O Cineclube de Compostela retoma a súa programación cunha sesión especial, este martes 27 de setembro, dedicada á obra da realizadora galega de animación Peque Varela. A sesión vai contar coa presenza da directora, que se achegará ao Cineclube para proxectar as súas curtas realizadas até o momento, explicar o proceso creativo da animación e conversar co público asistente. A sesión terá lugar ás 21:30 no CS O Pichel (Santa Clara, 21).
Peque Varela, nacida en Ferrol en 1977, comeza no mundo do cinema xa de nena, no momento no que o seu pai lle regalou unha videocámara coa que realizaba filmes caseiros. Con tan só 19 marcha a Londres, onde se gradúa en Práctica de Medios Contemporáneos pola Universidad de Westminster. Colle especial interese pola animación e no 2007 gradúase na National Film and Television School de Londres, onde ten como mentor ao animador Phil Mulloy. É no marco da NFTS onde vai realizar os seus filmes Gear, Phace e 1977. In 2009 Peque funda Argallando, con Silvina Cornillón, unha compañía que busca producir proxectos independentes, da que Gato encerrado, de 2010, foi o primeiro filme. Ademais, ten traballado para anuncios comerciais e realizado os títulos de crédito do filme Sweeney Todd, de Tim Burton.
A sesión vai estar composta polas curtas Gear, Phace, 1977 e Gato encerrado. As dúas primeiras, Gear e Phace, son traballos dun minuto realizados na NFTS. 1977, pola súa banda, é o traballo co que se gradúa na escola, unha peza experimental que retrata o barrio de Caranza, Ferrol, a partir das propias vivencias de infancia da directora, e que foi seleccionado para o Festival de Sundance. Gato encerrado, mellor curta de animación dos Premios Mestre Mateo no 2010, é unha curta que busca un público máis amplo, na que trata, porén, temas como as desigualdades ou a propia existencia, a través das diferenzas entre os gatos que nacen con sete vidas e os que nacen con nove.
Ademais de introducir os seus propios filmes e conversar co público asistente, Peque Varela vai aproveitara a presenza sesión do Cineclube para mostrar o proceso creativo e técnico que levan detrás os traballos de animación, unhas técnicas que adoitan resultar bastante descoñecidas para o gran público.
O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
Peque Varela tamén foi protagonista e gañadora de premios na última edición do Mufest, Festival de Cinema Feito por Mulleres de Andaina