Documentais: India´s Daughter

Dirixido e producido por Leslee Udwin: INDIA’S DAUGHTER.

Música: Krsna Solo

58 minutos, Reino Unido, 2015. Linguas dispoñibles: Inglés e hindi


Iria Vázquez

india--ªs dauther imaxeIndia’s Daughter[1]Filla da India é o documental da directora británica Leslee Udwin (produtora do filme Oriente é Oriente), centrado na malleira e brutal violación en grupo, que rematou coa morte da estudante de medicina Jyioti Singh, en Delhi, no mes de decembro de 2012. Dous anos despois, o 8 de marzo de 2015, o documental estaba listo para ser retransmitido internacionalmente, pero uns días antes, o Goberno da India anunciou a súa prohibición, chegando mesmo a bloquealo en Youtube. As razóns alegadas teñen que ver coa controvertida entrevista realizada a un dos violadores, Mukesh Singh, actualmente no corredor da morte. O Goberno considera que esta entrevista pode repercutir na seguridade do país, provocando algún tipo de revolta social, ou que pode xerar un aumento das violacións. Mesmo membros do Goberno chegaron a confirmar que detrás do documental existe unha clara conspiración internacional contra a India. Pero, por que o Goberno da India non quere que vexamos este documental?

Analizando Indian’s Daughter, observamos a tendencia común en países subdesenvolvidos cun rápido crecemento económico: unha marcada división da sociedade tanto a nivel socio-económico como cultural e educativo. De feito, Jyioti Singh era a clara representación desta división. Muller, nun país con tradición de non celebrar os nacementos das fillas, só os dos fillos, que lle pediu ao seu pai gastar os aforros que xuntara para a súa voda na súa educación. E a familia, de procedencia humilde, aceptou.

No mesmo documento, vemos as declaracións do detido, Mukesh Singh, procedente dos slums de Delhi, quen admite que se Jyioti non se tivese resistido non tería pasado o que pasou. Afirma que non é normal que unha muller nova ande pola rúa cun amigo despois das seis e media da tarde. Pero estas declaracións non son tan turbadoras como as vertidas polo avogado defensor, A. P. Singh, quen afirma que se a súa filla, ou calquera muller da súa familia, mantivese relacións prematrimoniais, el mesmo a levaría á aldea e, enfronte de toda a familia, lle prendería lume. Así, claro e alto, mirando a cámara.

E chegado este punto observamos que a diferenza educativa ou cultural non é suficiente para entender a idiosincrasia dun país que conforma a maior democracia do mundo, con mulleres ocupando cargos políticos e con poder social, pero cunha misoxinia intrínseca que marca o día a día de moitas persoas.

Talvez o Goberno da India non quere que vexamos o que pasou tras a morte de Jyoti Singh. As prazas cheas de mulleres e homes, estudantes a maioría, que de Bombai a Delhi, tomaron as rúas, protestando polo pouco que o Goberno fai para evitar as violacións. Porque non hai facilidade para denunciar, pola estigmatización e pola culpabilización da vítima (soa familiar). E a resposta policial foi extrema. Porras de madeira, tanques de auga e gases lacrimóxenos.

Pero antes da censura, houbo voces que desde a India, reaccionaban perante o traballo de Leslee Urwin. A xornalista Kavita Krishna escribía para o diario indio Daylio un artigo titulado Nirbhaya[2] film: Queremos solidariedade, non unha misión civilizadora”. Esta autora alude á falta dunha representación da loita feminista na India e dos movementos sociais en contra das violacións dentro do mesmo país no documental. Refírese a como India’s Daughter ten unha perspectiva occidental que amosa o problema como case exclusivo da sociedade india. “Reflicte a India como un lugar de ignorancia e brutalidade contra as mulleres, que inspira pena e conmoción, pero que insta tamén a unha chamada de atención por parte do mundo civilizado”, di a xornalista. Mesmo o título do documental é controvertido. As mulleres indias mostradas como fillas, as fillas dun Goberno ou un país que as ten que protexer, e non como mulleres autónomas e cunha identidade propia.

O diario americano The Atlantic publicaba o 15 de marzo a opinión da autora de Delhi, Tanvi Misra, “Eu non son filla da India. A autora describe o impacto e a revulsión que sentiu vendo o documental e critica a censura por parte do Goberno indio. Pero hai un interesante apunte ao salientar a bidimensionalidade deste documental e o retrato nesgado de Jyoiti Singh, como unha muller modelo. “O filme presenta a Jyoiti como un símbolo abstracto” escribe Tanvi Misra, “está dividida no imaxinario do seu país”. Por unha parte, as declaracións do acusado e dos seus avogados, criticando o feito que andase a certas horas pola rúa, en compañía dun home que non era nin seu pai nin seu marido. Por outra, Jyoiti a estudante modelo, traballadora e filla exemplar. Pero tal e como explica Tanvi Misra: “Sen negar que todo isto sobre Jyoiti sexa verdade, non ten que ser verdade para que o crime perpetrado sexa igual de atroz”.

A obxectividade é tramposa. Leslee Urwin achegouse dun modo demasiado íntimo á familia da vítima e deixouse levar pola brutalidade das palabras do condenado. É difícil tratar un tema tan complexo en sesenta minutos.

Pero, independentemente das críticas que se lle poidan facer a India’s Daughter, xustificar a censura baseándose nos posibles efectos que o documental pode ter na sociedade ou indicando que a directora non tiña a documentación requirida para facer entrevistas no cárcere, amosan a debilidade dun Goberno que non quere afrontar certos problemas. É precisamente esta censura, o medo ao que poida pasar, o que axuda a perpetuar a violación como tema tabú, impronunciable e infalable, un estigma, facendo máis dano que o que calquera filme poda facer.

[1]     India’s Daughter está dispoñible en inglés en Youtube.

[2]     Nirbhaya é o nome que se lle deu a Jyoiti Singh para respectar a súa identidade. Nirbhaya significa ‘sen medo’.

Iria Vázquez

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s