Artigo de Rosabel Candal en Dioivo
En todo o mundo, existen 54 festivais de cine de mulleres, dos cales o 46% celébranse nos Estados Unidos, 14 en Europa e concretamente en España, só 3. O Mufest, que ten lugar en Compostela todos os anos e que este pasado mes de febreiro chegou á súa terceira edición, consolídase no panorama internacional como unha cita clave para exhibir, promocionar, debater e reflexionar sobre un sector no que só o 8% dos directores de cine son mulleres e só o 20% dos guións e dirección de traballos de produción están a cargo de mulleres. Desbotada a idea de que o porqué desta preocupante situación non está na falta de creatividade ou de coñecementos das profesionais femininas, Sita Gómez, membro de Andaina e da organización do Mufest, valora para Dioivo o festival organizado na capital galega e a situación actual.
O Mufest naceu a finais do 2009, organizado por Andaina, coa idea de facer unha mostra de filmes feitos por mulleres, máis que un festival competitivo. Non obstante, xa o primeiro ano foron tantos os filmes que lle chegaron á organización, non só de todo Estado español, senón alén das nosas fronteiras, e viron “tanta calidade e tanta creatividade”, que se decidiron a continuar cun festival no que se puideran promover e impulsar as novas creadoras, amosar os seus traballos, premialos e crear novos circuítos de exhibición . Ademais de todo isto, apostaron por crear espazos de debate, de intercambio de ideas e experiencias, e crear sinerxías, e fraguar novos proxectos.
A finais de febreiro celebrouse a terceira edición do Mufest . Que balance fas do festival?
Máis que balance, falaría dunha sensación. A sensación de que estamos no bo camiño, que hai moito que mellorar pero tamén moitas razóns polas que facelo. Non só pola necesidade que hai de espazos, como o que proporciona o Mufest, para a exhibición e promoción de obras dirixidas, escritas ou producidas por mulleres; senón tamén porque as creadoras poden ver o traballo doutras creadoras, debater, analizar problemáticas, crear sinerxías e fraguar futuros proxectos en conxunto.
Como foi a acollida?
A acollida por parte do público que asistiu ás tres edicións do Mufest foi boísima. Este ano, notámolo especialmente porque aumentou en relación ó Mufest II. En xeral, recibimos moitos parabéns e ánimos para continuar. De feito, penso que xa estamos no camiño de fidelizar a ese público que asistiu ás edicións anteriores. A verdade é que nos gustaría chegar a ser una cita anual de referencia. Si que é certo que o noso público non é numerosísimo, pero somos conscientes de que as razóns disto é que somos aínda un festival novo e que a nosa materia pendente é a difusión. Temos que traballar niso, pero iso tamén supón contar cun maior orzamento do cal poidamos destinar unha maior cantidade á publicidade. Tamén temos pendente ter unha maior presenza nas redes sociais. Todo isto, e máis cousas, claro está, nos queda por mellorar para a próxima edición, aínda que o principal problema é sempre económico. Podemos dicir que o Mufest é fundamentalmente autoxestionado. Non estamos a contar con ningunha axuda publica.
O noso plan de viabilidade pasa por obter financiamento privado, e é cara onde camiñamos. Esperamos obter os apoios necesarios, e empregarémonos a fondo para logralos e que o Mufest non esmoreza.
Que foi o que se puxo de relevo e qué conclusións se sacaron das mesas de debate e ponencias?
Moitas cousas se falaron e tampouco quixera reducilas a dúas ou tres conclusións deslucidas. Pero si que quixera mencionar algo que tiramos da charla coa xornalista portuguesa Ana Catarina Pereira, especialista en teorías feministas aplicadas ao cinema portugués, e da directora inglesa Deborah Haywood, e é a situación intermedia entre ambos os dous países, Portugal e Reino Unido, que ocupa España en relación á produción audiovisual ,a súa promoción por parte da Administración, así como da situación da muller no audiovisual. Se a situación en España é mala, podemos dicir que en Portugal é crítica.
O nivel das proxeccións aumenta ano a ano. Que destacarías das películas desta edición?
A verdade é que non deixamos de sorprendernos da calidade dos filmes que nos chegan. O que destacaría deste ano é a calidade técnica, os contidos, e en definitiva, a creatividade coa que están feitos. Os contidos dos filmes do palmarés desta edición do Mufest versaron sobre problemáticas sociais e culturais tratadas desde perspectivas de visibilización e ata denuncia. Hai unha boa porcentaxe dos filmes deste Mufest que trataron temas que atinxen dun modo significativo ás mulleres, tratados tamén desde unha perspectiva de cuestionamento. E iso está francamente ben, pois contribúen decididamente a repensar a sociedade e contribúen o cambio do imaxinario colectivo.
O Mufest é un dos poucos festivais de cinema de mulleres que hai en todo o Estado español. A que atribúes esta carencia?
Que eu saiba, temos a Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona. Tamén Mujeres en Dirección . Semana Internacional de cine de ciudad de Cuenca. Pois, a verdade é que non sei cal é o motivo. Non sei se a falta de conciencia da necesidade de procurar estes espazos; se se trata máis ben de razóns económicas e a falta de apoios…
En que situación dirías que está a muller na industria cinematográfica a nivel xeral?
Na industria cinematográfica tamén atopamos un teito de cristal. Se atendemos ós datos da CIMA menos do 10% dos directores son mulleres, máis podemos ver que hai unha grande presenza, e ata poderiamos dicir predominio, das mulleres en perruquería, vestiario, etc., fronte á escaseza de postos máis decididamente técnicos como cámaras, por exemplo.
Por qué é importante facer festivais deste tipo centrados na muller, pero dirixidos tamén ó público masculino?
Acabamos de facer referencia a ese teito de cristal presente no audiovisual. O Mufest traballa para esnaquizalo, e animar ás mulleres a que dirixan, produzan, escriban, ofrecéndolles un espazo no que dar a coñecer os seus traballos. Evidentemente, cantos máis festivais haxa deste tipo, maior será o circuíto de exhibición e, por tanto, de visibilización. Isto é o interesante, aló menos para nós. Non pretendemos que o Mufest sexa unha cita só para a promoción dos filmes, senón que queremos crear un circuíto o máis amplo posible polo que mover eses filmes. E niso estamos a traballar, pretendemos establecer colaboracións con outros festivais de cine e outras organizacións que contribúan a esta mobilidade e amplíen ese espazo de exhibición, tentamos organizar ciclos, retrospectivas, etc., onde poidamos proxectar de novo os filmes do Mufest.
En relación ó público do Mufest , nunca pensamos en que fose distinto a outro tipo de festivais. A única diferenza é que só exhibimos e premiamos filmes dirixidos, producidos e/ou guionizados por mulleres. O que se pretende é visibilizar , apoiar e promocionar o traballo das mulleres neste eido. Mais, sobra dicir que disto tamén lle poden sacar rendemento os homes. Un filme inscrito no Mufest pode estar dirixido por unha muller pero, por exemplo, producido por un home. Este produtor tamén se beneficia, pois dase a coñecer o seu traballo.
PREMIOS MUFEST III 2012
Mellor obra na categoría de Ficción:
Título: The Red Virgin Directora : Sheyla Pie Ano :2011
– Mellor obra na categoría de Documental:
Título: Madres 0,15 el Minuto Directora : Marina Seresesky Ano :2011