Este venres cúmprense exactamente 175 anos do nacemento de Rosalía de Castro e para celebralo a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou un feixe de actividades de todo tipo e en todas as direccións, animando ademais á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor. Dende hai semanas, ademais, foilles remitindo aos concellos de todo o país solicitudes para que os plenos municipais aprobasen mocións declarando este 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro.
Até agora máis de trinta xa o fixeron ou están en proceso de facelo, comezando pola Coruña, A Estrada, A Guarda, A Pontenova, Arteixo, Arteixo, Betanzos, Cangas, Ferrol, Laracha, Muros, Narón, O Rosal, Ponteareas, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Santiago, Teo, Tui, Valdoviño, Viana do Bolo, listaxe que irá aumentando nos próximos días segundo se vaian celebrando os plenos. Como salienta Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, “o recibimento foi moi bo. A proxección que ten Rosalía é tal, que segue estando en nós case sen dármonos conta”.
“O obxectivo é achegar a obra de Rosalía todos os galegos, que hoxe coñecen unha Rosalía que non foi a que estudamos durante moitos anos”
Como salienta Queixas, os actos organizados nacen con vocación de ser moi “sociais” pois “a obra de Rosalía está concibida para o pobo, para a sociedade galega”. O obxectivo é “achegar a obra de Rosalía todos os galegos, sobre todo os máis novos, que hoxe coñecen unha Rosalía que non foi a que estudamos durante moitos anos. Os estudos de diferentes investigadores nos últimos anos fóronnos colocando ante unha Rosalía moito máis auténtica, con maior personalidade, unha muller culta, loitadora, vangardista…, algo moi diferente a aquela Rosalía simple, chorona, populista…, que outras xeracións estudamos”.
Queixas afirma que “Rosalía tiña un país na cabeza que non era a que daquela había e ela ergueuse convencida como a voz do pobo, dende unha posición consciente de certo prestixio ou con maior facilidade para chegar á sociedade. Era a voz dos oprimidos, dos silenciados, das maltratadas, das nunca valoradas, das invisibilizadas, das mulleres, da lingua, era a voz que falaba por todos”. E conclúe: “precisamos voces que nos recorden que non existe aínda o equilibrio para a sociedade, nin para o xénero, nin para as linguas, que hai unha lingua propia e oficial que segue sendo invisibilizada e marxinada”.
Actos públicos
Durante toda a xornada haberá actos nos centros de ensino, pero tamén nas rúas e prazas máis significativas das principais vilas e cidades galegas. Estes son:
Santiago de Compostela, Panteón dos Galegos Ilustres, 18:00
A Coruña, Kiosko Alfonso, 18:30
Lugo, Salón de actos do IES Lucus Augusti, 10:30
Ourense, Liceo, 19:00
Ferrol, Galería Sargadelos, 19:00
Vigo, Museo de Arte Contemporánea (MARCO)
A Rúa, Biblioteca Pública Municipal, Casa da Cultura, 18:30
Pontevedra, Casa das Campás, 18:00
A Estrada, Sala de conferencias e exposicións CaixaNova, 19:00
Monforte, Centro de interpretación do viño, 21:00
Artigo de Praza Pública
Blogue do dia de Rosalia