O 7 de novembro, ás 12:00 da mañá hai unha manifestación en Madrid. Mulleres, colectivos feministas e organizacións mixtas de todo o territorio español marcharemos para esixir que a loita contra as violencias machistas sexa tratada como unha prioridade nas axendas políticas.
Tamén nosoutras nos sumamos a esta marcha.
No que levamos de ano son xa 76 as mulleres asasinadas. Non podemos quedarnos na indignación, debemos facernos escoitar ante a inacción por parte dos gobernos.
Para nosoutras, que as violencias machistas sexan unha prioridade nas axendas políticas significa que o problema sexa obxecto dunha fonda reflexión desde un auténtico compromiso, que se afaste dunha consideración superficial do problema e da utilización partidista. Significa que este compromiso se traduza nunha maior dotación de recursos para levar a cabo todas as medidas necesarias para sensibilizar, previr, protexer ás mulleres e lograr un auténtico cambio social. Consideramos fundamental que se leven a cabo mellores actuacións en canto á sensibilización e formación integral en todas as institucións educativas, para que se traten de xeito máis fondo e desde idades temperás as relacións afectivas, sexuais, os estereotipos, os roles, a violencia, etc.
Cremos, ademais, que cómpre mellorar a sensibilización e a formación das e dos profesionais da administración de xustiza e de toda a sociedade en xeral. É preciso mellorar as medidas de prevención e detección das violencias machistas así como as medidas de protección, a atención integral e o acompañamento das mulleres afectadas. Tamén consideramos imprescindibles certos cambios lexislativos. E cremos necesario berrar forte a esixencia dunha maior contundencia social na reprobación por parte de todas e todos das violencias machistas, e tendo en conta o poder mediático, un posicionamento máis contundente por parte dos medios de comunicación no tratamento do problema.
Porque a loita contra as violencias machistas precisa de todas e de todos, animámoste a participar nesta marcha. Desde a Plataforma Feminista Galega estanse a organizar saídas en bus desde distintos puntos da Galiza. Os contactos para solicitar información e facer a túa inscrición, son:
– Saída desde A Coruña: 7ncoruna@gmail.com
– Saída desde Compostela: 7nbuscompos@gmail.com
– Saída desde Pontevedra: Tel.: 986 86 62 76. Correo electrónico: pfgpontevedra@gmail.com
– Saída desde Vigo: Tel.: 986 222 328 (10:00 a 13.30 e 17.30 a 21.00) – 986 442 194 (17.30 a 21.30).
– Para máis información sobre horarios, lugares de recollida e outros puntos de saída: http://feminismo.eu/pfg/