andaina 63

portada 63Editorial

O poder exercido pola maioría das relixións é un poder masculino, que discrimina —cando non despreza ou somete—, ás mulleres. Nas tres relixións monoteístas, o cristianismo, o islam e o xudaísmo, o Deus único é unha figura masculina, un deus creado por homes á súa imaxe e semellanza e non ao revés. Son homes os que están no cumio da xerarquía relixiosa e os que transmiten as directrices espirituais. Nestas relixións, como en case todas, persiste unha idea perversa que disocia natureza e espírito, corpo e alma. Ao dar ao espiritual un valor superior e situar ás mulleres máis preto da natureza, o poder relixioso sempre xustificou os intentos de sometelas, de controlalas.
Controlar, o noso corpo e someter as nosas mentes, negándonos a capacidade de decidir se queremos ou non ser nais e impartindo doutrina desde o púlpito ou desde as aulas, non admitindo máis sexualidade que a reprodutiva nin máis verdade que a transmitida por eles.
A historia da relixión e das mulleres é unha historia de persecución e sometemento, desde a queima de bruxas ata as lapidacións por adulterio, desde a negación dun dereito tan elemental como decidir sobre o noso corpo, ata negar o acceso á educación ou impoñer vestimentas.
Baixo o amparo dun suposto maxisterio sobre as almas, a relixión exerce un poder real sobre os gobernos e sobre a cidadanía. Ao longo da historia e da xeografía este poder resulta máis ou menos evidente e máis ou menos combativo, pero, en todo caso, está sempre a carón das forzas máis conservadoras, establecendo alianzas económicas e políticas beneficiosas para os seus intereses.
No caso do noso país temos claros exemplos destas alianzas ao longo da historia. Se nos circunscribimos aos últimos tempos, baste recordar o apoio da Igrexa á ditadura franquista e máis recentemente, os enfrontamentos cos gobernos socialistas.
Durante o último goberno do PSOE, seguiron manténdose moitos dos privilexios da Igrexa, como as exencións de impostos, o mantemento do sistema de subvencións, o feito de que se permita o rexistro a nome da Igrexa de bens de titularidade pública, as e os docentes de relixión nomeados a dedo pola xefatura eclesiástica, pero pagados polo Estado, mesmo as indemnizacións nos casos de despido… Privilexios que agora, curiosamente, este partido denuncia nos medios. Conseguíronse importantes avances sociais como a legalización do matrimonio entre parellas do mesmo sexo, a implantación nas escolas da Educación para a Cidadanía ou unha lei de interrupción do embarazo que contempla a libre decisión da muller durante as primeiras 14 semanas.
A Igrexa católica fixo da loita contra estes avances o gran cabalo de batalla, do que se serviu para convocar manifestacións contra o Goberno e pedir o voto para os conservadores. Despois do triunfo do PP, a xerarquía eclesiástica sentiuse con máis forza que antes para esixir cambios lexislativos. Eliminada xa do programa educativo a materia de Educación para a Cidadanía e deixando en segundo plano a súa loita contra o matrimonio entre parellas do mesmo sexo, tras ser este admitido polo Tribunal Constitucional, aínda lle queda o seu grande envite contra as mulleres: a lei do aborto.
As modificacións que se propoñen desde o Goberno na lexislación do aborto supoñen un retroceso que vai más alá da primeira lei de 1985. O aborto volvería a ser considerado un delito grave cando se realice fóra de determinados supostos, entre os que, polo de agora, só se contempla o grave risco para a saúde da muller, mesmo as malformacións do feto poden quedar fóra destes supostos despenalizadores. E xa advertiu o señor ministro que o risco para a saúde física ou psíquica da muller haberá que acreditalo para que non sexa un mero «pretexto».
Aínda que Igrexa e Goberno non coinciden de todo neste tema —para a Igrexa o aborto non sería admisible en ningún caso—, de aprobarse a modificación, a Igrexa non sería belixerante, como non o foi durante o goberno de Aznar —coa lei vixente neses anos— e podería xustificar mellor o seu apoio ao PP durante a campaña electoral nestes momentos nos que na sociedade medra o enfado contra este partido pola corrupción e a desastrosa xestión da crise económica.
Onde si coinciden Igrexa e Goberno é nunha idea de muller na que se valora por riba de calquera outro o papel de nai e esposa, de coidadora do entorno doméstico. Se desde a Igrexa se promoven campañas a favor da familia tradicional e en contra do dereito ao aborto, convocando manifestacións ou enchendo as redes sociais con fotos de embrións, o ministro de Xustiza non ten reparo en afirmar que é a maternidade o que nos fai «mulleres de verdade» ou que hai unha «violencia estrutural» contra as mulleres embarazadas. O mesmo sucede co ministro do Interior, cando manifesta que o matrimonio entre persoas do mesmo sexo non debe ter a mesma protección dos poderes públicos que o matrimonio «natural», porque non garante a pervivencia da especie.
Cando a relixión se entremete no poder político, a historia nos demostra que as mulleres sempre saímos perdendo. Coa modificación da lei de interrupción do embarazo que pretende o Goberno os abortos non diminuirán, pero causarán un maior sufrimento ás mulleres que o precisen.
Se vivimos no marco dun Estado aconfesional, non deberiamos deixar que a doutrina da Igrexa condicione os dereitos de toda a cidadanía, nin tampouco, dito sexa de paso, que o Estado lle conceda tantos privilexios. Nunha situación de crise como a actual, na que o Goberno fai recortes nas pensións, escolas e hospitais, aumenta taxas e impostos e recorta ademais as axudas as persoas dependentes, non se pode admitir que subvencione á Igrexa católica con máis de once mil millóns de euros anuais, que a exima da maioría dos impostos (IBI, obras, sociedades…) e permita que a inmensa maioría dos bens e contas que ten baixo o seu poder sexan totalmente opacas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s