Libros : “Las desterradas hijas de Eva”

 

GarcíLas+desterradas+hijas+de+Evaa del Cid Guerra, Consuelo: Las desterradas hijas de Eva, Granada, Algón Editores, 2012, 2ª edición, 140 páxinas.

 

Patricia Arias Chachero

 

140 páxinas de horror trepidante que nos obrigan a ler seguido, sen soltar o volume, bloqueadas ante a descuberta da dor e do padecemento de milleiros de mulleres. Mulleres e nenas vexadas, maltratadas, confundidas e tratadas inhumana e indignamente. En Las desterradas hijas de Eva, de Consuelo García del Cid Guerra, recóllese —de maneira deslabazada e por ocasións mesmo caótica— parte da podrecida rede de establecementos represivos cos que o réxime franquista castigou e castrou a un importante número de mulleres españolas desde os anos corenta até ben entrados os oitenta.

Comentamos hoxe, un volume que nace para que se coñeza a historia, para que non se pechen os ollos e se esqueza a tortura e vexación que sufriron durante décadas as mulleres en España. A autora reconstrúe, grazas aos testemuños dalgunhas das vítimas, o sucedido en tres dos centros dependentes do macabro Patronato de Protección a la Mujer. Unha entidade, xurdida en 1942 e presidida por Carme Polo de Franco, que tiña como intención primeira a de “velar por las jóvenes caídas o en riesgo de caer”. Apoiándose no ideario de figuras tan escuras como a de Pilar Primo de Rivera, a quen Serrano Súñer tentara arranxar matrimonio co mesmísimo Adolf Hitler para que o descendente da parella resucitase a dinastía austro española, o patronato xustificou a tortura, a humillación e o castigo de milleiros de mozas inocentes.

Do tal patronato dependeron o Preventorio do Doutor Murillo na serra de Guadarrama, o reformatorio de San Fernando de Henares, en Madrid, e a tristemente famosa, Maternidade da Almudena, no barrio de Peña Grande, tamén na capital. En torno a estas tres institucións, artéllase o discurso e o aparello narrativo do libro que hoxe comentamos.

Vaiamos por partes. Os preventorios —e atención, porque en Galicia houbo cando menos un en Oza dos Ríos— foron creados por iniciativa estatal coa vontade de previr a tuberculose. Eran edificios construídos en lugares saudables, nos que se organizaban colonias para nenas de entre 7 e 12 anos que estiveran en contacto coa enfermidade ou que eran susceptibles de contraela. Teoricamente, tratábase de previr a tuberculose, de vacinas, boa alimentación, aire fresco e alegres xornadas de convivencia. A realidade era ben máis terrible. As pequenas chegaban a Guadarrama e inmediatamente eran espidas e cubertas de pos antiparasitos. Durante o primeiro mes recibían diariamente todo tipo de inxeccións de supostas vacinas. Ningunha das nenas recibiu ningún tipo de cartilla de vacinacións e a día de hoxe seguen sen saber que lles inxectaron e que incidencia pode ter o período na súa saúde.

As coidadoras, como nos peores pesadelos infantís, eran mulleres sádicas e violentas que semellaban gozar aterrando pequenas. Durante os tres meses de media que duraba a estancia, as pequenas asumiron como normais as labazadas, a inxesta de vómitos, as queimaduras no cu con velas ou mistos a aquelas que facían pis na cama, os castigos á intemperie e outras técnicas máis propias dun campo de concentración que dun centro de vacacións infantil. Nenas inocentes, xeralmente de familias humildes, que a día de hoxe seguen sen entender por que só podían beber medio vaso de auga ao día, por que tiñan que ir ao baño cando as “señoritas” o ordenaban e non cando tiñan gana ou quen era aquel home que apartaba ás máis maiores das duchas colectivas para fotografalas fóra da vista do grupo.

Ides ter que disimular o ton desta reseña. Deixei pasar os días por ver se a rabia e a indignación se esvaecían e era quen de redactar de maneira prudentemente obxectiva pero xa vedes que non fun quen! Como é posible que o silencio teña cuberto tanta ignominia?

O segundo centro dependente do Patronato de Protección a la mujer que analiza a autora do libro son os reformatorios, especialmente o de San Fernando pero tamén o María Goretti, un reformatorio do Tribunal Tutelar para nenas de entre 8 e 15 anos, ou o de San Fernando, xestionado polas Cruzadas Evangélicas. Que cousa boa se pode agochar tras tan terrible nome?

Nenas e adolescentes rebeldes ou desobedientes eran denunciadas polos seus propios pais que ao non poder controlalas preferían “internalas”. Alí remataron tamén, crías violadas polos seus propios pais ou familiares próximos, as orfas e tamén aquelas cuxas familias non podían mantelas ou controlalas. Alí aprenderon a ducharse con camisón para evitar tentacións, a mostrarse os domingos na igrexa nunha longa fila á que acudían homes que buscaban esposa e a traballar entre 5 e 8 horas todos os días. Algunhas cosendo para El Corte Inglés, outras pregando caixas para os refrescos Tang ou para a marca de cosméticos Pinaud. Mozas de vida truncada que soñaban coa fuga ou o suicidio. Moi poucas eran delincuentes ou drogadictas, o único pecado da maioría era non encaixar nas máximas que o pútrido réxime franquista reservaba para as mulleres.

Moitas destas nenas e adolescentes remataron na clínica da Almudena, o terceiro centro que estuda Consuelo García del Cid. Deixo falar as vítimas para aproximarvos ao que viviron:

A vida en Peña Grande era a dun cárcere, non reformatorio, posto que non se reformaba a ninguén. Había nenas de 15 e 16 anos embarazadas dos seus pais ou irmáns que nin sequera sabían o que lles pasaba nin por que estaban alí. Só recordaban que alguén se lles puxera enriba e non entendían por que estaban gordas. Non nos explicaban nada, simplemente estabamos encerradas sen outro motivo que o embarazo. (p.121.)

Lembro a unha moza que foi ao baño pola mañá e expulsou ao bebé sen dores. Auxiliámola, e o macabro da historia é que collimos ao neno, arroupámolo e íamos tras a mamá camiño do paritorio, mentres ela levaba ao seu fillo unido polo cordón umbilical. (p. 111.)

Parían nunha sala a quen todo o mundo chamaba La dolorosa, moitas veces permanecían alí até que a cabeza do bebé asomaba, soas e sen ningún tipo de calmante. A dor, o medo e a soidade formaban parte do castigo polo “pecado” cometido. Nos partos acostumaban axudar outras mozas embarazadas, nenas e adolescentes que ían aprendendo de placentas e paritorios coa vontade de axudar ás compañeiras e axudarse a si mesmas cando chegase o momento. Moitos bebés desaparecían, outros moitos eran entregados “voluntariamente”. Algunhas parellas se paseaban pola sala onde durmían os acabados de nacer e lle ofrecían unha boa propina á nai se entregaba ao seu pequeno.

O réxime de Franco criminalizou ás nais solteiras, fixo que se sentisen “pecadoras” e condicionounas para que entregasen os seus fillos a familias que os desexaban. Dábase por feito elas non poderían educalos e darlles unha oportunidade na vida. Canta merda! A ditadura foi especialmente cruel con nós, as mulleres e sobre o período sobrevoan inda demasiadas amnesias, silencios e esquecementos. Asomarse á xanela do pasado provoca ira, rabia, pena e moita, moita carraxe. Las desterradas hijas de Eva é unha desas xanelas que nos comunica co noso pasado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s