Baltar noxento, si, porén non polo sexo

BALTARJosé Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, fillo de Xosé Lois Baltar, anterior presidente desa mesma Deputación ao longo de 25 anos (1987-2012). Membros ambos do emporio político Baltar, na provincia de Ourense, que dirixían desde a presidencia provincial do PP, que o fillo herdou do pai, como quen herda unha leira, unha braña ou un cadro de Laxeiro.

Do estilo gobernando a provincia, sabe moita xente: patrimonialización do público para si e para o seu partido, o PP, que avaliou, apoiou e aplaudiu este xeito de facer porque lle daba votos. Caciquismo, clientelismo, colocar en postos públicos a familiares, persoas amigas, secuaces, servís ou desesperados, a cambio de favores de todo tipo, sexuais incluídos. Sabiámolo… Vén de vello. Como eses ríos que soan e soan mentres pasa a auga e recordan o que se fala nos lavadoiros, faladoiros, bares, casas, rúas e murgas de Antroido. Case que sempre en sordina non vaia ser que escoiten, que chegue aos seus oídos e nos arruínen a vida, o traballo, o negocio, a empresa.

A finais de outubro 2015 saltou á prensa a denuncia dunha muller desairada polo incumprimento dun trato que fixera con Baltar fillo, no ano 2010. Trato que consistía en que el lle conseguía a ela un traballo a cambio de sexo. Algo novo? Si, o enfado da muller e a denuncia formal ante a Fiscalía.

As conversas que se escoitan nas cintas gravadas producen noxo. Noxo da muller que acode a buscar un traballo público por vía equivocada e noxo, sobre todo, ante a vileza dun dirixente público que usa o seu cargo para outorgar postos públicos e prebendas a cambio de favores. Que os favores sexan sexuais non anoxa máis. A min non me anoxa nin medio gramo máis se o favor é darlle o meu voto e o da miña familia nunhas eleccións ou irlle de criada para a súa casa ou… calquera dos moitos favores que caben.

A desesperación da muller sen traballo enténdese. Como a dese 22 % da poboación activa que está no paro. Aínda que sabemos que unhas situacións son máis desesperadas que outras. O seu retrato, o que se segue a través da denuncia, non é moi favorecedor e debemos aproveitar a dicilo. Se Baltar fillo, ou pai, a tivesen colocado non saberiamos (no concreto) e formaría parte dese pequeno exército de sabotadoras da igualdade de oportunidades, de usurpadoras do público con poucos escrúpulos, de… Poderiamos seguir dicindo.

A min tampouco me molesta que ela intercambie sexo por cartos, por favores… Sempre que o intercambiado sexa propiedade do cambiador e non se entenda isto como xogo de palabras. Ela, como a amplísima maioría das mulleres non é inocente ―non, no senso penal― e desde logo só é vítima de incumprimento de trato.

Del, xa dixen canto tiña que dicir e debería dimitir ipso facto. Se el non o fixo, o seu partido ten que obrigalo. O que se diga nos xulgados forma parte doutra cousa.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s