María Ángeles de Prada.
Queridas (Nanna, Anna, Negar: a que me regalou o libro, a que llo recomendou, a que o escribiu, e engadiría, Tabita Peralta, a que o traduciu).
Dicir que este libro me gustou ou fascinou, é usar unha linguaxe coloquial que é incapaz de transcender ao sentimento, á víscera, ao ventre, como tantas veces menciona Negar en esa saga familiar-tribal-ecuménica.
É verdade que tamén eses vocábulos reflicten parte da sensación vivida entre as súas páxinas; pero non son suficientes, nin pertinentes, nin demasiado adecuados.
O relato é unha luzada, unha forza que transmite, que ensina, que estimula, quepermite redondear outros coñecementos: sobre o que é diferente, sobre as culturas, sobre os desarraigamentos (bonita palabra: des-oriental, des-orientalizar), sobre os clarescuros da familia, das patrias, das normas, da aprendizaxe sobre o oficio de vivir.
E pódense recorrer con Kamiâ [1], quilómetros, os catro mil e pico (son eses?) que separan Irán de Turquía, e outras distancias e para as que o sistema métrico non ten equivalencias, que se perciben desde outras latitudes inconmensurables: o medo, a esperanza, a dignidade. Pódese recorrer con ela o camiño do asombro, da rebeldía, da auto-certeza da súa identidade, agochada, aletargada, revelada, “magicstralmente” (este vocábulo inventado, palabra maletín, á Carrol, que inclúe máxico e maxistral) desvelada por Emma.
O relato de Kamia non acaba coa páxina 328 (o elenco xa non é necesario, convivimos con elas e eles, coñecémolos), porque o zume desas historias continúa ascendendo, nutrindo desde as raíces ata as ramas más débiles.
O libro ten, como colaboradora necesaria, a tradutora: Tabita Peralta. Unha personaxe. Investiguei sobre ela, porque me chamou á atención a tradución exquisita, a linguaxe que usa non é unha linguaxe habitual, é unha caricia.
Nin que dicir ten que recomendo a lectura deste libro singular e influínte. Tras ela, é posible que as ideas sobre exilio, revolucións, imperialismo, identidade sexual…. se vexan alteradas, melloradas.
__________________
[1]Do árabe al-kimiya, "alquimia"; que vén do grego khémia, "maxia negra", e este do exipcio kem, "negro".