V SEMINARIO “XORNALISMO SOCIAL E COOPERACIÓN INTERNACIONAL”

20150317 xornalismo social

 

Marta Vázquez Abuín

(18 anos, estudante de 1º Filoloxía)

O pasado martes 17 de marzo, Andaina participou na Facultade de Xornalismo de Santiago de Compostela, no V Seminario “Xornalismo Social e Cooperación Internacional” que organizan a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) e a ONG Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP). Na mesa, xunto á representante da revista, sentáronse un membro de Galicia Ano Cero, un de Galicia Confidencial e un de Praza Pública. Os catro abordaron, desde distintos puntos de vista, a importancia e a función do xornalismo social na actualidade.

A existencia de xornais e revistas na Galiza non é algo nin moito menos novidoso. Dende hai máis dun século existen múltiples publicacións que tiveron moita importancia na sociedade da época. Malia todo, os acontecementos fixeron que a maioría destas publicacións que se imprimían aquí e que falaban do noso, fosen desaparecendo. Se lle preguntase a meu pai que xornais le pola mañá, teño bastante claro que nunca me diría que Praza Pública ou Galiza Confidencial, e sospeito que tampouco coñece a Andaina ou a Galiza Ano Cero. Máis ben creo que me nomearía a todos aqueles nos que pensamos unhas liñas arriba. E non só meu pai, moitas das galegas e dos galegos confórmanse coa pouca e sesgada información dos medios sinalados que, ademais, acostuman escribir en castelán e que só lle dedican unha mínima parte das súas forzas a falar sobre o que acontece realmente na nosa realidade.

O martes pasado, por cousas do destino, atopei publicacións como esta na que agora escribo, que me ensinaron que non estaba mal enfadarme cando me sentía ofendida ou que ser muller implica loitar para rematar coas desigualdades. Pero non só coñecín e puiden aprender cousas dos responsables deses medios de comunicación, o martes atopeime cun fato de rapazas que estudan xornalismo. As asistentes eran case todas mulleres e isto resultoume bastante estraño, xa que despois son os homes os que ocupan os altos cargos da maioría —ou da totalidade?— dos medios de comunicación.

Eran mozas moi concienciadas e interesadas neste tipo de medios nos que atopamos persoas comprometidas que actúan civicamente e proceden de todos os ámbitos profesionais; que falan do que saben, do que lles gusta e do que queren que os demais coñezan. Porque inda hai xente que quere contar a verdade, que non ten pelos na lingua e que fai uso da liberdade de expresión pola que tanto se loitou e que actualmente nos intentan recortar. Poida que para ler unha noticia, un artigo ou ver unha entrevista comprometida e na nosa lingua teñamos que empregar un dispositivo electrónico, pero paga a pena se isto implica aproximarse ao que realmente acontece e non ao que nos queren impoñer.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s