Barbies da comunicación

Noelia Gómez Calvo

cartel dos II Premios á Comunicación Innovadora de Galicia

cartel dos II Premios á Comunicación Innovadora de Galicia

“A superwoman, a dama de ferro, a ambiciosa, a narcisista, a esixente, a nai”. Das mulleres é o corpo, dos homes, a mente. Delas é o fogar e deles, a remuneración. Delas, a dozura e o erotismo, deles, a seriedade. Delas, a maternidade e deles, o neno varón. Delas, as seccións de sociedade e nacional, deles, as de economía e política. Delas, a imaxe fermosa e nova, deles, a sabedoría.

 As butacas están case baleiras ao igual que a mente de moitas e moitos dos presentes. Sentadas na mesa con cadanseu micro diante, Ana Belén Puñal, Elvira Altes e Sonia Torres explican o papel da muller nos medios de comunicación cunha ollada tintada de lila, é xoves 20 de novembro e estamos en Expourense. Neste recinto ten lugar o 2º Foro de Comunicación de Galicia, no cal durante toda a xornada se desenvolve un programa de conferencias sobre publicidade, autoemprego, o galego nos medios e os novos perfís e medios na rede. Na mesa de debate de igualdade de xénero nos medios, falan de que as mulleres gañamos batallas importantes no ámbito da participación, mais quédanos a representación. A expresión das relatoras dá que falar, visualizo as caras ao meu redor, irreais. Volvo prestar atención ás miñas heroínas. Vivimos nunha sociedade mediática na que, malia o progreso logrado nas últimas décadas, segue presente a discriminación da muller nos medios de comunicación. Véndennos a muller nova, fermosa e delgada. Transmítenos unha violencia simbólica que poucas persoas son capaces de detectar. Esta violencia simbólica fai que sexan atractivas as cadeas que nos atan. Observo no proxector o calendario de Pirelli do ABC, no cal saen mulleres espidas. Estremezo.

 O androcentrismo e o sexismo son termos moi importantes que condicionan e fan posible esta violencia. O primeiro refírese ao punto de vista masculino. Penso na imaxe da muller como obxecto de pracer para o home. En canto ao segundo, potencia as actuais discriminacións entre os dous sexos. Dende a miña butaca cavilo sobre O segundo sexo de Simone de Beauvoir o que representa á perfección esta subordinación da muller que os meus oídos están a ouvir. Ana Belén afirma que o sexismo nos medios invisibiliza ás mulleres nos contidos e dá lugar á persistencia de estereotipos. Xírome cara atrás e observo a mirada de confusión e incredibilidade das miñas compañeiras e compañeiros de clase entre tanto pensar na cor lila.

 Ocúltasenos na linguaxe. Sempre me preguntei por que se me dirixo a un colectivo de persoas, aínda que a maioría sexan mulleres, o fago coa terminación “os”. Elas amosan diversas razóns para que iso non suceda como que unha lingua é un ente vivo, e por iso evoluciona. Varias mans álzanse dende os asentos para preguntar sobre estas cuestións. Moitas delas non deberon existir. O papel da muller como fonte está invisibilizado. Mentres que nos diriximos aos homes no 91 % das veces, ás mulleres só o facemos o 9 %, di Elvira Altes. No proxector aparecen imaxes da figura feminina na publicidade. A muller, como consumidora e encargada do fogar. Voz en off do home, para anuncios vinculados á autoridade e dela, para transmitir tenrura e sensualidade. A muller como nai aparece no 13,5 %, mentres que o pai, no 3 %. A filla, no 3,5 % e o papel do fillo, no 7 %. A muller como consumidora, no 41 % e o home, no 22 %. Nos anuncios de coidados físicos ela aparece no 27 %, el, no 8 %. A representación feminina nos medios non se corresponde coa verdadeira participación das mulleres na sociedade. Non existe a figura destas nos espazos de prestixio. “A marxinación das mulleres é un desafío da liberdade de expresión”, di Elvira. Finalizada a intervención das protagonistas, dáse paso ao debate.

 Dende a miña butaca observo inqueda como a maioría das e dos presentes non entenderon o que se explicara durante a charla. Un dos meus compañeiros afirma que “a muller vende máis na publicidade”. Outro refírese a elas dicindo que todo o que se falou aquí o farían elas, xa que el elixiría pola súa capacidade de traballo, non polo seu sexo. Só podo pensar que non entenderon ou non pensan o que están dicindo. Elas contestan moi tranquilas ás cuestións, mentres dende abaixo se observa unha postura á defensiva. Finalizado o debate, a maioría das e dos asistentes cualifica o acto de hembrista e ás autoras de “esaxeradas”. Dende a miña incredibilidade penso, conseguírono. Abriron un debate interno dentro do propio público e iso fixo que saíse á luz a postura de moitas das miñas compañeiras de clase que non coñecía.

 barbiesNos últimos quince anos a presenza feminina nos medios de comunicación en todo o mundo incrementouse en sete puntos, actualmente é do 24 %. Nas facultades e redaccións o número de mulleres supera considerablemente ao dos homes, mais os cargos directivos sempre están ocupados por homes. Minutos despois ten lugar a entrega da segunda edición dos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia. Na mesa só hai homes. Os premiados só son homes. Durante toda a xornada do 2º Foro de Comunicación de Galicia en Expourense a mesa estivo ocupada por moitas mulleres e moitos homes, mais sempre divididos. A mesa estaba ocupada integramente por elas ou por eles. Non existiu a igualdade. Coa ollada violeta coa que observo o mundo aplaudo as palabras das mulleres e a súa capacidade de loita, análise e persistencia.

Noelia Gómez Calvo

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s