andaina

BANALIZACIÓN DAS AGRESIÓNS MACHISTAS

A finais de xuño de 2015 Andaina: Revista Galega de Pensamento Feminista recibiu un correo asinado por un colectivo que se identificaba como Feministas de Compostela, no que se nos pedía que colgásemos na web a carta que se axuntaba. Tratábase dun texto escrito en primeira persoa, no que se acusaba a Suso Sanmartín de agredir, apenas un mes antes, a unha muller nun local público de Compostela.

A reiteración de expresións do tipo «violentamente», «invasión do meu espazo», «burlouse, riu», «desquiciante», «violentadas», «comportamentos obsesivos e dominantes» e a insistencia en evidenciar «o tipo de condutas destes agresores» falaban alto e claro do malestar da denunciante, pero o motivo da súa ira non estaba, ao noso entender, suficientemente explicado. A este respecto, a carta limitábase a indicar: «Este suxeito interrumpiume colléndome como se collen as cousas que son túas (con determinación) supoño eu que para bailar comigo. Cando o evitei e respondín a invasión do meu espazo o tal S. S. burlouse, riu e pasou do tema cunha facilidade de todo desquiciante».

Ao continuar lendo, chamou a nosa atención a cantidade de información persoal que se proporcionaba do suposto agresor, tanto a respecto da súa militancia política e social, como do seu quefacer laboral. A denunciante dicía non ter nada en contra deses colectivos e organizacións, pero insistía en facer pública a «responsabilidade política» de Sanmartín.

Ao final do documento, desaparecía a primeira persoa e xurdía un plural que denunciaba que o que «lle aconteceu a esta compañeira nom é nada novo», anunciaba o fastío das mulleres ante este tipo de situacións, demandaba un espazo público de debate e ameazaba con que, en caso de necesidade, «seremos as feministas as que nos tomemos a justiça pola mao».

Respondemos ao correo pedindo reunirnos con algunha representante do colectivo para aclarar as nosas dúbidas, debater sobre o tema e actuar en consecuencia. A resposta que recibimos deixounos bastante descolocadas. Apoiaba plenamente unha das expresións finais da carta que se nos enviara: «Empregar este comunicado para outra cousa que non seja o que nós desejamos é invisibilizar o ocorrido e dar-lhe mais importancia a desacreditar um coletivo que a tratar de combater o patriarcado». Acordamos gardar silencio e non pronunciarnos.

Isto foi hai máis dun ano. Nese tempo o asunto ten dado moitas voltas e a situación volveuse pública e complicada. En xullo de 2015, apareceu un novo documento dixital baixo o epígrafe «Pelo fim da invisibilizaçom de agressons machistas nos movimentos sociais» e en novembro de 2016 chegou a nós un novo texto, asinado por 450 persoas, que reza «Já chega de agressons machistas!!!!». Cartas de amigos de Sanmartín defendéndoo, do propio Sanmartín tentando explicar o sucedido, pintadas nos muros composteláns, denuncias nos xulgados e centos de comentarios nas redes sociais completan tan desagradable historia.

En vista da dimensión que está tomando o asunto, Andaina decide agora posicionarse publicamente.

En Andaina non acostumamos asinar documentos polo feito de estar impresos nun papel  malva ou redactados en tinta violeta. Gústanos entender que é o que apoiamos e procuramos reflexionar sobre todo o que nos rodea. Evidentemente, desde sempre combatemos sen contemplacións a violencia de xénero e calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres pero consideramos que este uso dun problema social tan serio é moi perigoso, pois banalízao e non favorece en absoluto ás vítimas que o sofren realmente.

Entendemos que neste caso estamos ante un texto redactado nunha linguaxe escura e tendenciosa, que non se corta á hora de difundir nas redes, manifestos e paredes o nome e apelidos dunha persoa á quen se lle apón a cualificación de agresor, a comisión dunha suposta agresión contra unha muller, condenándoo con violencia, pero que non deixa claro o sucedido. A postura autoritaria das asinantes e a percepción de que as persoas ás que se lles demanda apoio deben condenar incondicionalmente unha agresión que non se explica nin se demostra, esperta en nós preocupación, desconfianza e rexeitamento. Como expresamos no editorial do noso último número publicado: «Corremos o risco de converter esta viaxe común pola nosa liberdade nunha intimidación, errando de inimigo. […] Unha volta punitiva ou lonxe da resolución de conflitos de xeito colectivo ideal pola que deberiamos pelexar».

Advertisements