A PALABRAS MACHISTAS OUVIDOS VIOLETAS

2018030908404560419

O pasado domingo 28 de abril, cando Pedro Sánchez saíu ao balcón da sé madrileña do seu partido, a multitude de simpatizantes que o agardaba, evidentemente radiantes e eufóricos, interromperon o seu discurso, ao pouco de comezado, para berrarlle: Con Rivera no! Con Rivera no! As bases, querían transmitirlle aquilo de “o povo é quem mais ordea” e que de ningunha maneira verían con bos ollos unha coalición con Ciudadanos.

Nas últimas concentracións feministas, milleiros de mulleres, bravas e valentes, diversas e enxeñosas, saíron á rúa para transmitirlles aos políticos e á sociedade en xeral, o seu sentir, os seus desexos, o que pensan, a fartura que nos afoga e que tan cansas nos ten. Vimos pancartas onde se lían cousas como: Non é unha revolución é que estamos todas coa regra; Quitáronnos tanto que nos quitaron ata o medo; Non entendo porque facedes folga. Por iso a facemos; Somos as fodidas raíñas do Xeque mate; Sigo flipando por ter que protestar contra esta puta merda. Habíaas das que se teñen convertido en clásicos: Son a muller da miña vida; O patriarcado dáme patriarcadas; Pelexa como unha moza; O contrario de feminismo, é a ignorancia. Feminismo pra diante, machismo pra atrás; Imos queimar a Conferencia episcopal por machista e patriarcal.

Algunhas falaban sobre relixión. Desde a polémica e mediática, pintada na catedral compostelá: Yo no salí de tu costilla, tú saliste de mi coño! a God is a woman; Fóra doutrinas das nosas vaxinas; Fóra rosarios dos nosos ovarios; Nin submisa, nin devota, quéreme libre, linda e tola. Outras aludían á política: Casado, yo te hubiera abortado; Non VOX temos medo; ou ao futuro das mulleres: Imos rebentar o teito de cristal; A profe loitando tamén está ensinando; Non nacín muller para morrer por selo; Non quero ser princesa, quero ser alcaldesa. Igualdade salarial

Habíaas que se referían ás tarefas domésticas: Non son Siri, búscate a vida!; Estoy hasta las tetas de hacerte las croquetas; Manolo, esta noche la cena te la haces tú solo; No sé coser, no sé bordar pero si abrir la puerta para salir a luchar; Ningunha muller ten un orgasmo limpando o chan; á literatura: Anónimo era muller; Neruda, cállate tú; Cenicienta nunca pediu un príncipe, ela pediu un vestido e unha noite libre; Nos dan diazepan para aguantar a don Juan; Sen Hermione, Harry Potter tería morto no primeiro libro. Algunhas, reflexionaban sobre o pasado da humanidade: Se podes VOTAR, ABORTAR, TRABALLAR… é grazas a unha feminista; Non somos histéricas, somos históricas; As covas de Altamira, pintáronas as tías; sobre a violencia: Se son a próxima, quero ser a derradeira; Ninguén me preguntou como vestía o meu agresor; sobre coidados: Muller coidadora, tamén traballadora; Son a voz da muller que queda na casa coidando dos seus maiores; sobre a sexualidade: Mañana, España será Lesbiana; Aprender a follar con porno, é como aprender a conducir con Fast and furious; Hasta el coño de que todo tenga que ser por cojones, Vivan as putas. Antes torta que sinxela; mesmo sobre os animais: Me llamaste perra, a lo mejor es porque no quiero dejar de ladrar; Non son un can, non me silves.

Quizais algunhas sexan discutibles pero todas demostran que as mulleres, como povo, temos moito que ordenar-lhe aos dirixentes políticos. Agardamos que, como aos simpatizantes de Pedro Sánchez cando lle berraban aquilo de Con Rivera no! Con Rivera no!, o goberno sexa quen de escoitarnos e atender as nosas demandas.

Deixar un comentario