LEMBRANZAS. Carmucha, a miña primeira viaxe a América.

LEMBRANZAS. Carmucha, a miña primeira viaxe a América.

M.ª Olga Fontán e Laura Lamoso

Imaxe

Nestas liñas relatamos a historia de Carmucha, unha muller de Ventoxo, unha aldea de Forcarei, moi cerquiña de Soutelo de Montes, no ano 1930. Nada nunha familia numerosa formada por avós, pais, tres irmáns e tíos. Nalgún momento eran once persoas na casa e a comida non sobraba:

Non pasei fame de pan porque nós cocíamos na casa, pero non había leite, nin ovos… Aínda que tiñamos cinco vacas na casa, galiñas e polos, non se comía nadiña, porque eran para vender na feira e comprar aceite, xabón e outras cousas necesarias… Matábanse dous porcos, pero eramos moitos a comer e non chegaban. Eu recordo comer pan con touciño e caldo con verzas… Hoxe xa non quero caldo nin verzas, xa comín bastante, agora que as reparta o corpo.

A primeira emigración na súa familia foi a do seu pai, Aniceto, que emigrou a Panamá. Desde alí enviaba cartos e empezaron a vivir un pouco mellor, pero seguía sendo unha casa con moito traballo no campo. Carmucha recorda ir coas vacas para un prado que estaba lonxe da casa todo o día, cun anaco de pan e un chourizo. O día era moi longo e non podía volver a casa até que se facía de noite:

Cando tiña 15 anos fun coa miña nai a Pontevedra e comproume un chaquetón de la de carneiro no comercio de Olmedo cos cartos que nos mandara meu pai… Moito presumín no baile de Soutelo co meu abrigo novo e nas festas do patrón San Nicolao! O día da festa fomos ben vestidos a facer unha foto a miña nai e os meus irmáns, José María e Manolo, para mandarlla a meu pai a Panamá.

No ano 1952, Carmucha casou cun veciño da aldea que xa emigrara a Brasil tres anos antes. O mozo, chamado Raúl, fora a Salvador de Baía co seu tío Manuel, que xa levaba alí varios anos e xa tiña negocios e unha boa posición. Casaron en abril, na igrexa da Millarada e a festa foi na eira da casa de Carmucha. Mataron un becerro e unha cociñeira da aldea fixo a comida para todos os convidados:

Iamos os dous de negro. Eu cun vestido que me fixo unha modista de Tenorio, que daquela era un luxo, e el comprou un traxe tamén negro. Na miña voda faltou o meu pai porque estaba en Panamá e daquela non era fácil viaxar coma agora.

Despois da voda o novo matrimonio foi de viaxe ás catro provincias galegas, en autobús a Vigo, en tren á Coruña e tamén a Lugo e Ourense. Á volta da viaxe quedaron oito meses a vivir na casa de Carmucha, mentres arranxaban os papeis para o seu viaxe a Brasil.

A documentación para emigrar arranxábase en Vigo, na Casa López. Era unha pensión e restaurante cerca da estación de tren e o señor López preparaba todo o necesario para poder viaxar: billetes do barco, pasaportes, certificados… Así que embarcamos no porto de Vigo en xaneiro de 1953, nun barco chamado Alcántara. A noite anterior xa durmimos na pensión… Levabamos un baúl con sabas, algunha manta e a nosa roupa, unha maleta coa roupa necesaria para a viaxe, que duraba doce días e tamén levamos un colchón de la, porque non sabíamos se o podíamos comprar ao chegar. O barco saíu de noite do porto e facendo soar as sirenas, chorei moito cando vía como se afastaba a cidade e deixaba a miña familia atrás.

No barco Carmucha e Raúl compartían camarote cunha veciña de Soutelo que levaba dous rapaces e que viaxaban a Brasil para xuntarse co seu marido e pai. O camarote tiña dúas filas de liteiras, Carmucha durmía abaixo, o seu marido enriba e as outras dúas liteiras eran para os dous rapaces e a súa nai. A fiestra era un ollo de boi dende onde se vía o mar. No barco había varias categorías, pero eles viaxaban en terceira porque era máis barato:

Nós fomos en terceira porque non había cuarta, e menos mal, porque non queríamos gastar máis para aforrar todo o posible e ao chegar á Baía comprar un negociño. Xa levabamos aforradas cen mil pesetas, que daquela eran moitos cartos, pero o meu marido xa xuntara cartos nos tres anos que estivera alá. No barco pasámolo moi ben, nunca nos mareamos, paseabamos pola cuberta, comiamos nun comedor con mesas longas con máis xente, xogaban ás cartas… Eu non porque non sabía. Foi como outra lúa de mel, sobre todo para min porque nunca saíra da miña aldea.

O barco facía dúas escalas, primeiro en Tenerife e os pasaxeiros baixaban a pasear un pouco pola cidade e a segunda en Recife, outra cidade ao norte de Brasil:

Tenerife era moi bonito, pero en Recife vin por primeira vez na miña vida xente de cor… Que feos me pareceron entón!… No porto de Recife había carretas con cabalos para transportar os baúis e as maletas que descargaban do barco. Estaba todo cheo de cagadas de cabalos e había moita xente de pel negra, iso chamoume moito a atención…

A chegada a Salvador de Baía tampouco foi moi agradable, era de noite, estaba chovendo e foron a unha casa vella compartida cos compañeiros de camarote. En Baía estaban esperándoos o marido da súa compañeira de camarote e o tío de Raúl, que daquela vivía moi ben, era coñecido en toda Baía como o rei do toucinho, porque tiña un negocio de venta ao por maior de carne de porco, no que traballara Raúl os tres anos que estivera en Brasil:

Que tristeza me deu. Estaba chovendo, era de noite e aquela casa era peor que a que eu deixara na miña aldea. Non tiña baño, fóra había unha finca cun burato no chan para facer as nosas necesidades, tiña auga corrente, pero fría… Menos mal que alí facía calor!… Eu pensaba que ir a América era para ir a mellor, pero aquilo non me gustou nada, pensaba que saíra de Ventoxo para ir a un sitio mellor, pero aquilo era peor…

Carmucha e Raúl viviron nesta primeira casa compartida durante dous meses, despois compraron un negocio de alimentación grazas aos cartos que tiñan aforrados e aos mil cruceiros que lles enviou dende Panamá o pai de Carmucha. O negocio estaba na planta baixa e arriba había una vivenda con dúas habitacións. Tiñan dous empregados, un negro e outro branco, que comían e durmían na mesma casa. No negocio vendían arroz, feixón, azucre, fariña, queixo, pan… Carmucha facía a comida para todos eles, pero o empregado branco non comía nada, non lle gustaba a comida que ela facía:

Nesta casa estaba feliz. Xa estaba embarazada da miña primeira filla, embaracei no barco… Non perdín o tempo e iso que compartíamos camarote! A prima do meu marido facíame debuxos nas teas das camisolas e eu, sentada cerca da fiestra bordaba a man toda a roupiña para a miña filla. Estaba acabada de casar, esperando o noso primeiro fillo, xa vivíamos mellor que na nosa aldea. A partir de aquí empezoume a gustar moito Baía, coñecín a moita xente, fixen moitas amigas. Co tempo fomos vivindo mellor e a verdade é que eu non quería volver a España. Se por min fose, aínda hoxe viviría en Brasil, pero o meu marido sempre tirou para España…

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s