O xogo das cadeiras

Ohttp://xogodascadeiras.blogaliza.org/about/ XOGO DAS CADEIRAS

Manifesto pola entrada das mulleres na Real Academia
“As mulleres sostemos a metade do ceo. (…). É hora de deixar de agardar”.
Xohana Torres.
“Ver Xuntas, ver cada unha o que a outra non pode ver porque cada unha
ocupa[ba] un lugar diferente, pero saber que nos xuntamos nese cuarto para
mirar o mesmo, para trenzar un espazo común”. Margarida Ledo
“dunha banda a muller como axente de importancia capital na transmisión da
lingua tradicional (…), doutra a muller como axente difusor do cambio”.
Rosario Álvarez
“Imos de nai a nai pola liña da vida”.Luz Pozo
Catro mulleres, catro cadeiras, catro palabras. Demasiadas poucas para
soster a metade do ceo, para trenzar un espazo común, para transmitir e
cambiar a lingua, para ir de nai en nai pola liña da vida. As fortes voces
das poetas, das narradoras, das lexicógrafas, estudosas da literatura,
transformadoras da linguaxe e polo tanto da vida en xeral quedan
empequenecidas no absurdo xogo das cadeiras polo cal a Real Academia Galega
nos reduce á insignificancia.

Dende a fundación da Real Academia Galega as mulleres levamos xogando sen
cesar a aquel vello xogo infantil das cadeiras. Sempre somos nosoutras as
que quedamos sen asento. Corremos máis ca ninguén, temos méritos, valores,
as mans desgastadas de tecer redes, os lombos fartos de cargar con moito
máis ca a metade do ceo cada día. E, malia a isto, seguimos quedando sen
cadeira.

Resulta indigno mesmo ter que sequera argumentar o inxusto e innobre desta
situación. Nestas alturas da nosa historia non abondan as cadeiras todas da
Rúa Tabernas para dar acubillo ás mulleres de tantas xeracións que teñen
méritos máis que sobrados para ocupar o seu posto. As nosas voces diversas
deben de ser escoitadas, as nosas voces transformadoras e críticas, aló onde
a lingua se decide, aló onde se debate a súa supervivencia que é tamén nosa.
Non queremos ficar máis excluídas da historia, non queremos que as
escritoras e estudosas do futuro teñan que buscarnos, como fixemos nós coas
nosas devanceiras, entre o cascallo condescendente das palabras dos homes ou
nos fondos máis escuros das bibliotecas. Queremos estar aí porque é de
xustiza. Porque nosoutras tamén facemos a lingua, porque nosoutras tamén a
labramos, a tecemos, a enguedellamos ás vidas do cotián, ás vidas do
grandioso, ás vidas propias e alleas. Moitas das nosas mans, ademais, están
curtidas en traballos pola igualdade moito máis amplos, en estratexias e
alianzas que a Real Academia necesita para chegar á sociedade.

Señores académicos, non queremos seguir xogando ao xogo das cadeiras. É hora
de deixar de agardar. Cadeiras para as mulleres XA.

http://xogodascadeiras.blogaliza.org/about/

Advertisements

Un comentario en “O xogo das cadeiras

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s