LEMBRANZAS DUNHA ÉPOCA: Charo, unha infancia na Guerra Civil

Lembranzas - CharoMónica Arzúa Domínguez*

O seguinte relato narra a historia de Rosario, ou Charo, como era coñecida de nova a nosa protagonista. Nada en 1931 na aldea do Rosal, foi a segunda de dez irmáns e viviu a súa infancia en plena Guerra Civil española. Tocoulle crecer nos anos máis duros da posguerra. A pesar de toda unha vida de por medio, Charo lembra con total claridade as imaxes daqueles tempos, recordos dispersos que se fixaron na súa memoria para non esquecer nunca os horrores da contenda.

A súa primeira lembranza da guerra trasládaa xunto a súa nai, que cortaba herba ao redor das colmeas:

Estaba alí e picoume unha abella nun pé, porque andabamos descalzas, claro, naquel tempo non había calzado [ri]. Empecei a chorar e dixo a mamá: «báixame pra baixo, pra alí pro carreiro que aquí hai abellas». Eu baixei e senteime alí, naquel carreiriño, estaba a chorar, agarraba no pé […], coa mesma miro vir tres homes, a correr, e dime un: «non chores neniña, non chores, que veñen aí uns homes que nos queren matar», e fuxiron pro monte.

Aquela asustada nena quedou alí, pero non viu pasar a ninguén e só cando súa nai apareceu soubo o que ocorría.

Nunha época de verdadeira escaseza de alimentos, Charo lembra con claridade como os soldados ían comer ás diferentes casas das aldeas:

A mamá […], un día á noite, empezou a fritir carioca, acórdome ben o que era, carioca […], papá cocera unha fornada de pan […] e tiñan alí un coto de pan enriba da mesa e unha fonte grande de cariocas, e nós comeramos o caldo só pra ir pra cama…, non tiñamos outra cousa…, un prato de caldo e a durmir…, e nós queriamos comer desas carioquiñas, eu dicía: «deste peixe, nós queremos comer peixe deste», e miña nai, «non filliña, non, que isto non é pra vós, é pros soldados que van vir cear».

Ela e seus irmáns esperaban ansiosos á chegada dos soldados, pero seus pais, intentando protexelos da crúa realidade, leváronos para cama cando chegaron.

Eu era unha curiosa, eu quería miralos… [ri], claro, era a máis vella, os outros eran pequenos […], cerráronnos as portas… e collín, abrín a porta…, cando estaban xa a cear, sentados todos na mesa…, sete ou oito eran…, e tiñan aqueles fusís fincados así todos naquela parede da casa… e eu saín, asomei, e un miroume e díxome: «oes?, muciña, ola, anda ven aquí!», e logo papá dixo: «non, non, é mellor que non, ide pra camiña».

Chegada aquí lémbrase dese pai, que ía matar porcos polas casas e que tivo que deixar moitas veces o seu traballo sen rematar, por medo:

Andaban por alí, en busca de se podían trincalos, porque… el era de dereitas, claro, a el tíñanlle mala idea […] el non se metía en nada, pero […] tiraba pra dereita…, que tiña que ver, non? Cada un ten a súa idea…, pois, claro, tíñanlle mala lei… é así!

Recorda como ela e seus irmáns escoitaban os fusilamentos, que parecían baterías de fogos:

Nós diciámoslle: «mamá!, que é iso?, son fogos?», e ela dicía: «non, muciños, non, están a matar os soldados, alá na Pasaxe, están a matalos pra enterralos».

Charo recorda ver os camións cheos de mozos que marchaban desde A Guarda para loitar na guerra:

Ían a cantar, ían todos. «Vamos a la guerra, vamos…» […]. Acórdome eu á tía Matilde e máis á tía Pepita e aquelas outras, que dicían: «Ai, meu filliño! Adeus! Adeus!» […], e choraban, claro, virían ou non virían!

Xa en plena ditadura franquista, lembra a represión que viviron os republicanos:

Acórdome que unha vez andabamos a pasear e veu un home que dicía: «recollerse todo o mundo que vén aí non sei quen, recollerse todo o mundo. Cada un para a súa casa». E claro, o que máis e o que menos fuxiu para casa co medo […]. De alí a uns cantos días, démonos conta, viñan buscar a Rufina, a nai da Chela, porque era republicana. Ela tiña o home en Bos Aires e naquel tempo non se podía escribir, mandar cartas si, pero contando cousas da familia…, ela era como unha espía, escribía nos selos por detrás, pegábaos as cartas e logo botáballe un líquido[…] e claro eles desconfiaban […]. Miráronlle a carta, viñeron e detivérona. Levárona, rapárona ao cero, déronlle aceite de rícino que case morre a muller…

Charo logrou superar tódalas penurias da posguerra, casou e tivo tres fillos polos que loitou incansablemente coa intención de ofrecerlles un futuro mellor que o presente que a ela lle tocara vivir.

*             Mónica é neta de Charo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s