Andaina 66

Editorialportada 66

Sermos feministas, irmás, practicar a sonoridade. Procurarmos un mundo de mulleres libres desde un país como o noso. E, partindo destas dúas frases, utilizamos métodos moi diversos para os mesmos fins. 

A violencia machista sempre foi un dos fundamentos da nosa loita e unha das principais lacras desta sociedade que combatemos desde os feminismos. Porque querémonos vivas e non nos cansamos de berrar que non aturaremos a perda de #ninunhamais. Que apostamos polos bos tratos, que a educación en igualdade é fundamental, que o amor romántico é culpábel de tanto. E que isto é moi grave, que desde as institucións hai moita propaganda, pero pouco orzamento, que os medios de comunicación continúan perpetuando estereotipos sobre asasinatos machistas e crimes paixonais, e que queda unha chea para rematar con esta situación que leva arrincada a vida a 43 mulleres no Estado este ano. Por iso participamos da marcha estatal contra a violencia machista o 7 de novembro, en Madrid. Ruximos desde as rúas da capital pola autonomía das nosas vidas, dos nosos corpos, por sobrevivir a tanta crueldade e á tiranía do machismo.

Mais a existencia destas certezas das que falamos non xustifica a corrente activista e ideolóxica que define todo conflito entre mulleres e homes como indicio de violencia patriarcal. Unha tendencia que inicia cazas de bruxas, que en lugar de problematizar, culpabiliza e personaliza comportamentos.

Corremos o risco de converter esta viaxe colectiva pola nosa liberdade nunha intimidación, errando de inimigo, nunha aventura onde volvemos ser as eternas vítimas ou onde só a violencia, baixo o slogan de autodefensa, sexa a saída. Unha volta punitiva ou lonxe da resolución de conflitos de xeito colectivo ideal pola que deberiamos pelexar.

Consignas como machete ao machote, se te maltrata, mátao, podemos entendelas como provocación, denuncia para empoderar e afastarnos da imaxe vitimizadora eterna das mulleres. O problema xorde cando hai quen toma isto ao pé da letra, no peor sentido da mesma.

Non compartimos o feminismo de pensamento único, porque formamos parte desas outras voces que defenden a palabra autorizada das traballadoras sexuais, porque nos importan as liberdades individuais e colectivas, contra as censuras en cuestións como a pornografía ou a publicidade. Porque apostamos por construír outro mundo, sen dogmatismos nin verdades absolutas, onde non sempre haxa boas nin malos da película, senón un futuro no que construamos novas identidades, que nos encorseten menos nos roles asignados ao código binario muller-home. Un presente no que non afastemos os que nos incomodan, senón que aprendamos a pensar na igualdade e en fabricar a xustiza en común. Acreditamos na democracia, en mirar o que acontece con lentes lilás para transformalo todo e, desde os nosos posicionamentos, aportar o noso gran de area para continuar mudando a realidade. Porque moito temos avanzado e desde o optimismo é como queremos construír o que está por vir.

Emma Goldman dicíanos: «non somos nin fomos loitadoras contra os homes. Non queriamos substituír a xerarquía masculina por unha feminina. É preciso que traballemos e loitemos xuntos, porque se non, non haberá revolución social». Niso estamos. n

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s