Informe sobre o machismo na universidade

Artigo íntegro

Un estudo detecta grandes desigualdades malia a opinión xeral de que a institución non é sexista // Os catedráticos chegan ao 80% ou 90% fronte a case ausencia de catedráticas // Perpetúase a máxima: A maior categoría do posto, menor presenza de mulleres // É abraiante a predominancia de varóns no cadro de persoal docente // Segue habendo carreiras femininas e masculinas: o ámbito tecnolóxico está copado por eles, mentres que a saúde, por exemplo, está feminizada // Os departamentos que se feminizan perden o prestixio // E todo isto a pesar de que os resultados académicos das mulleres son moi superiores.

un estudo realizado no campus vigués por Amada Traba Díaz e Luz Varela Carunchopon as cousas no seu sitio: malia a opinión xeral de que a Universidade non é sexista, as desigualdades e a marxinación están aí. Só hai que mirar para velas.

Empecemos cunhas poucas realidades que reflicte o informe de Vigo: as mulleres son a maioría do alumnado matriculado -isto vale para os tres campus galegos, aínda que a maior diferencia dáse na compostelá, na que hai dúas mulleres por cada home-; elas teñen mellor rendemento académico e hai unha marcada segregación de xénero nas titulacións. Ás autoras do traballo preocúpalles a persistente segregación na elección dos estudos -hai carreiras cunha presenza masiva de mulleres e outras de homes-, e afirman que “a sobrerrepresentación feminina ou masculina ten que ver, con seguridade, co peso da socialización tradicional de xénero e o mantemento de estereotipos e roles tradicionais”.

É unha discriminación “horizontal” que produce que as mulleres estean maioritariamente en certas áreas da actividade científica, ‘feminizadas’. Estas áreas quedan ‘etiquetadas’ e pasan a ser consideradas, en xeral, de menor valor. Trátase dunha discriminación “horizontal” difícil de interpretar para moitos, como demosran as entrevistas que forman parte do estudo e que recollen, por exemplo, opinións como esta: “Eu non vexo que a universidade sexa un lugar de discriminación e desigualdade…o acceso é por méritos, os ascensos tamén, o alumnado matricúlase no que quere… eu non vexo onde pode estar a desigualdade “.

O certo, e isto póñeno de manifesto os datos analizados, é que elas teñen unhas cualificacións de acceso á universidade máis altas que eles; os homes necesitan máis tempo para acabar, permanecendo de media máis tempo que as mulleres e, en relación ao rendemento, elas preséntanse máis, superan unha porcentaxe maior de materias por curso e acadan mellores cualificacións. Entón, por que non acaban accedendo aos postos de máis alta responsabilidade?

Estamos falando xa de “discriminación vertical”, que implica que para a maioría das mulleres é moi difícil chegar aos postos máis altos da súa categoría profesional. A razón? Amada Traba Díaz e Luz Varela din que se trata de “estratexias de discriminación sutís xunto con outras discriminacións, como as que afectan a conciliación familiar por exemplo”. Neste caso as entrevistas realizadas polas autoras do traballo achegan moita luz: “Teño o convencemento de que existen atrancos familiares para a realización de estadías de investigación fóra de Galicia, sobre todo no caso de profesoras con familia e de estadías longas. Nesta sociedade concíbese que un home vaia traballar fóra durante un período longo (máis de dúas ou tres semanas por exemplo) e non así no caso das mulleres”. “Hai moita discriminación sutil, por exemplo, o ton que se emprega nas críticas é diferente, as miradas que teñen que soportar as mulleres, as críticas enmascaradas”.

Revisando os últimos datos publicados polas universidades galegas do número de profesores, Persoal Docente e de Investigación (PDI), segundo a xerga universitaria, xa se ve claramente a desigualdade que afecta, ademais, aos tres campus galegos: en Santiago, 1.420 homes fronte a 877 mulleres; na Coruña 985 fronte s 528; en Vigo, 64% homes e 36% mulleres. O campo no que hai maior desequilibrio é, de novo o tecnolóxico, moi masculinizado. Outro dato referido a Vigo: hai 46 departamentos, dos que 13 están dirixidos por mulleres (28,26%) e 33 dirixidos por homes (71,74). E as cifras, como cabía pensar, vólvense escandalosas cando analizamos os niveis superiores e, especialmente, as cátedras: na Coruña 123 catedráticos fronte a 18 catedráticas (menos dun 13%), en Vigo un 79,4% de catedráticos e un 20,6% de catedráticas. Examinando todas as categorías a relación queda clara: a maior categoría, menor presenza feminina. Por outra parte, a tendencia invértese no ámbito do PAS (Persoal de Administración e Servizos), no que as mulleres son maioría.

Toda esta información fai necesaria unha pregunta moi desacougante: ata que punto lastra a Universidade, con todo o que iso implica, a ausencia dun número moi importante de mulleres máis cualificadas que os homes, nos postos relevantes? Tamén se fai necesario respondela con criterio, obviamente. E hai que analizar, explicar e construír políticas que busquen o equilibrio. Políticas igualitarias que non queden en textos grandilocuentes e vacíos.

O primeiro, buscar e identificar causas. As mulleres sofren un freazo en determinado punto da súa promoción, en boa parte seguramente pola conciliación, pero tamén por moitas máis circunstancias menos visibles. Cómpre citar aquí o que as autoras do estudo de Vigo sinalan: “malia telo solicitado, non se puido contar con datos referentes á presenza de homes e mulleres en comisións de selección de PDI (persoal docente e de investigación)”. Aí queda. E aí vai outro comentario das entrevistas: “Unha das barreiras máis importantes que vexo pola nosa socialización é a capacidade de sacrificarse polo “ascenso profesional” da parella, ante dúas persoas facendo carreira universitaria, elas son sempre as que se cargan de máis cousas por apoiar aos seus compañeiros”. E así moitos.

Outro desquilibrio, no Claustro (en Vigo hai un 35,14% de mulleres), e cómpre sinalar que a súa presenza nese órgano colexiado é incluso inferior ao peso que teñen no conxunto da universidade, unha situación que está estancada desde hai bastantes anos. O estudo de Amada Traba e Luz Varela deixa constancia que nunha grande maioría de órganos colexiados hai presencia maioritaria de homes. No que atinxe ao de reitor, “dende o ano 1990, no que se crea a Universidade de Vigo, houbo cinco mandatos pero ata o momento ningunha muller ocupou o cargo de reitora. Respecto ás vicerreitorías houbo que agardar ata o ano 2002 para que unha muller ocupase o cargo de vicerreitora. En total, en todo ese período ocuparon vicerreitorías 5 mulleres.”

O estudo de Amada Traba e Luz Varela, por certo, titulado ‘Informe e diagnose da igualdade na Universidade de Vigo’, é prolixo e detallado, consta de preto de 500 páxinas e é moi aconsellable a súa lectura. Obviamente, non hai espazo neste artigo para tanta información tan interesante, sen embargo non me gustaría rematalo sen reproducir algúns comentarios recollidos nas entrevisas referidos ao liderado das mulleres e as relacións no grupo de traballo. Deixarei caer algúns, uns pouquiños, reproducidos textualmente do estudo, que promoven, cando menos, a reflexión:

Dende o meu punto de vista, existen diferenzas na xestión do traballo entre homes e mulleres. O home, polo xeral, adoita ser máis competitivo, máis espectacular, acelera máis. Busca o recoñecemento inmediato, o impacto. No caso das mulleres, o noso traballo é moito máis constante, resistente e calado. Sen grandes profusións nin demostracións e cunha actitude máis humilde, pero tamén máis estable. Os métodos de traballo tamén varían, as mulleres botamos máis tempo e somos máis afíns a un traballo colaborativo, os homes cando se reúnen buscan impresionar aos pares. En xeral, nas comisións e nos proxectos traballamos as mulleres e dirixen os homes, con poucas excepcións”.

Respecto das formas de relacionarse si que se observan diferenzas porque en xeral as mulleres son máis “humanas”, en moitas ocasións máis faladoras (polo tanto se perde máis o tempo…), pero na miña experiencia encántame traballar con mulleres. A modo de anécdota, e en relación con isto do ´trato´, en máis dunha ocasión observei que o trato que teñen algúns compañeiros… respecto as mulleres é machista (por exemplo, poden chamarte a atención se es muller e moza, elevando a voz, facéndose os “machitos” sen vir a conto, pero é a muller a prexudicada e non ao mellor un compañeiro que fixo o mesmo ca ti pero que é home e que ten máis idade e, como non, mellor posto laboral). Todo inflúe, pero o xénero, desde logo”.

Hai diferenzas entre homes e mulleres no estilo dirección e liderado. As mulleres ‘mandan’ mellor; a súa dirección, en xeral, non é tan agresiva nin petulante; comunícanse e fanse entender mellor. Aínda que hai de todo. Nos procedementos de organización do traballo tamén hai de todo, a veces tamén vai coa experiencia”.

Cando os homes chegan a casa se non teñen responsabilidades non teñen espazo e prefiren –e poden- quedar moito tempo no despacho traballando ou investindo tempo nas redes informais de comunicación da organización”.

Non é tanto que as mulleres desenvolvan o seu traballo de maneira diferente senón que as etiquetas e estigmas que se lles poñen teñen que ver coa persistencia dos estereotipos masculinos e femininos: el ten carácter e ela ten mala uva, ela é ambiciosa e el ten expectativas e obxectivos”.

Liderados femininos con mulleres mala cousa, mellor os mixtos. Eu cunha xefa moi ben… pero…”.

Si, as mulleres son máis eficaces e organizadas, e nas relacións persoais son máis problemáticas”.

O liderato das mulleres sempre é moi cuestionado”.

Cando alguén entra e ve un home e unha muller nun despacho normalmente dá por feito que el é o xefe e ela a secretaria”.

Xa saben, se queren máis información e detalles vaian ao propio estudo neste enlace. Por certo, os datos expresados corresponden, no caso de Vigo, a unha evolución anual ata o 2009, e no caso da Coruña e Santiago, aos anos 2009 e 2010.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s