Sofia Kovalevskaja (1850-1891)

kovalevskajaNaceu en Moscova en xaneiro de 1850 e foi a segunda dos tres fillos do matrimonio formado por Elizabeta Shubert e o xeneral Vasili Korvin-Krukovki, ambos membros da nobreza rusa. Os tres irmáns recibiron unha esmerada educación, nun ambiente estrito e refinado. Cando a maior, Aniouta, tiña 19 anos escribiu unha novela e envioulla en segredo a Dostoievski, quen rapidamente aceptou publicala e non descansou até coñecer a autora e a súa familia. Nun primeiro momento, o indignado pai de Sofia montou en cólera, pois consideraba unha vergoña que a súa filla mantivese correspondencia cun descoñecido e aceptase 300 rublos en pago polo texto.

Sofia, seis anos menor que Aniouta, comezou a estudar matemáticas cando tan só tiña 8 anos. Fíxoo sen axuda de ninguén, observando as fórmulas matemáticas dos cursos de Ostrogadski sobre cálculo integral e diferencial, cos que empapelaran provisionalmente a súa habitación. Vendo as capacidades da nena e tendo presente que as mulleres non eran admitidas na universidade, o seu pai decidiu contratar os servizos de Strannolioubski, un célebre profesor de matemáticas, para que lle dese clases particulares.

Cando a nosa protagonista cumpriu 18 anos, arranxou un matrimonio de conveniencia cun estudante de paleontoloxía chamado Vladimir O. Kovalevski. Ela e as súas amigas entenderon que esta era a única forma de obter o pasaporte que lles permitiría viaxar a Europa para formarse, o que en Rusia era imposible. A voda celebrouse o 27 de setembro de 1868. O novo matrimonio instalouse en Heidelberg, onde Sofia logrou estudar dous semestres na universidade, inda que non de maneira oficial, pois a asistencia ás clases estaba reservada para os homes.

Entre 1870 e 1874, a moza conseguiu que Karl Weierstrass, a máxima autoridade do momento en análise matemática, se interesase polo seu traballo e mesmo lle impartise clases particulares. Na primeira visita que Sofia lle fixo ao coñecido matemático, Weierstrass non disimulou o seu desinterese e procurou librarse dela sen perder tempo. Entregoulle unha serie de problemas que, segundo soubo Sofía despois, reservaba para os alumnos máis adiantados e pediulle que regresase cando os resolvese. Segura dos seus desexos e vocación, Sofía estivo unha semana traballando sen descanso até que logrou resolvelos. Ao recibilos, Weierstrass, gratamente sorprendido pola orixinalidade e a calidade das súas respostas, aceptou traballar con ela.

En 1874, a nosa protagonista completou tres teses sobre ecuacións en diferenciais parciais, integrais abelianas e os aneis de Saturno. Parte dos seus estudos foron publicados co título de Teorema de Cauchy-Kovalevski, en 1875. A pesar das súas impresionantes cualificacións e das cartas de recomendación que amparaban a súa valía, non logrou un posto académico en Europa e, desalentada, regresou a Rusia.

Tras a morte do seu marido en 1883, trasladouse coa filla de ambos a Estocolmo, onde obtivo unha cátedra na universidade (1884), converténdose na primeira muller do mundo que lograba o título de profesora nesta ciencia. Un recoñecemento que lle ocasionou moitas críticas, incluídas as do dramaturgo August Strindberg, que non dubidou en afirmar que a docencia das matemáticas debería estar reservada para o sexo masculino.

En 1888, a Academia das Ciencias de París, concedeulle o prestixioso Prix Bordin e no ano seguinte foi a Real Academia das Ciencias de Suíza a que premiou e recoñeceu publicamente a importancia dos seus estudos e descubertas. A comunidade científica da época, pouco acostumada ás achegas das mulleres, inspeccionou con minuciosidade cada paso que deu a nosa matemática, algúns dos seus colegas empregáronse en procurar con enfermizo fervor, posibles erros nos seus razoamentos.

Sofía Kovalevskaja foi a primeira muller que participou no consello editorial da prestixiosa revista Acta Mathematica, o que a obrigou a manter correspondencia con algúns dos principais intelectuais da súa época. Coñeceu e tratou a Alfred Nobel. Esta digna descendente de Hipatia de Alexandría, morreu prematuramente cando tiña 41 anos, non sen antes ingresar na Academia das Ciencias de San Petersburgo.

Para saber máis:

Kovalevskaja, Sofía: Memorias de juventud, Barcelona, Editorial Herder, 1997.

Levi-Montalcini, Rita: Le tue antenate. Donne pioniere nella società e nella scienza dall´antichità ai giorni nostri, Roma, Gallucci Editore, 2009.

Mataix, Susana: Matemática es nombre de mujer, Barcelona, Rubes editorial, 2005.

Munro, Alice: Demasiada felicidad, Barcelona, Debolsillo, 2010.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s