presentación ANDA!NA 2.0


DSCF0363QUEN SOMOS ANDAINA?

ANDAINA naceu respaldada por un feixe de organizacións daquela existentes e moi activas (Asociación Galega da Muller de Ferrol, Santiago e Ourense; Asembleas de Mulleres de A Coruña, Pontevedra e Vilagarcía e a Coordenadora Feminista de Vigo), nunha sociedade, a galega de 1982-1983 distinta a actual.

Botando a vista atrás e facendo unha reflexión desde hoxe, hai tres cousas interesantes que fixo Andaina ou que fixemos quen fomos facendo esta Andaina:

1, Facer e manter un núcleo humano activo, reflexivo, crítico, atento en xeral a sociedade galega na que vivimos. Dinámico -non sempre en relación ao “activismo” pero si no sentido de estar vivo, de non apoltronarse, de non repetirnos, sen máis, de non acomodarnos no pensamento.

Un núcleo activo pequeno. Mulleres concretas cos noso ensarillados: situacións laborais (ameazas de despedimentos, acosos, precariedade, paro), emigradas en Ecuador ou Londres; atendendo a fillos, pais e nais maiores e dependentes; con crises amorosas e de outros teores e atravesando todo iso sen retirarnos a casa, sostendo o valor de sobrepoñernos.

Un núcleo de idades variadas: 62-25 nos extremos (+ de 50 anos: 5; Entre 30 e 50 anos: 7; – de 30: 1) que nos respectamos -e isto é ben importante-, escoitámonos e aprendemos conxuntamente.

2, Un documento sempre en galego que ano tras ano foi deixando as pegadas do que o feminismo foi facendo neste país.

Faltarán cousas, que dúbida cabe, PERO… o groso, o fundamental está aí e ademais, está desde o punto de vista NOSO

Así as cousas resulta impensable facer a historia -ou aspectos- da historia do feminismo sen consultar esta revista.

Non era esta a idea de saída cando decidimos publicala, PERO así foi resultando e, de verdade que é valioso. Por dar fe do sucedido e por fixar a responsabilidade do feito, máis cando tantos intereses hai á hora de escribir ” esaa historia”, como sempre.

3, A terceira cousa que tamén merece ser salientada, Puxemos as claras que as mulleres somos quen de escribir, falar, documentar, investigar, crear… a niveis rigorosos… E non hai máis que repasar Andaina a Andaina para partillar isto que dicimos.

Antes parecía que non había apenas mulleres capaces de. Facíasenos crer que era así e isto explicaba que todo estivese sempre cheo de varóns (cúpulas de partidos e sindicatos, gobernos, parlamentos, consellos editoriais, programas de debates, etc)

Hoxe, segue a ser escandalosa a baixa e baixísima presenza de mulleres neses espazos -non así en cousas “do corazón ou de rexoubeo” pero sabemos, e non temos xa dúbida algunha, que non é porque non haxa mulleres capaces, listas, de talento, de sona, de traxectoria e mulleres bastantes, senón porque as inercias, as rutinas, as preferencias, as “así luzo máis eu” impiden, negan, atrancan ou retardan a súa presenza en beneficio do sexo sobre-representado nos espazos públicos

POR QUE MUDAR?DSCF0369

Desde o ano 1983, Andaina ten as súas páxinas abertas ós debates, a difusión do pensamento feminista, ás denuncias dos machismos, fomentando a participación e liberdade de expresión das mulleres, creando foros de expresión e de crítica, publicando tres números anuais.

Isto foi posible, grazas ás persoas subscritoras e socias, que coas súas contribucións fixeron sostible no tempo esta revista. e grazas a outras moitas persoas amigas que de distintos xeitos nos botaron unha man. Tamén grazas a unha presa de mulleres, que pasaron polo consello de redacción, mulleres teimosas, empeñadas en buscar e solicitar a mulleres que colaborasen cos seus escritos, opinións, pinturas, fotos, debuxos, ideas, etc., que formaron unha equipa de redacción sempre dinámica e sempre afeccionada, nunca profesional. Nunca ninguén cobrou un peso por programar, escribir ou colaborar. Ninguén atopou nas páxinas desta revista un chanzo para subir a ningún lugar nin poder chulearse de nada. E tamén grazas ás mulleres que accederon a colaborar de xeito desinteresado coas súas creacións.

E estamos orgullosas de ter sido capaces desta fazaña sen contar apenas con apoios institucionais nin difusión dos medios de comunicación de masas

En Xaneiro, celebramos o 30 aniversario da nosa revista con orgullo pero tamén con preocupación. A situación económica neste momento é moi difícil, e .tivemos que facer moitos números, contas, plans e outras cousas para seguir tirando a revista e poder, en papel e sobre, chegar ás persoas subscritoras. Mais, finalmente, este ano non puidemos publicar os tres números, polo que pedimos sinceras desculpas e queremos darvos unha explicación.

Chegamos a este punto non só polas dificultades económicas que atravesamos senón tamén pola situación de fraxilidade da nosa equipa de redacción. Esta viu mermada as súas forzas, pois a actual situación socio-económica obrigou a algunhas das mulleres que a integran, sobre todo ás máis novas, á emigrar; outras teñen que afrontar situacións difíciles nos seus postos de traballo; outras asumir os coidados de familiares en situación de dependencia. E, tamén, por que non dicilo, tivemos que superar canseiras, e desánimos.

Estamos convencidas de que, nestes momentos, nos que os logros feministas parecen querer ser diluídos e freados coas propostas involucionistas dos nosos gobernantes, cómpre manter viva esa voz feminista, independente, galega, que durante tantos anos ten sido Andaina. Mais, a difícil situación actual, levounos a ter que definir novas estratexias para manter viva esta voz. Tivemos que reflexionar moito para atopar un camiño de continuidade e evitar que Andaina esmoreza.

Tras analizar moito a nosa situación, e vencer certas resistencias, decidimos pasarnos a formato dixital, por varios motivos:

  • Económico:

Non podemos seguir mantendo a publicación en papel de tres números ó ano. As cotas coas que as persoas subscritoras e socias nos apoiades e que son o noso medio de financiamento principal (que supón máis dun 90 % dos recursos regulares cos que contamos), non chegan para publicar estes tres números anuais. Os custos de maquetación, imprenta, distribución, etc., supera o que ingresamos, e isto ocorre xa fai tempo

Ó longo de todo este tempo contamos con escasas subvencións públicas (cousas moi puntuais, pequenas, que si ben nos fixeron moito ben, non resolven). O resto sacámolo das ventas nas librarías amigas, de coller a mochila chea de revistas e ir vendendo aquí e aló (en actos, manifestacións, etc.), ou de iniciativas de captación de fondos como as poxas que fixemos na cea e festa polo 30 Aniversario (na Gentalha e no Local Social de Oza, respectivamente), grazas ós agasallos cos que nos obsequiaron moitas persoas amigas, e que nos permitiron sacar adiante o primeiro número de este ano.

Aínda que esta nova etapa non implicará o cese total da publicación en papel. Manteremos unha publicación anual, que recolla os artigos máis destacados do ano colgados na nosa páxina web, xunto con artigos novos. Unha publicación que contará cunha extensión maior á que viñan tendo as publicacións trimestrais, e que as persoas socias e subscritoras seguiredes a recibir nas vosas casas.

  • Por adaptarnos ós novos tempos:

Estabamos quedando un pouco á marxe, sendo un pouco analóxicas, cunha páxina moi antiga e pouco actualizada, sen facebook, twitter.. Isto tamén un pouco propiciado, porque os nosos recursos humanos son escasos, non profesionais, e preparar tres números anuais, participar nas actividades que nos ían xurdindo (exposicións, actividades formativas, conferencias, etc.) e facer activismo, por exemplo, coas compañeiras da Plataforma Galega en defensa do aborto, coas compañeiras do 8 de marzo, etc., impedíanos dispoñer de tempo para isto.

  • Para poder ofrecervos outras actividades:

Pasar a revista a formato dixital permítenos derivar os recursos económicos que dispoñamos, e unha maior cantidade de recursos humanos para levar a cabo outras iniciativas.

Para Andaina fomentar o debate, proporcionar espazos nos que dar a coñecer novas ideas e poder crear sinerxías sempre foi fundamental. Polo que nos gustaría organizar encontros, xornadas, conferencias. Nos últimos anos, botamos isto en falta, e non o levamos a cabo, non porque non tiveramos ideas, senón por falta de tempo e de recursos económicos. Ben é certo que isto está por definir pois toda esta etapa está apenas nacendo, pero temos o firme propósito de levalo a cabo. Xa hai ideas pero temos que darlle forma e tamén ver con que apoios imos contar. Sobre todo no tocante ó tema financeiro.

Entre estas actividades, tamén queremos retomar o noso MUFEST (Festival de Cine Feito por Mulleres), e facer a cuarta edición. Para nós este é un proxecto importante, no que nos embarcamos no 2009, co que pretendíamos crear unha plataforma para fomentar a produción audiovisual de obras dirixidas, escritas e/ou producidas por mulleres. Co MUFEST pretendemos contribuír a esnaquizar ese teito de cristal presente tamén no eido audiovisual e animar ás mulleres a que dirixan, produzan, escriban, ofrecéndolles un espazo no que dar a coñecer os seus traballos.

Comezamos a finais do 2009 coa idea de facer unha exhibición, unha mostra de filmes feitos por mulleres, máis que un festival competitivo. Pero xa o primeiro ano foron tantos filmes os que nos chegaron, non só de todo estado español senón alén, e vimos tanta calidade, tanta creatividade… Todo iso nos dou a idea de que debiamos continuar, facer un festival no que puideramos promover e impulsar ás novas creadoras, amosando os seus traballos e premiándoos cunha dotación económica. Ademais de todo isto, parecíanos fundamental, e así o fixemos, crear espazos de debate, de intercambio de ideas e experiencias, onde, se puideran crear sinerxías, e fraguar novos proxectos.

Tras tres edicións do Mufest, a inscrición dun gran número de filmes documentais, de videocreación, de ficción e de animación de diversas temáticas, chegados de toda a xeografía española así como doutros países como Inglaterra, Italia ou Bulgaria, desde Andaina reafirmamos o noso convencemento da necesidade do Mufest como plataforma para as novas creadoras.

De feito xa na terceira edición 2012 consolidámolo como un dos tres festivais de cine de muller do Estado Español, xunto coa Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona, e, Mujeres en Dirección . Semana Internacional de cine de ciudad de Cuenca. A finais do 2012 e ó longo do 2013 recibimos comunicacións de distribuidoras e produtoras de todo o estado español, así como das propias creadoras, interesándose pola nova edición do Mufest para inscribir as súas obras audiovisuais.

Por todo isto gustaríanos que virades esta nova etapa coa mesma ilusión e optimismo cos que desde o Consello de Redacción .a estamos encarando. E queremos pedirvos que nos deades a oportunidade de amosarvos todo o que podemos facer nesta nova etapa, para o cal seguimos precisando de todo o voso apoio. Apoio, non só económico (inda que para nosoutras é moi importante porque as subscricións e as cotas das persoas socias, son case o único medio de financiamento que temos, e co que contamos para facer todo isto que vos propoñemos) senón tamén o voso apoio a través da vosa participación activa nesta nova Andaina dixital, neste novo proxecto.

CARA ONDE IMOS?DSCF0373

A ideia de Andaina 2.0. , surdiu dum desejo da ampliar a nossa presença no mundo digital, assim como a comunicaçom entre as que participamos de criaçom da revista e as nossas subscritoras e leitoras. Nom queríamos perder a oportunidade de contatar com gente nova, ca que poder dialogar depois destes 30 anos. Depois dum processo de retrospetiva, decidimos recordar como dizemos no primeiro número e repetimos no editorial do 61-62: o nosso objectivo é e será “Difundir e animar o debate entorno ás posicións e teorías feministas, á vez que denunciar as situacións de violencia e discriminación que lles acontecen ás mulheres” e para fazer isto, imos contar com as redes.

Supom um gram cambio para nós, que o nosso principal meio de expressou seja o digital, novas ferramentas, cambio de ritmos … Levou-nos certo tempo encontrar o modelo com o que apresentarmo-nos nas redes. Poderia dizer que tinhamos medo da efemeridade da informaçom e das reflexons em Internet, semelhava que ter algo em papel era garante de que fora a permanecer no tempo. Mas havia umha coisa que estava a se nos escapar, a imediatez; a capacidade de poder debater com gente de fora do nosso círculo, do nosso entorno imediato e chegar a círculos aos que o movimento feminista lhe resulte desconhecido. O esforço que podia supor sacar a Revista em papel nom desaparece, seguirá havendo Revista ainda que tenha um formato um pouco diferente do que estamos afeitas.

O que também queremos manter da Revista som as colaboraçons, os comentários, artigos, todo o que vós,as leitoras, consideredes que queirades compartir com nosco. Ver a Revista como umha praça pública, coma um foro no que esperamos retroalimentaçom de ideias e de energia.

Contudo, activismo na rede nom pode deixar de lado o Activismo na rua. A rua nom entendida só como umha resposta ante umha desgracia; senom umha possiçom ante a vida, integrador, de activismo cultural, pedagógico … E, ante todo, positivo e transgressor; tudo esto e mais leva caraterizando a Andaina e às pessoas que à integram estes 30 anos. Temos intençom de resucitar o MuFest e novos projectos que iremos pendurando da web.

Nom é ningum segredo que estamos a viver um momento crú na Revista , mas incluso estas etapas acabam aportando cousas tremendamente positivas. Eu, polo pronto sinto-me orgulhosa de nom ter tido que adaptar a mensagem aos tempos, que por graça ou por desgraça está igual de vigente hoje que há 30 anos; senom adaptar as canles de comunicaçom e interacçom com as nossas leitoras aspirando que, a través deste medio e cada vez mais, vaiam sumando-se pessoas à nossa listagem de amigas.

DSCF0379

Deixámosvos un rascuño da nosa historia

ANDAINA-1

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s