MIGUÉLEZ CARBALLEIRA, H.: Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, Santiago, Através editora, 2014, 287 pp.
Nanina Santos Castroviejo
Interesante a publicación deste estudo da profesora titular da materia de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Gales) e directora alí do Centro de Estudos Galegos. O traballo que comentamos proporciona abondosa materia para o debate —ese debate incesante— a respecto dos vimbios cos que se ten construído o imaxinario nacional galego.
A autora sitúase implicitamente no campo nacionalista e anticolonial e, de xeito explícito, na “crítica cultural galega feminista, independente e rupturista”. Sen que nós saibamos exactamente que é iso e que quere dicir a expresión. Si aporta algunhas explicacións sobre o aparello da crítica feminista e o uso dos estudos críticos culturais poscoloniais. En particular, no eido da representación e autoimaxe das culturas subalternas, sinalando como fontes usadas a reputados autores como E. Said e F. Fannon.
O fío do que tira Miguélez para explorar as relacións de xénero na construción da nación é o da metáfora do sentimental. A profesora percorre os vieiros comunmente aceptados polo nacionalismo na formación desa identidade nacional, pero faino sen cuestionar o molde ou partes do mesmo, inda que si entra á crítica do xenérico, dentro dese molde.
Un dos apartados importantes é o titulado “A fabricación do mito: Rosalía de Castro como metáfora da Galicia” onde se ocupa dos distintos acentos que se teñen posto nesa fabricación. Desde unha Rosalía máis sentimental e poetisa, a unha Rosalía máis belicosa contra as inxustizas cometidas contra os galegos en xeral e contra as galegas en particular. Unha muller útil tamén, no dicir dalgúns, para erguer un referente oposto ás galegas de moralidade laxa, en cuestión de sexo. Rosalía metáfora de Galicia e impoñente vaca sagrada. Intocable, como intocable é tamén Ricardo Carvalho Calero, en calidade de mestre, animador da consciencia nacional entre o seu alumnado e xestor da historia literaria nacionalista.
A aproximación da autora do estudo que estamos comentando a Carvalho Calero pretende ir ás orixes da crítica feminista galega. Problemática por ter nacido filla de tal pai, a quen as fillas non se atreveron, non viron, ou non quixeron percibir o “manifesto sexismo dos textos de Carvalho Calero” (p. 174). Trátase dun bloqueo ideolóxico das discípulas pola sempre espiñenta intersección entre xénero e nación?, preguntase H. Miguélez. Interrogante ao que habería que engadir a igualmente espiñenta relación entre mestre e discípulas.
Para estas autoras feministas encetarem un diálogo crítico com os seus mentores significava saírem do seu protetorado e, por consequência, ficarem expostas ao ataque, ao ridículo ou ao ostracismo, nao só por serem filhas ingratas, mas também por atraiçoarem simbolicamente a naçao. Foi, no entanto, situando-se nas margens da tutelagem nacional-patriarcal que discípulas díscolas, como Queizan, conseguiram formular críticas frontais aos pais simbólicos da naçao, mesmo que isso tenha significado serem banidas, até hoxe, das diversas liturgias de reconhecemento nacional (p. 179).
A profesora avoga por unha revisión feminista do corpus crítico a respecto de Carvalho. Sobre todo porque se ten presentado como: “uma autoridade incontestável, como uma figura paterna coletiva ou como un herói nacional” (p. 166). O ferrolán confórmase na tradición patriarcal/nacional dos estudos literarios galegos, como crítico e como autor da Historia da literatura galega contemporánea, na que, se cadra, o que máis enfada á autora do ensaio comentado, é o problema “do corpo de Rosalía”. Achegándose a padróns e gardas do momento, sinala Miguélez o interese de proxectos como a lectura feminista dos textos de Ferrín ou o dos proxectos creativos da poeta Lupe Gómez e da tradutora María Reimóndez.
Do repaso por diversos autores que contribuíron a ese imaxinario sentimental como equivalente de feminino, feble, degradado, ou doutros autores ou movementos na procura dunha nación forte, política, guerreira, a rebusca sempre chega aos celtas na procura da orixe nesa idolatría da tribo ou a obsesión das orixes que dicía Marc Bloch na súa Introducción a la Historia.[1]
O carácter dun pobo rudo, guerreiro e forte ou doce e sentimental, que máis ten! Quedaría explicado o presente se fosen aguerridos os nosos tataratatadevanceiros ou fosen nenazas? E… Por que reivindicar unicamente aos celtas? Acaso non somos —mesmo nome e lingua— fortemente herdeiros dos romanos imperiais? Non nos deixaron pegadas os xermánicos suevos? Por non falar doutras mesturas innegablemente presentes: xudeus, árabes, mesetarios ibéricos e un longo etcétera. Temos que ignoralos? Eran eles fortes e aguerridos ou eran uns sentimentais? E… por que non dicir algo das mulleres do noroeste de Iberia segundo nolas retrata Estrabón na súa Xeografía?[2] O grego afirma que as nosas devanceiras eran aguerridas nas batallas e que mesmo chegaban a matar os seus fillos para llos tirar aos invasores.[3]
A Helena Miguélez non lle gusta que se teña identificado Galicia co sentimental e o que iso trae aparellado. Ela cre que de aí derivan algúns dos problemas culturais e sociais, políticos e feministas que este país ten. Sen embargo, e sen desbotar algunhas das súas interesantes reflexións e propostas, resúltame curioso que non haxa ningún cuestionamento do molde. Que idea de nación? E de colonia? Disto nada di e dificulta, non pouco, entender nunha medida precisa análises e críticas. A xa amentada idolatría da tribo, da que non se desmarca e que, polo tanto, haberá que entender que forma dalgún xeito parte dela. A idea de identidade. Tampouco é menor a cuestión. Que é a identidade nacional galega ou a identidade galega? Quen a definiu e cando? Como decidimos isto? É talvez, un dogma?
Pretender construír a identidade dun pobo expulsando dese pobo —e desa identidade— todo o que non se acomoda ao que os axentes reguladores —fosen estes individuais ou colectivos, pertenzan ao pasado ou continúen no presente— quixeron que fose esa identidade é como matar parte da flora e da fauna. A perda de riqueza é maiúscula.
Pode que isto sexan vacas sagradas do nacionalismo galego, pero un estudo crítico e rigoroso, —sen citar sequera o de “independente e rupturista”—, debería abordarse no aparello metodolóxico e non dálo por feito ou pasar por riba del, como se tal cousa. As vacas sagradas, os intocables ou os dogmas, poden ser síntoma disto ou daquilo (temores, falta de rigor, febleza metodolóxica, intereses ideolóxicos…), pero cadran mal co rigor analítico e coa crítica “independente e rupturista”.
Na formación dese imaxinario que a autora analiza, téñense desbotado (esquecido, desconsiderado) experiencias de loita fortes (masculinos? femininos?) en defensa da terra, do pan, do mar, das liberdades, dos dereitos… Talvez porque non tiveron o visto e prace dos nacionalistas. Tamén se borraron ou minimizaron logros e obras en variadísimos eidos. A procura das respostas a isto son máis que útiles para explorar as tradicións, feitos e discursos. As obras que se reivindicaron e as que se repudiaron. Quen e por que? Tamén desde o punto de vista do xénero, deixando desde logo orfa á nación de vetas particularmente feraces e ricas que terían dado, seguro, identidades máis abertas, máis permeables, menos recortadas e inválidas e sobre todo, máis preto da realidade, do que este país foi e é.
Polo demais, é útil lembrar tamén, e lembrarlle a Helena Miguélez, as críticas feministas á construción xenérica da nación desde o feminismo organizado a partir de 1977. Non só as posicións dalgúns dos pais da nación, senón tamén do nacionalismo do postfranquismo como pode rastresarxe en ponencias e mesas redondas, xornadas feministas, sindicais ou culturais, escritos en Andaina ou noutras publicacións.[4] Non foron feitas principalmente no ámbito académico nin literario, pero si desde o coñecemento e desde o activismo feminista. E teñen contribuído poderosa e innegablemente á loita contra o machismo e a crear conciencia feminista. Tamén no mundo nacionalista, que, por certo, non tivo empacho de cualificalas, durante bastante tempo, de españolistas, antinacionalistas e burguesas…, porque consideraban que introducían unha cuña importante de conflito “no interior da nación” e, desde logo, nas súas propias filas.[5]
Benvido sexa o traballo. É un ensaio útil porque avanza cousas importantes. O papel xogado na construción dese imaxinario pola literatura e pola crítica literaria. Os creadores do canon e os gardiáns do mesmo, os medos á transgresión e os difíciles, ás veces, camiños da crítica que mereza tal nome e sobre todo por facer explícitas que enerxías teñen espertado para a resistencia cultural, feminista e/ou política. Tamén, o que atinxe aos valores e como os consideramos: é o sentimental feminino? E a nación, non se ten usado como metáfora da nai? Velaí un debate no que o feminismo dos primeiros anos oitenta, investiu reflexións, escritos e controversias.
A profesora Miguélez resulta máis interesante canto máis reflexiva, así as ambivalencias e as rúas de dirección dupla dalgúns dos tropos que analiza ou currículo oculto en relación á muller no constructo da nación.
Como o debate é incesante, aportacións como esta, por máis que enfaden a sectores afectados polas críticas da autora, axudan a seguir pensando, a avanzar nas análises e a seguir construíndo esta nación, ou este país, ou esta Galiza máis rica e plural e cunha identidade menos ríxida e forte, e moito máis dinámica.
[1] BLOCH, M.: Introducción a la Historia, Madrid, FCE, Breviarios, 1988.
[2] Estrabón, xeógrafo e historiador grego nacido no reino do Ponto nos primeiros anos 60 a. C. e morto a comezos dos anos 20 d. C. O terceiro volume da súa Xeografía dedícallo a Iberia, onde el nunca estivo. Para documentarse usou outras fontes, sobre todo os escritos de Posidonio. A súa xeografía é humana: xentes e países, historia e mitos.
[3] É interesante a conferencia de BERMEJO, J. C.: “El mito del amazonismo”, no ciclo “A muller en Galiza”, organizado polo Ateneo da Coruña en abril de 1986, así como o coloquio posterior para interpretar acaidamente as noticias de Estrabón, que fala desde a cultura grega e os parámetros dela e ten dificultades de entender e interpretar o distinto e diferente a eles, a quen chama “bárbaros”.
[4] Por citar algún exemplo, nas “Xornadas Feministas Galegas” que se celebraron no Teatro García Barbón de Vigo, entre os días 1 e 4 de novembro de 1984, unha das mesas estrela era a titulada “Mulleres en Galicia”, coa presenza de María Xosé Queizán, Ramona Barrio e Encarna Otero. Deuse un debate forte sobre o matriarcado, patriarcado con igualdade de dereitos, a existencia de división sexual do traballo no interior da nación e o debate sobre os lugares comúns e tópicos sobre “a muller galega”; BARRIO, R. e N. SANTOS: “Controversias sobre a muller galega (trazos patriarcais do pensamento galeguista)”, nas IV Xornadas Agrarias Galegas, A Muller na Agricultura, celebradas en octubro de 1986 en Ourense e recollidas nos Cuadernos da área de Ciencias Agrarias, núm. 7, Publicacións do Seminario de Estudos Galegos, 1988; Andaina: Revista Galega de Pensamento Feminista, publicación periódica que ve a luz en xaneiro de 1983 e que segue publicándose na actualidade con diversidade de artigos relativos a este e outros temas.
[5] Poden rastrexarse artigos no semanario A Nosa Terra de recoñecidos persoeiros da ANPG, UPG e BNG ou posicións oficiais en congresos ou dos seus órganos dirixentes entre os anos 1979 e 1986.
Nanina Santos Castroviejo