HILDEGART IN MEMORIAM.

 

Cartaz Congreso Hildegar

Cartaz Congreso Hildegart

A propósito do Congreso Centenario sobre Hildegart Rodríguez Carballeira. Ateneo ferrolán, Ferrol, decembro 2014

Pitusa Arias Rei

Un «verso solto», como os versos cos que Carmen Blanco pechou o congreso celebrado os días 5, 6 e 7 de decembro no Ateneo ferrolán. Así define a Hildegart José Montero Alonso o 16 de xuño de 1933, nun artigo publicado unha semana despois da súa tráxica morte. «Todo tiña nela a contorna do que vai máis alá da liña normal», segue a dicir o autor ao falar da traxectoria da moza que viviu quizais os dezanove anos máis intensos, nunha das épocas politicamente máis singulares no Madrid da ditadura de Primo de Rivera e da II República.

Da excepcional peripecia vital de Hildegart falouse na rúa Magdalena de Ferrol, a uns pasos da casa de Aurora Rodríguez Carballeira, onde foi programada e concibida a moza. Malia fixar o obxectivo da cita na súa persoa, coincidindo co centenario do seu nacemento, o 9 de decembro de 1914, o congreso contribuíu tamén a recuperar o pensamento feminino e os movementos de liberación da muller no primeiro terzo do século xx.

Foron máis de vinte os traballos que se presentaron para contextualizar a obra periodística, bibliográfica, a visión política e crítica desde a militancia no Partido Socialista primeiro e no Partido Federal despois. As súas aportacións ao movemento pola reforma sexual foron moi relevantes no seu momento. Nunha das súas obras, titulada La rebeldía sexual de la juventud, arenga aos seus coetáneos a gozar da sexualidade con responsabilidade e hixiene. Hildegart declárase defensora do aborto e da educación libre e independente. A súa lucidez gozou do recoñecemento de Gregorio Marañón, co que colaborou na fundación da Liga Española pola Reforma Sexual, da que a nomeu secretaria.

Nesa altura, escribiu La revolución sexual e mantivo contacto epistolar co médico e sexólogo inglés Havelock Ellis, autor do primeiro texto sobre a homosexualidade, Inversión sexual, e quen defendía a euxenesia, un tema que apaixonaba a Hildegart. Tamén mantivo contacto co escritor H. G. Wells, a quen traduciu e acompañou nunha visita a Madrid. Este pretendía levala a Londres como secretaria e para algúns estudosos esta pretensión podería ter desencadeado a morte de Hildegart a mans da súa nai

nai e filla

nai e filla

Hai certos aspectos da vida de Hildegart que desencadean os máis fervorosos debates, aos que non escapou o congreso celebrado en Ferrol. O primeiro, ser un produto deseñado e destruído por Aurora Rodríguez Carballeira, figura da que non pode separarse, segundo defendeu Rosa Cal na conferencia que pechou a primeira xornada «Aurora, una mujer con un proyecto de vida propio: Hildegart». Ou a disertación da historiadora ferrolá Manuela Santalla López, que falou de Hildegart como unha muller- proxecto ferrolá.

Tan polémico como este do nacemento é o capítulo da morte de Hildegart, moi controvertida entre quen aborda a súa biografía.

E outro máis, sen poñer en cuestión a intelixencia desa nena que con 9 anos dominaba cinco ou seis idiomas, que con 17 tiña rematado a carreira de Dereito e que con 14 se afiliou ao Partido Socialista, moitos poñentes cuestionaron que Hildegart fose capaz de escribir tal cantidade de artigos e libros, folletos, mitins, etc., en tempo real, por iso insinúan a man de Aurora detrás da filla.

Cando abandonou o Partido Socialista, Hildegart declarouse «marxista sen partido» e contra o «socialenchufismo», proba de que a súa xuventude, intelixencia, activismo e probablemente sexo, non caían ben entre os «varóns maduros e expertos do partido», que se preguntarían «que pretende esta mocosa?». «Vivimos nunha república laica ou nunha república cavernícola?» escribía Hildegart en 1933 en Tierra, nun artigo que titulou «Los trucos del socialismo» e no que deixa en evidencia os roxelos que espertaba.

O congreso ferrolán acolleu dúas exposicións relativas a Hildegart Rodríguez Carballeira, unha sobre as catorce obras que publicou —a primeira aos 13 anos— e outra sobre obras escritas por outros autores. Proxectouse o filme The red Virgin da canadense Sheila Pay.[1] Da imaxe internacional da figura de Hildegart deron conta tamén a australiana Micaela Pattison e Kyra Kietrys. Finalmente, un roteiro levou ás persoas participantes polas rúas e inmobles que visitaba Hildegart cando viña a Ferrol. Aínda o Ateneo ferrolán editou, polo seu centenario, o libro: Hildegart en La Tierra, unha recompilación dos artigos publicados neste diario madrileño sobre o acontecer político na última etapa da súa vida, probablemente os menos coñecidos da autora.

A profesora da usc, Aurora Marco abriu o congreso coa intervención titulada «Romper barreiras. Voces femininas a comezo do xx». Hildegart Rodríguez Carballeira foi unha das máis seguras, unha voz silenciada o 9 de xuño de 1933.

Unha pregunta quedou flotando no ar do salón ferrolán: sobreviviría Hildegart ao mes de xullo de 1936? E outra máis: logrou esta cita, como pretendía, desterrar os mitos sobre Hildegart?

A resposta podería encontrarse na maneira en que os franceses e as francesas responden, coa margarida na man, á pregunta: Il / elle m’ aime ?, un peu, beaucoup, pas du tout, à la flolie !

BIBLIOGRAFÍA BÁSICA:

Para quen desexe achegarse á acción de Hildegart, aí quedan tres propostas básicas.

  • Guzmán, Eduardo de: Aurora de sangre: Vida y muerte de Hildegart, Mundo actual, 1972.
  • Cal Martínez, Rosa: A mí no me doblega nadie: Aurora Rodríguez, su vida y su obra (Hildegart), Sada, Ediciós do Castro, 1991.
  • Película: Mi hija Hildegart, director Fernando Fernán Gómez, 1977

[1]    N. das E.: Este filme obtivo o primeiro premio á mellor curtametraxe de ficción na terceira edición do mufest, festival de cine feito por mulleres, organizado por Andaina.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s