0 corte

“O CORTE” , Maryam Sheikh Abdi

tomado do libro de BRIDGET CHRISTIE: Un libro para ellas. Barcelona. Anagrama (2017) no apéndice tres

Traducido para Andaina por: Felicia Estévez Salazar

las-11-tradiciones-mas-extrac3b1as-del-mundo-que-te-dejaran-sin-palabras-101

 

Eu só tiña seis anos

cando me conduciron ao interior do bosque

como quen vai camiño do matadoiro.

Demasiado nova para saber que implicaba todo aquilo,

achegueime con desgana ás mulleres que me

esperaban.

No máis profundo do meu ser latexaba o desexo de que me

cortasen,

pois a dor era o meu destino:

tal é o prezo da feminidade,

iso dixéranmo sempre.

Aínda así, estaba morta de medo…,

mais non podía deixar que se me notase.

As mulleres falaban en voz baixa,

concentradas en cumprir co seu cometido.

Estaba a que nos suxeitaría o torso,

que debía ser forte para reternos no chan.

Pernas e mans tamén tiñan cada unha a súa

gardiá,

que debían saber o que facían

para que non nos zafasemos e fuxisemos á carreira.

Primeiro cortaron a máis vella das rapazas

e tras ela todas as demais.

Famosa pola miña timidez, eu estaba entre as seis

últimas.

Tremaba de pés a cabeza, tiña ganas de vomitar;

a espera facíaseme longa,

a expectativa da dor demasiado intensa,

pero debía esperar a miña quenda.

O corazón latexábame con forza,

afogando todos os sons,

agás os alaridos das rapazas,

pois ese era tamén o meu fado.

Finalmente chegou a miña quenda, e unha das mulleres

chiscoume o ollo e díxome:

“Ven aquí, rapaza”, cun sorriso cruel.

“Non serás a primeira nin a última,

mais só tes esta oportunidade para demostrar que

es valente.”

Espiume. Púxoseme a carne de galiña.

Sopraba un vento frío que enviaba sinais de

advertencia

a todo o meu corpo. Custábame respirar, e a cabeza

dábame voltas mentres me levaban da man.

Obediente, sentei entre as pernas da muller

que me suxeitaría o abdome,

e cada unha das outras catro

agarroume dunha extremidade.

Fixéronme abrir as pernas, que suxeitaron con firmeza.

E á sombra dunha árbore…

a cortadora empezou o seu traballo…

A lembranza da dor

segue sendo moi vívida,

décadas despois de telo sufrido.

¡Deus, foi espantoso!

Chorei e berrei ata quedar sen folgos.

Quedei sen voz e os berros non saían da miña boca.

Retorcinme mentres unha dor atroz desgarraba

a miña carne tenra.

Suxeitádea!” berrou a maldita cortadora,

e a máis corpulenta das mulleres sentou no meu

peito.

Non podía respirar, pero ninguén

me escoitaba.

Despois os meus berros foron apagándose, e todo voltou

negro.

Mentres perdía o coñecemento, oía as mulleres

rindo,

burlándose da miña covardía.

Deberon pasar varias horas ata que espertei

a unha realidade horríbel.

A dor era insoportábel!

Devorábame por dentro, e cada palmo do meu corpo

infantil latexaba de dor.

As mulleres intercambiaban miradas

e falaban sen disimulo de como se me coñecería en

diante,

coma unha covarde que se desmaiara mentres

a cortaban.

Allahu Akbar!, exclamaban mentres me criticaban.

Mirei cara abaixo e déronme unha labazada.

“Non mires, covarde”, dixo a cortadora;

despois ordenou ás mulleres que botasen area quente

sobre os meus xenitais en carne viva.

O meu precioso sangue manou a cachón, espumando.

“Abre”, ordenou a muller con malos modos,

mentres me botaba area.

Nada do que facían aliviaba a dor.

“Ja! Como parirás?”, mofouse

a do sorriso cruel.

Eu tremaba e mordía o beizo inferior.

Abaneábame cara adiante, cara atrás e a ambos lados,

retorcéndome de dor.

“Esta non me traerá senón vergonza!” exclamou a

cortadora.

Fixádevos canto se moveu, así como vai

curar?”

A miña irmá estaba avergoñada, pero recoñecín

a dor nos seus ollos….

Quizais estivese lembrando o seu propio suplicio.

Levoume axiña ata a cabana.

O sangue rezumaba e manaba. Paxaros limpadores

voaban en círculos e pousaban nas árbores próximas.

Ish, Ish”, axotábanos as mulleres.

E durante todo ese tempo a dor seguía vindo en

oleadas,

cada unha máis intensa cá anterior.

As mulleres fixéronos erguer mais

advertíronnos

que non debiamos separar as pernas.

Limparon a area sanguinolenta das nosas coxas

e pequenas nádegas,

e despois voltaron a deixarnos sentadas.

Excavaron un burato no chan

e mallaron malmal, a herba pao.

As cordas para atarnos as pernas estaban preparadas.

Trouxeron carbón e puxérono no burato

no que había merda seca de burro e moitas herbas

a parafernalia da cortadora.

Botaron as herbas enriba do carbón

e fixéronnos sentar ao carricho sobre o burato.

Mentres o fume subía ao meu redor,

escoitaba o sangue gotear sobre o carbón,

levantando máis fumareda.

A dor empezaba a remitir un pouco,

mais sentíame débil e mareada.

Non estará perdendo sangue?”, preguntou a miña

irmá, preocupada.

“Non, non. Parará en canto lle poña as herbas”,

contestou a cortadora con impaciencia.

Puxéronme a pasta do malmal alí onde antes

estiveran os meus labios vaxinais,

e despois envolvéronme desde as coxas ata os

nocellos

con cordas moi resistentes feitas de pel de

camelo.

Trouxeron un bastón longo e as mulleres fixeron quendas

para nos ensinar a camiñar, sentar e

erguer.

Dixeron que non debiamos inclinarnos nin separar as

pernas.

“Así curaredes máis á présa”, dixeron,

pero o que realmente pretendían

era que a abertura quedase fechada.

As primeiras gotas de ouriños,

máis abrasadoras cá coitela,

caeron a modiño, pouco a pouco,

unha gotiña tras outra,

estando eu tumbada de lado.

Non podía lavarme nin secarme,

e a queimura persistiu durante horas.

Mais non fixen de ventre….

polo menos que eu lembre.

Ao longo do mes seguinte esa foi a miña vida.

Non podiamos comer nada que levase aceite,

nin tampouco verduras ou carne.

A miña ración de comida diaria consistía en leite e ugali1

Só me permitían beber groliños de auga,

para non “mollar” a ferida, dicían, pois iso retrasaría

a recuperación.

Nosoutras pasabamos o día no bosque.

A viaxe de volta a casa empezaba

a iso das catro e ás veces remataba ás sete.

Durante todo ese tempo debiamos soportar a calor

e camiñar arrastrando os pés descalzos ata casa

sen beber nin gota de auga, por suposto.

Non debiamos inclinarnos se cravabamos unha

espiña,

nin pedir auxilio en voz alta, iso nunca,

pois de facérmolo, “abriría” e daquela terían

que voltar a chamar a cortadora.

Todo se reducía a normas e prohibicións,

cada unha máis temíbel.

Ao longo das seguintes catro semanas

permanecín alí coas outras cinco nenas.

Ningunha de nós se bañou;

entre a nosa roupa e a pel instaláronse piollos

que nos trababan e proían día e noite.

Non había forma de librarnos deles,

non ata que tivesemos curado.

O río quedaba a só un quilómetro de distancia.

Pola mañá, a brisa traía o doce recendo

das súas augas ata nós,

agudizando a nosa sede.

O día que chamaron a cortadora de novo,

todas nós trememos

e rezamos en silencio

para que non tivesen que

voltar a cortarnos.

Grazas a Deus estabamos todas listas,

agás unha desafortunada rapaza

que houbo pasar outra vez por todo aquilo

e tardou meses en recuperarse.

Afeitáronnos a cabeza.

Liberáronnos das cordas, e con elas dos piollos,

por fin.

Bañáronnos e untáronnos a pel con aceite,

pero o máis importante de todo foi que nos deixaron

beber auga.

Eu bebín ata que non me cabía nin unha gota máis no

estómago,

pero a miña boca e a miña gorxa seguían pedindo máis.

Rematara.

As cordas deixáranme marcas nas coxas,

salpicadas de chagas provocadas polos piollos.

Agora debía coidarme,

para asegurarme de que todo permanecese intacto

ata o día que casase.

1 Masa elaborada con fariña de millo que constitúe un alimento básico no leste do continente africano.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s