Unha cuña non é un paritorio

Unha cuña non é un paritorio. Polo dereito a un aborto digno

Margarida Corral Sánchez

16-02-18 PlataformaAbortoACounha (3) [254852]Mulleres parindo soas un feto morto nun hospital, deitadas nunha cama, axeonlladas nunha cuña, ou no mesmo cuarto de baño da habitación de ingreso. Cando acontece o expulsivo chaman a enfermeira, convivindo varios minutos co feto até que entra na habitación a recollelo. Só se a expulsión non é completa entran en quirófano. Non reciben anestesia, só nalgúns casos algún tranquilizante ou medicación para paliar a dor. Cáusanlle o aborto por indución a través da aplicación de medicamentos que provocan a dilatación do colo uterino e a expulsión do feto, de non facelo a matrona, é a propia muller a que se introduce a medicación.

Nalgúns caso, o aborto é espontáneo; noutros, por decisión da muller, logo de detectarse algún tipo de malformación fetal durante as 14 semanas ou máis de xestión.

A alternativa á indución, ou ben cando desde a área sanitaria aludan obxección de conciencia, é acudir a unha clínica privada de Madrid. Así, son moitas as galegas que por complicacións de saúde graves no embarazo teñen que someterse a un aborto terapéutico fóra do país. Non hai alternativas. Nin na rede pública galega nin en clínicas privadas. Son as mulleres as que corren cos custes da viaxe e estadía, e só ao seu regreso poden solicitar á Consellaría de Sanidade unha compensación en concepto de axuda de gastos por desprazamento, que en moitos casos non supera os 80 euros.

Esta é a experiencia de moitas mulleres en Galiza. Non sucedeu o século pasado. Está a acontecer en toda a área sanitaria.

Ante esta situación, as feministas integradas na Plataforma polo Dereito ao Aborto da Coruña entregabamos o 20 de xullo do pasado ano 2015, no rexistro do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, un escrito dirixido ao xerente do mesmo e ás directoras médica e de enfermaría, no que describiamos como debería ser a atención ás mulleres que teñen un aborto no segundo trimestre da xestación, consonte os protocolos internacionais.

Denunciabamos que non se estaban a cumprir os mínimos que marcan os protocolos, polo que instabamos as autoridades responsábeis a que tomasen as medidas oportunas para garantir unha atención integral e de calidade na atención ás mulleres que precisaban un aborto no segundo trimestre do seu embarazo.

Despois de case sete meses sen resposta da Administración, fixemos unha denuncia pública ante os medios de comunicación, concentrándonos diante do Rexistro do chuac, onde entregamos centos de escritos instando as autoridades sanitarias a adoptar un protocolo que garanta a atención especializada ás mulleres.

Foi nese momento cando varias se puxeron en contacto cos medios de comunicación para narrar de viva voz a súa experiencia sobre o trato recibido. Mais a pesares da rotundidade das denuncias, o Partido Popular fixo oídos xordos. Tanto o presidente da Xunta de Galiza como o vicepresidente, de quen depende por certo a Secretaría Xeral de Igualdade, aseguraron que existía un protocolo e que este era o correcto, pretendendo darlle un carácter anecdótico ás denuncias.

16-02-18 PlataformaAbortoACounha (0) [254850]A propia valedora do Pobo, aínda recoñecendo que de ser veraces as denuncias tería que abrirse unha investigación, restaba validez as mesmas, aludindo á responsabilidade das mulleres por non denuncialo ante as autoridades e só facelo nos medios.

Non imos permitir que obriguen a parir con dor fetos mortos nunha habitación de ingreso. Que sometan as mulleres á tortura. Que as obriguen a desprazarse a Madrid, porque na Galiza a meirande parte dos profesionais alegan obxección de conciencia. Que logo de derivalas a clínicas privadas do Estado español nin tan sequera sufraguen os custes de desprazamento e aloxamento integramente. Porque consideramos que dunha vez por todas, a rede sanitaria pública debe garantir un aborto digno, porque é un dereito elemental das mulleres.

Por iso redactamos unha moción que foi aprobada pola Deputación Provincial da Coruña, e que vai ser achegada aos concellos de toda a provincia, instando ao sergas á apertura dunha investigación respecto de cal foi a atención prestada ás mulleres que precisaron dun aborto de máis de 14 semanas por causas médicas, tanto aquelas que tiveron o expulsivo (parto) na habitación de ingreso, como as que foron derivadas a un centro privado de Madrid.

Demandamos que as mulleres dispoñan dunha atención axeitada tal e como recollen os protocolos internacionais, garantindo a mesma atención que nun parto (indución, expulsivo e despois deste en sala axeitada, con posibilidade de anestesia epidural e atención por parte de profesionais de xinecoloxía e matrona), incluído o apoio emocional á muller durante todo o proceso, tendo en conta as súas necesidades, inquedanzas e desexos para poder abordar de xeito integral a súa saúde física e psíquica.

Esiximos que se dote aos concellos do rural (A Laracha, Abegondo, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Camariñas, Carballo, Cee, Cerceda, Coirós, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Curtis, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Malpica, Miño, Muxía, Oza – Cesuras, Paderne, Ponteceso, Sobrado dos Monxes, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas) de profesional de xinecoloxía no Centro de Orientación Familiar de referencia (dado que dende xaneiro de 2013 non se cubre a praza do cof do Ventorrillo), para garantir a atención dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres destes trinta concellos.

Instamos á creación de dous centros de referencia no país para a atención da Interrupción Voluntaria do Embarazo (ive), un na zona norte e outro da zona sur, con persoal sanitario especializado, co obxecto de garantir a execución dos protocolos internacionais sobre os Dereitos Sexuais e Reprodutivos recoñecidos como dereitos humanos na rede pública de saúde galega.

Requirimos que se garanta ás mulleres unha atención integral do aborto nos hospitais públicos, sen que o seu dereito estea subordinado a criterios ideolóxicos como o da obxección de conciencia.

As mulleres non imos consentir máis mostras de violencia obstétrica. O persoal sanitario debe respectar a decisión libre das mulleres de interromper o seu embarazo. Deben supeditar as súas preferencias persoais e que sexa a muller quen decida o método, sempre e cando se garanta a seguridade e eficacia do procedemento, xunto co apoio psicolóxico á muller.

Polos dereitos sexuais e reprodutivos de todas as mulleres. Por ti, por min, por ela. Aborto libre e con garantías.

16-02-18 PlataformaAbortoACounha (6) [254855]

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s