BANALIZACIÓN DAS AGRESIÓNS MACHISTAS

A finais de xuño de 2015 Andaina: Revista Galega de Pensamento Feminista recibiu un correo asinado por un colectivo que se identificaba como Feministas de Compostela, no que se nos pedía que colgásemos na web a carta que se axuntaba. Tratábase dun texto escrito en primeira persoa, no que se acusaba a Suso Sanmartín de agredir, apenas un mes antes, a unha muller nun local público de Compostela.

A reiteración de expresións do tipo «violentamente», «invasión do meu espazo», «burlouse, riu», «desquiciante», «violentadas», «comportamentos obsesivos e dominantes» e a insistencia en evidenciar «o tipo de condutas destes agresores» falaban alto e claro do malestar da denunciante, pero o motivo da súa ira non estaba, ao noso entender, suficientemente explicado. A este respecto, a carta limitábase a indicar: «Este suxeito interrumpiume colléndome como se collen as cousas que son túas (con determinación) supoño eu que para bailar comigo. Cando o evitei e respondín a invasión do meu espazo o tal S. S. burlouse, riu e pasou do tema cunha facilidade de todo desquiciante».

Ao continuar lendo, chamou a nosa atención a cantidade de información persoal que se proporcionaba do suposto agresor, tanto a respecto da súa militancia política e social, como do seu quefacer laboral. A denunciante dicía non ter nada en contra deses colectivos e organizacións, pero insistía en facer pública a «responsabilidade política» de Sanmartín.

Ao final do documento, desaparecía a primeira persoa e xurdía un plural que denunciaba que o que «lle aconteceu a esta compañeira nom é nada novo», anunciaba o fastío das mulleres ante este tipo de situacións, demandaba un espazo público de debate e ameazaba con que, en caso de necesidade, «seremos as feministas as que nos tomemos a justiça pola mao».

Respondemos ao correo pedindo reunirnos con algunha representante do colectivo para aclarar as nosas dúbidas, debater sobre o tema e actuar en consecuencia. A resposta que recibimos deixounos bastante descolocadas. Apoiaba plenamente unha das expresións finais da carta que se nos enviara: «Empregar este comunicado para outra cousa que non seja o que nós desejamos é invisibilizar o ocorrido e dar-lhe mais importancia a desacreditar um coletivo que a tratar de combater o patriarcado». Acordamos gardar silencio e non pronunciarnos.

Isto foi hai máis dun ano. Nese tempo o asunto ten dado moitas voltas e a situación volveuse pública e complicada. En xullo de 2015, apareceu un novo documento dixital baixo o epígrafe «Pelo fim da invisibilizaçom de agressons machistas nos movimentos sociais» e en novembro de 2016 chegou a nós un novo texto, asinado por 450 persoas, que reza «Já chega de agressons machistas!!!!». Cartas de amigos de Sanmartín defendéndoo, do propio Sanmartín tentando explicar o sucedido, pintadas nos muros composteláns, denuncias nos xulgados e centos de comentarios nas redes sociais completan tan desagradable historia.

En vista da dimensión que está tomando o asunto, Andaina decide agora posicionarse publicamente.

En Andaina non acostumamos asinar documentos polo feito de estar impresos nun papel  malva ou redactados en tinta violeta. Gústanos entender que é o que apoiamos e procuramos reflexionar sobre todo o que nos rodea. Evidentemente, desde sempre combatemos sen contemplacións a violencia de xénero e calquera tipo de violencia exercida contra as mulleres pero consideramos que este uso dun problema social tan serio é moi perigoso, pois banalízao e non favorece en absoluto ás vítimas que o sofren realmente.

Entendemos que neste caso estamos ante un texto redactado nunha linguaxe escura e tendenciosa, que non se corta á hora de difundir nas redes, manifestos e paredes o nome e apelidos dunha persoa á quen se lle apón a cualificación de agresor, a comisión dunha suposta agresión contra unha muller, condenándoo con violencia, pero que non deixa claro o sucedido. A postura autoritaria das asinantes e a percepción de que as persoas ás que se lles demanda apoio deben condenar incondicionalmente unha agresión que non se explica nin se demostra, esperta en nós preocupación, desconfianza e rexeitamento. Como expresamos no editorial do noso último número publicado: «Corremos o risco de converter esta viaxe común pola nosa liberdade nunha intimidación, errando de inimigo. […] Unha volta punitiva ou lonxe da resolución de conflitos de xeito colectivo ideal pola que deberiamos pelexar».

Advertisements

18 comentarios en “BANALIZACIÓN DAS AGRESIÓNS MACHISTAS

  1. “Respondemos ao correo pedindo reunirnos con algunha representante do colectivo para aclarar as nosas dúbidas, debater sobre o tema e actuar en consecuencia. A resposta que recibimos deixounos bastante descolocadas. Apoiaba plenamente unha das expresións finais da carta que se nos enviara: «Empregar este comunicado para outra cousa que non seja o que nós desejamos é invisibilizar o ocorrido e dar-lhe mais importancia a desacreditar um coletivo que a tratar de combater o patriarcado». Acordamos gardar silencio e non pronunciarnos”.

    Poderían explicar qué queren dicir neste párrafo? Respondéronvos só o que está entrecomillado? A carta que vos enviaron di moitas cousas, a qué se refiren có que “apoiaba plenamente”? ¿A cal das expresións finais apoia? ¿Poderían ou ben publicar o contido completo da resposta ou facer unha sinopse que se entenda? Se poñedes só un fragmento no se entende qué vos queren dicir.

    Grazas, un saúdo.

    • Boas Gonzo,

      Sobre o que nos preguntas: Para nós esa lóxica de amig*/inimig* deixa atrás moitos matices, e por iso quixemos establecer un diálogo sobre o conflito que se nos trasladaba, pero a resposta foi que o texto era para ser publicado integramente e non para o debate.

  2. Unha pregunta inocente: cando dicides “unha agresión que non se explica nin se demostra”, non vos parece que estades a reproducir os esquemas patriarcais máis rancios?

  3. “A min non me chista ni Dios”. Sobre os feitos: pode resultar totalmente desagradavel e mesmo reprovavel, mas da para debatir si iso é unha “agresion”, e en todo caso en que grado. Resulta curioso a presa pola execución da sentencia, sen posibilidade de defensa, donde quen xulga é xuri e fiscal. Chama tambén a atención esta pedagogia coercitiva, e en todo caso estas sintesis de que quen non este de acordo coa sentencia e a execución isofacto forma parte do patriarcado rancio, da misoginia, do machismo e colaboracionismo. Chama tambén a atención ese combate por trasladar o público ao privado sen aportar medidas, propostas e documentos de debate, para dibuxar como creen que deveria ser o comortamento de un militanten na sua vida pesoal, para que as organzacións debatan e aproben nese sentido. Chama a atención que a pedagogia sea por linchamento e castigo, aviso a navegantes. Chama tambén a atención de que se queixen de que o “agresor” recurra á xustiza ordinaria, máxime sobre o argumento de querer facer un debate público onde só há unha voz, só unha posición inquestionavel, e o “agresor” é un convidado de pedra, decorativo. Chama tambén a atención, isto é xeralista, a falta de vsión de conxunto de como xestionar conflictos, de previsión de resultados no entorno, e do apodrecimento de relacións pesoais entre afins por esta causa.

  4. “A postura autoritaria das asinantes”… en qué se concretou ese “autoritarismo”? en dicir que era un texto para asinar ou non o facer por decisión propia e non por convencemento alleo?… curiosa definición de autoritarismo…. Non deixa de ser paradóxico que o que lle resulta intimidatorio e autoritario a Andaina é que se de traslado dun comunicado asinado primeiro por 150 e agora por 450 mulleres, que denunciaba un comportamento intimidatorio e autoritario dun home cara a unha muller e que, ademáis, despois derivou en non poucas e máis graves agresións machistas nas rúas e nas redes sociais. Vai ser que en lugar de estarmonos confundindo de enemigo o que estamos é erradas nos termos e nos fundamentos…. O único que me parece adecuado é o título do artigo en toda a súa extensión engadíndolle, si acaso unha conxunción copulativa: “Andaina e a banalización das agresións machistas”, como suxestión…

    • Boas!
      Ese autoritarismo ao que faciamos referencia era polo feito de non estar abertas a manter unha xuntanza, como explicabamos tamen noutro comentario anterior… Non concordamos na xestión realizada de todo este proceso e asi o explicitamos.

      Pode que non esteamos de acordo nos termos e nos fundamentos pero é o que ten a pluralidade dos feminismos e opinións. Nin as mulleres que defendedes e asinedes o manifesto estades erradas nin nos somos as que temos a razón. Son distintas olladas que cuestionan de distinta maneira o acontecido.

      Eramos coñecederas de que o noso posicionamento ao respecto non ia prestar a moitas pero inda asi pensamos que tiñamos que facelo, que nunca pode ser negativo enfrontar pareceres…

      Desculpade en todo caso que non respostemos con maior profundidade, que pensamos que o tema o merece mais pero os tempos de atención a esta ferramenta que temos son limitados. Volvemos mais tarde.

  5. Quen banaliza a violencias sodes vos, ao tildar de non importante a violación do consentemente que ocorreu aquela noite e que ocorre todos os días. E que publiquedes isto, e nese ton de desprezo, xusto agora que o voso defendido emprendeu accións inquisitatoriaid para represaliar a autodefensa feminista… En fin. Seguide adorando ao Amo.

    • Dicimos isto de banalizar polo feito enxuizado: coller a unha moza para bailar, e ao ela se queixar e rexeitar, burlarse dela. Podemos entender o desagrado, a raiba nese momento… Mais non concordamos co de que todo sexa violencia nin agresións, e moito menos todo o que viu despois. Parécenos que hai matices que estamos a perder: todo é terrorismo machista?

      O ton non pretendia ser de desprezo, pode que si firme, mais como diciamos noutro comentario pensabamos que non podiamos continuar caladas e queriamos partillar a nosa ollada.

      Por certo o sinalamento dunha persoa e esa lóxica amiga/inimiga só beneficia ao machismo e ao machista. O machista pode nn reflexionar sobre o seu comportamento porque con que asinale ao “malo” xa fica libre de sospeita. E asi se perpetuan os roles.

      E pra rematar, apostamos por construir outro mundo, sen dogmatismos nin verdades absolutas, onde non sempre haxa boas nin malos da pelicula, nin amos nin vasalos… Un presente de igualdade e encontro nos feminismos para mudar todo o que nos preste. Porque moito temos avanzado, e desde o optimismo e os feminismos é como queremos construir o que esta por vir.

  6. Só podo dizer, obrigado por trazer algo de luz! Eu pessoalmente estava a espera de ver opinioes publicas sobre o tema que não entrassem a “defender” ninguém, mas sim a debater como se desenvolveu o caso. Parabéns pela prudência prévia, a análise e o pronunciamento.
    Luís Fontenla Figueiroa

  7. É moi patético ter que ler este artigo dun colectivo que che chama feminista. Onde só se defende e se toma a posición dunha parte, neste caso concreto, o que ataca a unha muller. Eu non estaba na noite esa no “emblemático bar”, pero como muller estou farta de sofrer ese tipo de actitudes sen que os que as practican comprendan que poden ser molestas, temos que aturalas constantemente porque están tan asimiladas na nosa sociedade e o noso entorno que é moi difícil atopar un mínimo de comprensión e empatía. Eu comprendo que esa persoa sentírase agredida. O que non comprendo é o que se desencadeou despois. E a campaña de burla e escarnio que se emprendeu nas redes e mesmo nos xulgados é algo que escapa ao meu entendemento. Se estades na loita feminista deberíades comprender que hai momentos en que unha muller xa non pode máis soportar o machismo circundante, que a traten coma mercaduría nos bares, que a chamen esaxerada cando protesta por un piropo ou unha actitude prepotente, que reciba o adxetivo feminazi cada dous por tres por compartir artigos que analizan o patriarcado nas redes…este asunto teríase que ter resolto xa hai tempo. Unha disculpa e un esforzo de empatía por parte dos que viven con privilexios tería sido o sensato. Desencadear unha campaña así tería que ter servido para cuestionar e facer unha análise do mundo que vivimos e como podemos entre todxs melloralo. Dá pena ver este intercambio de acusacións, insultos e prepotencia que parece que non ten fin.

  8. Pingback: Graças “Andaina”!! Por fim fam-se públicas outros olhares feministas | ogajeironagavea

  9. Bravas! Adoro ver que se pronunciam as vozes do feminismo com as que me identifico. Basta já das atitudes de “estas comigo ou contra ou contra movimento feminista”. Não tudo vale. Muito agradecida de ler este comunicado. Saúdos.

  10. Pingback: Banalización das agresións machistas | abordaxe

  11. O dilema de sempre, se unha denuncia é dabondo para condear a alguén. Fíxose na Inquisición, e moitas mulleres foron asasinadas na hoguera por acusacións falsas. As que criticades a actuación desta asociación, ¿estades en contra da presunción de inocencia? Tamén penso que a reacción ten que ser acorde coa acción. A mín una discusión nun bar que se eleva de tono, aínda con comentarios machistas por parte dalguén, non me parece un motivo razoable para movilizar asociacións feministas ou xente para facer escraches ou escarnio público.

  12. Si no els importa, respondré en català, ja que el meu galaicoportugués no és bo per escrit, tot i llegir-lo perfectament i atrevir-me a destrossar-lo, parlant.
    Celebro la reflexió d’Andaina, encara que hauria pogut ser més presta. Un any de linxament públic per terra, mar i aire contra una discusió de bar pel fet d’equiparar violència agressiva amb desavinències socials no és de rebut: És un deliri. La veu de la persona linxada (pintades, insults i denigrat a la xarxa ad aeternum) resulta que no mereixia ser escoltada amb l’argument d’una espècie de llei del pèndul que planteja la venjança exemplar com a sol.lució a “qualsevol forma de violència masclista”? Trist paper el d’una part del moviment feminista que secunda acríticament una resposta primària a un (no) cas que es podria haver resolt entre cavallers (i dames) reconeixent errors i malentesos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s