temos manifestado algunhas críticas por considerar que se vitimiza as mulleres máis que dotalas de medios para enfrontarse ao agresor, ou por deixar fóra da lei outras moitas agresións onde non ten por que mediar relación de parella, deixando así mesmo fóra a violencia entre parellas homosexuais.
Outros dos debates que tratamos en varias ocasións foron os relativos á sexualidade e a identidade sexual. Desde o dereito a expresar libremente calquera opción sexual recollido xa nos primeiros números polas comisións de lesbianas que comezaron a organizarse ao amparo do movemento feminista, ata as discusións sobre a identidade sexual e a transexualidade. A sexualidade e o xénero, máis como un continuo entre feminino e masculino que como dúas únicas posibilidades antagónicas e diferenciadas, son cuestións que se tratan en varios artigos e entrevistas a transexuais.
E arredor da sexualidade, do traballo e da violencia aparecen tamén os debates sobre a prostitución. Desde o feminismo oficial ou maioritario só se concibe as prostitutas como vítimas (prostituídas). Non se admite outra posibilidade, pero a realidade está chea de matices, e nin todas as persoas, mulleres e homes, que ofrecen servizos sexuais o fan obrigadas nin todas as persoas que demandan estes servizos son seres pervertidos aos que hai que perseguir. Se de verdade se quere perseguir as mafias da trata e conseguir que non existan mulleres que exerzan a prostitución obrigadas e en malas condicións, non se debería meter todo no mesmo saco, porque as situacións e os condicionantes son moi distintos. E, sobre todo, deberíase dar voz as protagonistas, tamén as que exercen a prostitución libremente. Todo o libremente que se pode exercer nunha sociedade que as estigmatiza e as condena moralmente. Por iso en varias ocasións, con artigos, entrevistas ou conferencias temos aberto as páxinas de Andaina a mulleres prostitutas, para que sexan elas, as protagonistas, as que falen e expoñan a súa situación.
Tratamos ademais temas e debates como o traballo doméstico e o desigual reparto das cargas familiares, a discriminación laboral, a feminización da pobreza, o teito de cristal nas empresas ou na política, as cotas e a discriminación positiva… E como non, tamén o dereito a decidir libremente sobre os nosos corpos: o dereito ao aborto libre, gratuíto e na sanidade pública. Esa reivindicación que nos ten acompañado desde os anos setenta nestes días está de máxima actualidade coa proposta do ministro de Xustiza de volver a unha despena- lización aínda máis cativa ca de 1985. Número a número ata cumprir trinta anos, un longo percorrido ten sido posible grazas á xenerosidade de moitas mulleres que dedican tempo e esforzo a escribir, a organizar cada número e a buscar colaboracións.
Este é un traballo non profesional que se fai no tempo de lecer, non retribuído, tanto no caso das mulleres do consello de redacción coma no das colaboradoras. Un proxecto que se mantén sen subvencións nin publicidade, grazas ao apoio económico das persoas que se subscriben e colaboran ao seu financiamento. Nestes anos pasamos dunha mesa de luces e algunhas fotos caseiras a internet e as redes sociais, dun folleto de doce páxinas á coidada presentación que agora tedes nas mans. Tomádevos con calma a súa lectura e pasade as páxinas con mimo. Andaina é case a única publicación feminista en galego que resiste aos embates da crise e que consegue manter unha voz propia, aínda que sexa a contracorrente das institucións e dos medios. Pero non só nestas páxinas, tamén no blogue e na web, en xornadas e charlas, no MUfEST, o festival de curtas que promove Andaina e que en 2012 chegou á terceira edición. Sexa cal sexa o formato ou o medio que utilicemos, seguimos mantendo o obxectivo que se expresaba naquel primeiro número de 1983: «Difundir e animar o debate entorno ás posicións e teorías feministas, á vez que denunciar as situacións de violencia e discriminación que lles acontecen ás mulleres». Porque seguimos convencidas de que o esforzo paga a pena.