En 1917 o escritor e xornalista estadounidense Christopher Morley (1890-1957) publicaba a súa primeira novela, Parnassus on Wheels. En 2014, Rinoceronte editora achegou ás librarías galegas unha excelente tradución de Estela Villar. En pouco máis de 150 páxinas coñecemos a historia de Hellen McGill, unha muller de 40 anos que, cansa de aturar ao seu irmán, un escritor de renome, “distraído, temperamental e un tanto egoísta”, decide abandonar a granxa de ambos, e comprar a libraría ambulante do señor Mifllin. Un estraño carro, con forma de caravana, tirado por un tranquilo cabalo, que no seu interior alberga as moreas de libros que Roger Mifflin vende, desde hai anos, con convencemento e entusiasmo, por remotas aldeas e vilas.
Un canto á literatura e aos amantes dos libros. Unha defensa sincera e entusiasta da lectura e da boa literatura que, sen lugar a dúbidas, coñece e comparte Nieves Loperena. Esta muller, noutrora fotógrafa e editora, e na actualidade responsable da editorial Nigra Trea en Galicia, é a propietaria dunha casa en Gaxate, no concello da Lama. Unha vella escola republicana que alberga entre as súas paredes non menos de 40.000 volumes. Nieves percorre a xeografía galega, e parte da española, na súa Furgolibro, que, como O Parnaso de Roger Mifflin e Hellen McGill, achega bos libros a aqueles que estean dispostos a gozar deles.
Nieves recíbenos sorrinte, na feira de Vilanova de Arousa. É venres e inda que nos custou algo dar con ela, non nos sorprende encontrala ensimismada, traballando. Coloca libros nunha mesa que estende fronte a Furgolibro. “Os venres estou en Vilanova, os luns en Sabarís, os primeiros domingos de mes en Ourense… e por suposto, acudo ás feiras que van xurdindo”.
Moitos dos seus clientes son xa vellos amigos; algúns achéganse a facerlle encargas. Queren libros de manualidades, ensaios históricos ou a última novela de Almudena Grandes. Outros, poucos, decántanse por requintadas primeiras edicións que follean con coidado. “Teño un servizo de recompra. Mercas un libro que vale cinco euros e, se o traes de volta, no seguinte que leves, descóntoche tres”: Hai días que apenas gaña 20 euros e outros nos que regresa a casa feliz, non tanto polos billetes que leva no peto como polos volumes que deixa instalados en boas mans porque como di Roger Mifflin: “cando lle vendes un libro a un home, non só lle estás a vender doce onzas de papel, tinta e cola… estaslle vendendo unha nova vida. Amor, amizade, humor e barcos navegando polo océano no medio da noite”.